Reportaxe de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Escribo estas liñas en rematando o día do aniversario do pasamento de Manuel Leiras Pulpeiro, ao que honramos en Mondoñedo nunha xornada memorable con diversos actos que lembraron a súa figura e confirmaron, máis unha vez, a vixencia non só literaria, senón humana e cívica de quen foi republicano, federalista, laicista, filántropo e decido defensor da lingua nosa, das tradicións etnográficas propias, da idiosincrasia antropolóxica que máis xenuinamente nos caracteriza.
Pola mañá, ás 12:00 h., o Salón Nobre do Concello de Mondoñedo acolleu a presentación dun volume colectivo de interese para o coñecemento e análise da obra do persoeiro mindoniense: Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912). O poeta e o cidadán ao cabo dun século. O libro, que coordinaron Xe Freyre e Abel Vigo García e editou o Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo coa supervisión de Xoán Ramiro Cuba, reúne unha parte substantiva das conferencias e relatorios do congreso leirasiano que, por mor do cumprimento do centenario do autor, tivo lugar en Mondoñedo nos primeiros de novembro de hai dous anos.
Así pois, neste volume poden lerse traballos de Xe Freyre, Andrés García Doural, Xosé Manuel González Reboredo, Antón Meilán, Isabel Morán, Camiño Noia, Antonio Reigosa, Ramón Reimunde, Armando Requeixo, Alicia Tella-Villamarín e Xosé Ramón Veiga, textos e achegas que convidaron a coñecer no acto de presentación o propio Freyre, amais de Reimunde e Meilán, todos tres con alocucións complementarias, pois á acuidade na síntese de contidos do coordinador seguiu a reivindicación leirasiana do seu editor e aínda o discurso emotivo, vibrante e entregue de quen se criou na casa do poeta. (…)”
Arquivos da etiqueta: Manuel Leiras Pulpeiro (1854–1912) O poeta e o cidadán ao cabo dun século
Mondoñedo: presentación de Manuel Leiras Pulpeiro. O poeta e o cidadán ao cabo dun século
O sábado 8 de novembro, ás 12:00 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello de Mondoñedo, preséntase Manuel Leiras Pulpeiro (1854–1912) O poeta e o cidadán ao cabo dun século, nado a raíz das xornadas celebradas en Mondoñedo sobre Leiras no 2012 conmemorando os 100 anos do seu pasamento, e que conta coa colaboración de Xe Freyre e Abel Vigo -como coordinadores-; pero tamén con Andrés García Doural, Xosé Manuel González Reboredo, Antón Meilán García, Isabel Morán Cabanas, Camiño Noia Campos, Antonio Reigosa Carreiras, Ramón Reimunde Noreña, Armando Requeixo, Alicia Tella Villamarín e Xosé Ramón Veiga.