O venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, no salón de actos do Liceo d’A Pobra do Caramiñal (Rúa da Paz, 27), preséntase o libro Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola A. C. Barbantia, participan, xunto ao autor, Víctor F. Freixanes, Xesús Laíño, presidente de Barbantia e Jorge Abal Caamaño. Crónica posterior en Galaxia.
Arquivos da etiqueta: Laura no deserto
Antón Riveiro Coello: “Ás veces a literatura trata de curar feridas aínda abertas”
Entrevista a Antón Riveiro Coello en El País:
“(…) – El País (EP): Cal é a motivación inicial de Laura no deserto?
– Antón Riveiro Coello (ARC): O xermolo é unha casualidade. Durante un obradoiro literario con rapaces saíu na prensa a noticia de que Sofía Romo [irmá do músico de Los Tamara, Prudencio Romo] aparecera sen memoria nun hospital de Miami despois dun intento de roubo e que só cantaba Galicia, terra nosa. Neses días andaba eu a ler o libro de Mercedes Núñez Cárcere de Ventas (A Nosa Terra). Propúxenlles facer un relato múltiple a partir destas dúas situacións. Publicamos o resultado en 2005 pero o asunto seguiu remoéndome e comecei a interesarme na vida de Mercedes Núñez. Daquela, a xornalista Carme Vidal, que editou Cárcere de Ventas, pasoume moito máis material e apuntes da investigación que fixera ou o outro libro de Mercedes El carretó dels gossos [publicado en 2012 co título Destinada al crematorio], que fala da súa estancia no campo de Ravensbrück. Pensei en escribir a vida da propia Mercedes Núñez, pero non me atrevín, porque unha historia real restrinxe moito a ficción. Os escritores traballamos máis sobre a dúbida e o presentimento e nos relatos vivos dos campos de exterminio o máis interesante está no que calan os protagonistas máis que no que contan do terríbel que o pasaron. En todo caso Laura é unha irmá xemelga de Mercedes Núñez, pero é tamén a suma de moitas vidas de mulleres que estiveron no inferno dos campos, que foi moito peor aínda que o dos homes pola connotación sexual. (…)
– EP: Quedou atrás a teima de debater sobre rural e urbano á hora de poñer o listón sobre a modernidade do novelista. Laura no deserto exhibe unha acción en varios países e vai desde unha pequena vila galega en 1936 até unha megalópole norteamericana en 1982, e brinca de Barcelona a Carcassonne.
– ARC: Xa non collín o tempo desa discusión. Traballo como un escritor do mundo, procurando cargar con esa responsabilidade sen que a lingua, que xa é o galego con naturalidade e sen complexos, ou os lugares nos que sitúo a acción, sexan un problema á hora de facer a miña obra. Os escritores galegos temos a sorte, para algúns mala sorte, de non poder vivir da literatura e por iso o mercado non condiciona a nosa escrita.”
Allariz: presentación de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello
O sábado 21 de xaneiro, ás 20:00 horas, na libraría Aira das Letras (Rúa Emilia Pardo Bazán) de Allariz, preséntanse os libros Laura no deserto, e O paso do esquecemento, de Antón Riveiro Coello, publicados, respectivamente, en Galaxia e o Centro da Cultura Popular do Limia. Crónica fotográfica posterior en Galaxia.
“As editoriais galegas apostan pola narrativa clásica e contemporánea nas novidades de outono”
“Despois do repouso do verán, as editoriais galegas prepáranse para a recta final do ano cunha oferta que abrangue os xéneros e autores máis diversos. Unha das novidades máis esperadas nos andeis é a das novelas galardoadas nos premios Xerais. O gañador, Xavier Queipo, recupera o xénero de aventuras en Extramunde, un relato de mar e viaxes. Na categoría infantil triunfou nestes premios a ciencia-ficción. A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, fala da creación do primeiro ser humano artificial nunha literatura cargada de fantasía e humor. O terceiro premiado, Héctor Carré, publica a novela xuvenil Febre, unha historia do Oeste situada en terras galegas na que non faltan espías, armas e unha moza que decide non someterse ao destino e forxar o seu propio camiño. Estas tres novelas estarán acompañadas do último traballo de María Xosé Queizán, que presentará nos próximos meses Meu pai vaite matar (Xerais). Outra das novidades estrela será a nova entrega de Domingo Villar protagonizada polo detective Leo Caldas. Despois de Ollos de auga e A praia dos afogados, chega Cruces de pedra (Galaxia), unha novela que arranca coa desaparición dunha muller en Moaña. Nesta editorial publicarase tamén Laura no deserto, o regreso de Antón Riveiro Coello, e Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias. (…)” Vía La Voz de Galicia.