Gañadores da XVIII edición dos Premios Frei Martín Sarmiento 2022

Desde o blog do Premio Literario Frei Martín Sarmiento:
“Obras e autores gañadores na XVIII edición.
INFANTIL
Como se di. Lawrence Schimel e Thiago Lopes (ilust.). Alvarellos Editora
1ª CATEGORÍA (1º/2º Primaria)
Mortiña. Bárbara Cantini. Hércules de Ediciones
2ª CATEGORÍA (3º/4º Primaria)
Patio de luces. Érica Esmorís. Xerais
3ª CATEGORÍA (5º, 6º Primaria)
Plan de rescate. Antía Yáñez. Xerais
4ª CATEGORÍA 1º/ 2º ESO
O couso. David Walliams. Sushi Books
5ª CATEGORÍA (3º/4º ESO)
Como lágrimas na chuvia. Jordi Sierra i Fabra. Traducido por Xesús Domínguez Dono. Galaxia
6º CATEGORÍA BACH e adultos
Luces sobre a ría. Roberto A. Rodrigues. Alcaián. Urco.”

Finalistas dos XVIII Premios Frei Martín Sarmiento

Alvarellos celebra os 40 entrando no mercado infantil

Desde Sermos Galiza (foto do Facebook de Helena Villar):
“Esta sexta feira 16 de xuño Alvarellos Editora cumpre 40 anos da súa presentación en Lugo. O seu actual director, Henrique Alvarellos, fillo do fundador -Enrique Alvarellos-, explica así este movemento: “Somos a vicedecana das empresas editoras galegas e afrontamos o futuro ollando aos primeiros lectores e lectoras. Damos un xiro na nosa liña editorial e comezamos con esta ilusionante Colección Verdemar. Seguiremos publicando libros para adultos, por suposto, pero a nosa pretensión é ir captando aos lectores máis novos. É un mundo fascinante para traballar desde unha factoría de contidos como é a nosa”.
Estes días chegan ás librarías os primeiros exemplares dos dous primeiros títulos desta nova colección, que xa foron presentados na pasada SELIC (Semana do Libro de Compostela): o álbum ilustrado Queres ler un libro comigo?, do americano Lawrence Schimel e debuxado polo artista paulista Thiago Lopes, destinado a crianzas a partir dos 3 anos; e Contos do Sol e da Lúa, de Helena Villar Janeiro, con ilustracións de Ana Costa, dirixido a maiores de 8 anos.
O nome da colección, explican desde a editora, provén do Príncipe Verdemar, un dos protagonistas da peza de teatro A cabeza do dragón, de Valle-Inclán, que vén de ser levada ao teatro por Quico Cadaval este mesmo ano. A editorial avanza que nos vindeiros meses irán aparecendo novos títulos desta colección, entre eles, un conto do propio Quique Alvarellos baseado na historia do bosque do Banquete de Conxo.”

San Simón, Redondela: II Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador

O II Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con Barqueira e Remador celebrarase do 14 ao 19 de outubro na illa de San Simón (Redondela). É un proxecto coordinado pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño e impulsado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Concello de Redondela, xunto a outras entidades colaboradoras coma o Concello de Pontevedra, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Facultade de Filoloxía e Tradución do CUVI –e os grupos de investigación BITRAGA e GAELT vinculados á mesma- entre outras.
Os participantes nesta segunda edición, que cumpren o esixente perfil de seren poetas moi recoñecidos nos seus sistemas literarios e á vez sobranceiros tradutores de poesía, chegarán dende os máis afastados recantos de Europa, África do Norte e EEUU. Gökçenur Ç (Turquía), Kätlin Kaldmaa (Estonia), Xuan Bello (Asturias), Samira Negrouche (Alxeria), Lawrence Schimel (Estados Unidos), Anna T. Szabó (Hungría) e Isaac Xubín (Galicia) desenvolverán un intensivo traballo presencial, colectivo e recíproco de tradución -a cadansúa lingua- dunha selección de textos poéticos propios acompañados de versións ponte en inglés, a que funcionará como lingua vehicular para todo o proxecto.

Mais, alén diso, un rico programa de actos paralelos servirá tamén para poñer en contacto aos públicos galegos da cultura con estas figuras literarias internacionais, á vez que os convidados coñecen máis de preto o tecido cultural galego sobre o propio terreo:
Mércores 16 outubro, 20:00 horas. Recital poético multilingüe Atendendo o meu amigo. Casa das Campás, Pontevedra. (En colaboración coa AELG e o Concello de Pontevedra).
Xoves 17 outubro, 19:30 horas. Mesa redonda Cercando as ondas. Tradución poética en mans de poetas. Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n), Vigo. (En colaboración con BITRAGA, GAELT e a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo).
Venres 18 outubro, 20:00 horas. Recital poético multilingüe Atendendo o meu amigo. Auditorio do Multiusos da Xunqueira (en colaboración co Concello e a Biblioteca Municipal de Redondela).

Todos estes actos -gratuítos e abertos para todo o público interesado- permitirán coñecer de primeira man o labor desenvolvido, tanto como gozar das obras literarias destes sete recoñecidos autores nas súas propias voces, a carón das traducións ao galego das que este ano se ocupa Isaac Xubín.Completarase así un traballo que os poetas participantes darán a coñecer unha vez de volta nas súas respectivas comunidades lingüísticas, nun proceso de intercambio cultural que coloca á escrita galega nunha proxección internacional practicada dende o seu terreo.
Os idiomas estoniano, francés, turco, inglés, asturiano, húngaro e galego serán os protagonistas desta segunda edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con Barqueira e Remador nunha iniciativa capaz de poñelos a todos ao mesmo nivel, facendo dunha illa pequena e periférica coma San Simón un verdadeiro centro de mutuo enriquecemento lingüístico e literario.

Pode descargarse máis información aquí: Folleto Con barqueira e remador 2013.