Compostela: actividades destacadas do 14 de maio na Feira do Libro 2021

O 14 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Pedro Feijoo asina Un lume azul e outras obras, publicadas por Xerais.
19:00 h. Claudio Otero Eiriz asina A industria galega dos curtumes, publicado por Laiovento.
20:00 h. Pepe Carballude asina De como o Santo dos Croques se fai peregrino, publicado por Hércules, e A pintora libertaria, publicado por Galaxia.
20:00 h. Xosé Luís Bernal asina Eles e mais eu. Compostelaneando, publicado por Galaxia.

Pepe Carballude: “Sempre o digo: son fillo dos contos”

Entrevista a Pepe Carballude en La Voz de Galicia:
“«Lendo moito, relendo cousas pasadas e corrixindo algunhas que sairán proximamente» é como vai pasando Pepe Carballude (Rubín, A Estrada, 1956) este tempo de pandemia. Tradutor, investigador, catedrático de Latín e escritor dun bo número de obras para público infantil e xuvenil, hai xa cousa de cinco anos que está xubilado da docencia, que no ultimo cuarto de século exerceu no instituto Neira Vilas de Oleiros. Antes, entre outras paradas, foi tamén director do Alfredo Brañas de Carballo, onde viviu durante anos.
Carballude é actualidade porque Hércules Edicións publicou a finais do 2020 unha nova edición da súa obra De como o Santo dos Croques se fai peregrino, aproveitando ademais para sacar unha versión en castelán. O libro, que mereceu no 2002 un dos premios O Barco de Vapor que ten no seu haber, segue sendo actual 18 anos despois. «Estiven reléndoo para poñer a punto algunhas cousas e aínda río con el. A obra quedara así un pouco durmida, mais cando ía aos centros a falar, sempre ma mencionaban, dicían que lles gustara, que era unha mágoa que non se atopase…. Así que, aproveitando o Xacobeo, agora bianual, chega esta nova edición», contaba onte o escritor. (…)
Como lle chegou a el a afección? A casa de Carballude «era de labradores, coma a de tantos». Foron circo irmáns, seguidos. «Estaban con nós dúas señoras, irmás, que non tiñan fillos. Todos os días, á hora de deitarnos, contábannos unha historia: vidas de santos, historias de desaparecidos… Repetíannos moitas veces a mesma, pero sempre a contaban de forma distinta. Toda esta fantasía espertou en min a curiosidade, creo que aí empezou todo, a miña idea de fabular e contar historias. Sempre o digo: eu non son fillo da lectura, son fillo dos contos». Pouco a pouco, iso si, foi enriquecéndose cos libros.
Licenciado en Filoloxía Clásica, conta que cando estaba en Carballo produciuse nel «un fenómeno importante». Á capital de Bergantiños chegou recén aprobada a oposición de cátedra, logo dun traballo duro que lle comía moitas horas. Polo tanto, a maiores de dar clase (de Latín), tiña a esas alturas moitas outras libres, así que decidiu enchelas. Pensou primeiro nunha tese de doutoramento, pero deu coa convocatoria do concurso O Barco de Vapor e alá que foi, ficando finalista. «Quedei enganchado á escrita», asevera. Afirma que Bergantiños se presta para a fantasía e que toda a Costa da Morte suxire. «De camiño, algúns feitos viñéronme dados, como o Cason, que pasou cando estaba aí, ubicando a algunhas das persoas que escapaban en barracóns en Carballo», rememora. Ese encallamento nutre S.O.S, igual que o Monte Neme anda detrás de O talismán dos druídas e as Misións Pedagóxicas iniciadas en Malpica, detrás de Xograres dun tempo novo. Herdeiro da tradición oral, Carballude di que procurou seguir con ese importante legado na familia. Pode presumir de ter dúas fillas que eran quen de renunciar á televisión cando, á hora de durmir, el as convidaba a escoitar da súa boca o conto das Gorgonas, ou o de Hércules… Sempre mitoloxía. «O poder da literatura é moi cativador e elas son hoxe en día boas lectoras», recoñece.
En Oleiros reside hoxe Pepe, «un concello con moito apoio á cultura, con tres bibliotecas abertas dende as oito da mañá ata as nove da noite». Aí botou familia e raíz, mais di que cando vai á súa Estrada natal «pásame un pouco coma o Mestre Mateo cando vai á súa, sinto que toco firme»: «Somos herdeiros da infancia, e na miña só había televisión na taberna. O resto tiñamos unha radio, xogabamos ás cartas, contabamos historias, era un mundo de irmandade entre os veciños… Esa relación está en min». Este 2021 traerá novidades da súa man, algunha xa prevista para un 2020 que paralizou a pandemia a nivel cultural, mais prefire conversar diso que virá cando finalmente chegue.”