Desde Praza:
“”Vivimos nuns tempos nos que hai unha falta de valores; recuperar a Manuel María é recuperar valores democráticos, o amor á terra e a defensa da lingua. Se non coñecemos a nosa tradición e as nosas orixes, tampouco entenderemos a Manuel María”. Con estas palabras, Uxía Senlle reivindicou a figura do poeta da Terra Chá, que será homenaxeado unha vez máis na Coruña, na presentación dunha nova edición de Lúas de Outono, onde a cantante presentará o seu novo traballo, Andando a Terra, no que canta poemas do literato e onde tamén verá a luz o documental Danza do poema emocionado, nun acto aberto á cidadanía e de entrada gratuíta que se celebrará o xoves 13 de setembro a partir das 20:30 no Teatro Colón da Coruña. (…) O documental Danza do poema emocionado, de Anxa González Refoxo, está baseado en dous libros de poesía infantil do autor (Os soños da gaiola e As rúas do vento ceibe). A obra pretende “non traizoar o escritor e ser fiel á relación que intenta crear cos nenos galegos”, explica a guionista, que explica que o propósito do autor non era outro que “espallar o amor a Galiza”. Nesta obra, de entre 10 e 12 minutos, mestúrase a danza, a música e a poesía, nun filme no que participan membros do Centro Coreográfico Galego e unha prometedora actriz de tan só once anos. “Non é para nada simple malia que as obras fosen dedicadas ao público infantil”, di Refoxo sobre un documental no que se fixo unha escolma de varios poemas que “se trataron integramente” para manter a esencia da inteción de Manuel María e o seu amor por un país que percorreu “parroquia a parroquia e vila a vila”, como lembrou Alberte Ansede. (…)”
Arquivos da etiqueta: Lúas de Outono
A Coruña: Lúas de outono. Homenaxe a Manuel María, con música e proxección audiovisual
O mércores 7 de setembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar Lúas de Outono. Homenaxe a Manuel María, coa estrea do audiovisual De amor e cantería, de Pixel Films, dirixido por Anxa G. Refoxo e realizado por Mikel Fontes, un traballo de 10 minutos de duración que recrea os poemas de Sonetos á casa de Hortas nos que o autor expresa a significación que para el tivo a súa casa natal en Outeiro de Rei. Posteriormente terá lugar a actuación musical de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, no que estrearán cinco pezas sobre poemas de Manuel María e outras gravadas en traballos anteriores.
A Coruña: Lúas de outono. Homenaxe a Manuel María
O martes 7 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a partir das 20:30 h., celébrase unha cálida homenaxe á figura de Manuel María, LÚAS DE OUTONO, que quere ser a rememoración dunha vida e dunha obra e a reivindicación da súa vixencia, comemorando o sexto aniversario do pasamento do poeta. Nesta gala de homenaxe Uxía cantará poemas do autor chairego, acompañando un recital no que participan Pilar Pallarés, Luz Pozo Garza, Cesáreo Sánchez Iglesias e Miguel Anxo Fernán Vello. O acto está organizado pola Fundación Manuel María e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.