O sábado 5 de novembro, ás 12:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21), en Lugo, terá lugar unha presentación-vermú de Corazón e demais tripas, de Emma Pedreira, e Literatura galega e pornografía, de Xulio Pardo de Neyra, publicados en Positivas. No acto participa, xunto aos autores, Marica Campo.
Arquivos da etiqueta: Literatura galega e pornografía
Xulio Pardo de Neyra escribe a primeira achega á presenza da pornografía na literatura galega
Desde La Voz de Galicia:
“O escritor e profesor universitario Xulio Pardo de Neyra (Lugo, 1968) é autor da primeira novela pornográfica galega, Intensa e quente é a túa humidade azul, publicada por Positivas, selo que vén de editar unha achega ao xénero dende un punto de vista ensaístico e académico: Literatura galega e pornografía. Mentres o primeiro concepto está asociado á elegancia, «suxire e non mostra», o pornográfico asóciase «ao baixo, o soez». Porén, segundo o autor, a pornografía non é máis que «imaxes de sexo entre persoas, polo que non ten porque ter ningún compoñente de inaceptación social». Na súa opinión, a pornografía ten o obxectivo de «incitar e excitar» sendo unha «copia do que se produce, sen eufemismos nin cortapisas».
Xulio Pardo de Neyra dedica un capítulo do seu libro á Idade Media, un período áureo, na súa opinión. «A cultura galega no Medievo é unha cultura adulta, hábil en todas as ordes, e sen estar suxeita aos desexos de ningunha outra cultura, cunha liberdade absoluta». (…)”
Compostela: Romaría dos Libros de Verán 2016
O domingo 24 e luns 25, na Praza de Mazarelos de Santiago de Compostela, terá lugar a Romaría dos Libros de Verán 2016, con horarios para o domingo 24 (de 13:00 a 21:00 h.) e o luns 25 (de 11:00 a 21:00 horas), cos seguintes actos destacados:
Domingo 24
– 18:00 h. Café/caña con autoras: Séchu Sende. Máximo 5 persoas, previa inscrición no mail romariadoslibros@gmail.com.
– 19:00 h. Trivial Literario dinamizado por Andrea Barreira. Premio dun lote de libros.
– 20:00 h. Café/caña con autoras: Carlos Quiroga. Máximo 5 persoas, previa inscrición no mail romariadoslibros@gmail.com.
Luns 25
– Todo o día: A Sega. Plataforma de Crítica literaria feminista: Preparando o III Día das Galegas nas Letras, dedicado a María Xosé Queizán.
– 16:00 h. Café/caña con autoras: María Lado. Máximo 5 persoas, previa inscrición no mail romariadoslibros@gmail.com.
– 17:00 h. Conto por Conto. Intercambio de contos infantís. Coordina: Compostela Miúda.
– 18:00 h. Café/caña con autoras: María Reimóndez. Máximo 5 persoas, previa inscrición no mail romariadoslibros@gmail.com.
– 20:20 h. Presentación do libro Literatura galega e pornografía, de Xulio Pardo de Neyra, editado por Edicións Positivas.
Xulio Pardo de Neyra: “Calquera obra pornográfica pode ser igual de exquisita e grandiosa que calquera aposta erótica”
Entrevista a Xulio Pardo de Neyra en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Dis que es o autor da primeira novela pornográfica galega. Cales son os antecedentes da pornografía na nosa literatura?
– Xulio Pardo de Neyra (XPN): Dígoo, si; e non só o digo eu: mesmo algún “crítico literario” que se alporizou, escandalizado, pola miña aposta, apuntou este extremo. Con efecto, Intensa e quente é a túa humidade azul constitúe o primeiro exemplo de romance pornográfico na literatura galega, unha literatura incardinada nunha cultura especialmente atenta cara a todo tipo de manifestacións e novidades, mais por veces, e moitas, conscientemente tradicionalista e covarde debido á súa situación como espazo minorizado—e non só iso, senón que menoscabado, aldraxado e capado polo unitarismo, o centralismo e o imperialismo que, desde o españolismo, rexe non só fóra do que hoxe son as fronteiras da nosa casa—dentro do insistente proxecto, agora seica europeísta, que a sociedade galega ten aprendido dos ditados da ideoloxía española máis restritiva. Daquela, é certo —e ben rechamante contodo— que Intensa e quente sexa a primeira novela dunha literatura que, non en van e sobre todo no eido do acervo oral, conta con innúmeras probas de xorne pornográfico e que, ademais, se orientou atentamente cara á expresión do erotismo en chave literaria. Deste xeito, os antecedentes da literatura galega, como a maior parte dos nosos antecedentes culturais, áchanse na nosa traxectoria medieval: e non é nada curioso. (…)
– SG: Que persegues coa publicación de Literatura galega e pornografía?
– XPN: Perseguir non persigo nada. Gozo co meu traballo e, como crítico e analista literario, gozo con todos e cada un dos proxectos aos que me entrego, ben sexa o estudo da literatura infantil galega, o do vangardismo histórico da Galiza do novecentos, o da literatura barroca ou, por caso, o do tratamento da imaxe da muller acuática no espectro de literaturas europeas. Con este último ensaio, portanto, amais de encher una afección persoal —sempre dixen que son un grande amante da pornografía en case todas as súas direccións, canles e formatos— tratei de reflexionar sobre da liña temática pornográfica que habita na literatura da Galiza de todas as épocas. O que ocorre é que, tras terme eu posicionado publicamente no grupo dos e das pornógrafas —algo do que me sinto especialmente honrado—, este novo ensaio meu, que vén ser o trinta e tantos dunha serie iniciada aló por 1988 cando tan só era un adolescente; preocúpase dun tema proscrito na sociedade do noso Occidente—porque seica foder fódese, mais como que non se debe dicir cando, onde, con quen e como se fai—, o da esculca na dimensión literaria pornográfica galega. E se o considero como adoito xulgar todos os meus traballos, con Literatura galega e pornografía penso que podería contribuír á normalización da pornografía na nosa sociedade, en especial na literaria por suposto; a indicar outravolta a importancia de analizármonos nós mesmos e mesmas, a apostar de novo polo estudo do que ninguén antes afrontara e, en consecuencia, a dignificar o estudo da literatura galega, e facelo amais nuns especialísimos, por desgrazados, momentos. (…)”