Entrevista a Antonio Manuel Fraga

EntrevistaAntonio Manuel Fraga de Xosé Duncan a Antonio Manuel Fraga en Lermos.gal:
“(…) – Lermos.gal (L): Quen é Antonio Manuel Fraga?
– Antonio Manuel Fraga (AMF): Se me tivese que definir, relacionándome coa literatura, son un lector. Querer traspasar a miña condición de lector foi o que me levou a escribir. Son moi afeccionado ás historias. De neno escoitábaas dos meus maiores, despois pasei a ler e a devorar libros e xa máis tarde, por evolución natural, comecei a escribir para contar as historias que a min me gustaban, que me inspiraban as cousas que eu lía ou que non atopaba escritas e que eu quería escribir.
Rematou por se converter nunha afección permanente ao longo dos anos e que, por circunstancias da vida, deuse a situación na que tiven tempo de adicarme a ela. Ademais de contar co apoio de xente que me animou a dar o paso, do cal estou moi contento. (…)
– L: Que desexas que atopen os lectores nas túas obras? Alén das análises de sintaxe, linguaxe e narrativa que lles poidan facer os críticos e os entendidos, cal sería a experiencia lectora que te faría sentir realmente satisfeito?
– AMF: Que lle guste a historia. Iso téñoo clarísimo. Sempre digo que a miña aproximación á lingua é o máis respectuoso posíbel por ser alguén cunha formación totalmente allea a ela. Eu non son filólogo, nin xornalista; son enxeñeiro e tento facelo o mellor que podo. Si que trato de ser moi coidadoso no tema da linguaxe, da sintaxe, da estrutura… Mais iso penso que son as patas nas que se debe apoiar unha boa historia.
O que a min me gustaría é que os lectores me dixesen ‘canto gocei ao ler o teu libro porque me gustou a historia, porque me interesou, porque me foi atrapando pouco a pouco’ e non ‘que sintaxe tan profunda e coidada tes ou que vocabulario tan excelso…’. Sempre busco que as historias sexan boas, ese é o meu obxectivo principal.
– L: É xa un tema moi manido neste tipo de entrevistas mais, como ves o panorama literario galego actual e que che gustaría que mudase nel?
– AMF: Eu o panorama literario galego, a nivel de creación, véxoo nun momento moi bo. Hai moita xente facendo cousas moi distintas, traballando moito e sacando historias moi interesantes e apetecíbeis como lector. Despois, a outro nivel, non me vou poñer a laiar como sempre porque é algo que non me gusta e prefiro buscar solucións pero tampouco son quen de aportalas.
Oxalá que a literatura galega puidese ser unha marca exportábel como foi a música irlandesa no seu momento, que xa ten un prestixio polo ben que se fan as cousas alí. Gustaríame que estas historias traspasasen as nosas fronteiras e gañasen certo recoñecemento e seren un reclamo para o público de fóra. Porque se temos que vivir do cada vez máis pírrico mercado nacional, imos costa abaixo. Evidentemente as cousas non se están a facer ben mais tampouco teño as solucións.”

Nace lermos.gal, punto de encontro da literatura en galego

“LogoLermos.gal dun longo tempo de traballo, o equipo de lermos.gal, formado por Alex Bayorti, Xosé Duncan e Martinho Terrafria, temos a honra de inaugurar este novo web, unha revista en liña dedicada ao mundo das letras en lingua galega.
A nosa intención é informar e divulgar de xeito programado e ordenado sobre os acontecementos literarios máis sobranceiros, as últimas novidades editoriais e todos aqueles temas que sexan susceptíbeis de se converter en noticia. Asemade, contamos cunha sección de entrevistas a profesionais do mundo do libro e a lectura, un apartado de recursos destinado a divulgar determinados coñecementos relacionados co ámbito literario, e unha axenda de eventos, na que se irán actualizando datas de presentacións, premios literarios, feiras etc.
Lermos.gal nace tamén cunha clara vocación de cara ás redes sociais, a través das que traballaremos pola difusión dos contidos literarios na nosa lingua.
Como lermos.gal é un proxecto colaborativo e aberto, todas as achegas a ampliar o contido e a mellorar calquera aspecto do site serán benvidas.
Para contactares connosco pódelo facer no correo electrónico lermos.gal@gmail.com ou nos teléfonos 615451703 e 655451464.”