“Recuperar a Manuel María é tamén recuperar valores democráticos”

Desde Praza:
“”Vivimos nuns tempos nos que hai unha falta de valores; recuperar a Manuel María é recuperar valores democráticos, o amor á terra e a defensa da lingua. Se non coñecemos a nosa tradición e as nosas orixes, tampouco entenderemos a Manuel María”. Con estas palabras, Uxía Senlle reivindicou a figura do poeta da Terra Chá, que será homenaxeado unha vez máis na Coruña, na presentación dunha nova edición de Lúas de Outono, onde a cantante presentará o seu novo traballo, Andando a Terra, no que canta poemas do literato e onde tamén verá a luz o documental Danza do poema emocionado, nun acto aberto á cidadanía e de entrada gratuíta que se celebrará o xoves 13 de setembro a partir das 20:30 no Teatro Colón da Coruña. (…) O documental Danza do poema emocionado, de Anxa González Refoxo, está baseado en dous libros de poesía infantil do autor (Os soños da gaiola e As rúas do vento ceibe). A obra pretende “non traizoar o escritor e ser fiel á relación que intenta crear cos nenos galegos”, explica a guionista, que explica que o propósito do autor non era outro que “espallar o amor a Galiza”. Nesta obra, de entre 10 e 12 minutos, mestúrase a danza, a música e a poesía, nun filme no que participan membros do Centro Coreográfico Galego e unha prometedora actriz de tan só once anos. “Non é para nada simple malia que as obras fosen dedicadas ao público infantil”, di Refoxo sobre un documental no que se fixo unha escolma de varios poemas que “se trataron integramente” para manter a esencia da inteción de Manuel María e o seu amor por un país que percorreu “parroquia a parroquia e vila a vila”, como lembrou Alberte Ansede. (…)”