Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Mad Men foi unha das grandes series de televisión da pasada década. Xiraba ao redor do mundo da publicidade nos anos 60 nos Estados Unidos e presentaba toda unha serie de modelos de mulleres moi diversos, desde a ama de casa tradicional ata a profesional con grandes ambicións. Todas estas personaxes femininas son as que analiza Xosé Antón Cascudo no seu libro A mística da feminidade en Mad Men, que foi Premio Ramón Piñeiro de Ensaio no ano 2022. A súa análise parte dos conceptos feministas da teórica estadounidense Betty Friedan. A entrevista pode verse aquí.”
Arquivos da etiqueta: Mad Men
Xosé Antón Cascudo: “As personaxes de Mad Men encarnan moitos dos problemas que relatou Betty Friedan”
Entrevista de Laura Veiga a Xosé Antón Cascudo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xurdiu A mística da feminidade en Mad Men?
– Xosé Antón Cascudo (XAC): Eu estaba interesado en estudar os cambios que se están producindo a todos os niveis no ámbito da ficción televisiva: relato, produción, distribución. Porque desde 2000 houbo unha eclosión de series paradigmáticas como Os Soprano, The Wire ou A dous metros baixo terra.
Fun afondando na historia de Mad Men porque me parecía unha obra moi complexa, con moitas capas, e na que se trataba un momento histórico que tamén me interesaba: os 60, a pegada da contracultura e os cambios a nivel musical ou cinematográfico. Tamén había outros aspectos que me resultaban rechamantes, como o uso da publicidade ou a construción de personaxes.
Paralelamente, comecei a ler A mística da feminidade de Betty Friedan por curiosidade, porque nunca o lera. As personaxes de Mad Men encarnaban dalgunha maneira, ou correspondíanse, con moitos dos problemas que Friedan relataba nesa obra. Eran problemáticas que estaban aí latentes para as súas concidadás estadounidenses e que se poñían de manifesto en case todas as figuras femininas de Mad Men.
– ND: Cal foi o proceso de construír o ensaio?
– XAC: Basicamente, meterme a fondo nas tramas, facer escaletados de capítulos da serie que me interesaban moito, relacionar unhas cousas con outras e analizar o enorme subtexto que hai. É unha serie que se constrúe moito polo poder da suxestión e da imaxinación; de feito, ten unha posta en escena que podería ser catalogada como exuberante. É moi interesante como nas tramas está habendo un proceso de cambio que case non é percibido polos ollos da persoa que ve as escenas, senón que está agochado por un deseño de produción moito máis evidente.
Outro aspecto interesante son as personalidades tan fortes que hai, por exemplo a de Don Draper, o protagonista, e foi un proceso de descuberta, de ver unha e outra vez a serie. Son arredor de 70 horas de metraxe, polo que unha única visualización son tres días da túa vida que estás dedicando a isto. Probabelmente eu fixen dúas visualizacións enteiras, de principio a fin, e logo bastantes máis de capítulos soltos e secuencias concretas que me interesaban. (…)”