Nace a Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores

“Os días 15 e 16 de marzo, os representantes de 16 asociacións de escritoras e escritores de todo o Estado que escriben nas súas diferentes linguas (castelán, éuscaro, catalán, galego e asturiano), constituirán no Espazo Santa Clara, na cidade de Soria, a Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores. A escolla da cidade para constituír a Conferencia é unha homenaxe por parte das entidades que conformarán a Conferencia ao poeta Antonio Machado no 85 aniversario do seu exilio e a súa morte, pola significación que tivo a cidade na súa obra e na difusión universal dunha poesía profundamente comprometida coa dignidade persoal e colectiva e cos dereitos humanos.

Desde o ano 2016, estas entidades veñen celebrando, con carácter anual, por iniciativa da Asociación Colegial de Escritores (ACE) e co patrocinio de CEDRO, un Encontro Estatal (en Madrid e Alcalá de Henares) para valorar os grandes asuntos e demandas que afectan, desde o punto de vista profesional e do cumprimento da Lei de Propiedade Intelectual, a escritoras/es, tradutoras/es e dramaturgas/os de todo o estado. A Conferencia constituirase, así, nunha plataforma estábel de coordinación das citadas entidades ante as distintas Administracións. En Soria estarán representados case 9.000 escritoras/es, tradutoras/es e dramaturgas/os que forman parte delas e as aspiracións de todo o colectivo autoral.

O venres 15, as/os representantes das Asociacións, tras seren recibidas polo Concello, debaterán e, no seu caso, aprobarán a acta fundacional da Conferencia e a Plataforma de demandas ás Administracións Públicas, así como unha Declaración contra a censura e pola liberdade de expresión e de creación literaria e artística ante a reiteración, nos dous últimos anos, de casos vulneradores do artigo 20 da Constitución levados a cabo por distintas administracións locais, provinciais ou autonómicas.

Todas as asociacións fundadoras da Conferencia participaron activamente nas iniciativas que o mundo da cultura, nomeadamente da cultura escrita, puxo sobre a mesa nos últimos anos, comezando pola Plataforma Seguir Creando, nacida en 2015 para defender os intereses das/os creadoras/es ante as sancións que o goberno de entón impuxo a escritoras/es e tradutoras/es xubiladas/os, algúns moi coñecidos, por seguiren creando e recibindo dereitos de autoría despois da xubilación.

Aquela loita, con gran repercusión mediática, desembocou na redacción do Informe sobre o Estatuto da/o Artista, aprobado por unanimidade polo Congreso dos Deputados e cuxa concreción e desenvolvemento se veñen realizando, non sen dificultades, desde abril de 2019.

A Plataforma de demandas que se aprobará o venres na reunión constitutiva farase pública o sábado día 16 no acto de fundación da Conferencia. No seu borrador recóllese, de xeito prioritario, a exixencia de culminación do citado Estatuto, co pleno cumprimento dos compromisos estabelecidos en materia de compatibilidade pensións-dereitos de autoría, dunha cotización especial en autónomos que, ademais, contemple a intermitencia, así como unha fiscalidade que conteña un capítulo de “ingresos derivados da propiedade intelectual”.

Tamén se exixirá a modificación da norma que traspón á lexislación estatal a directiva europea sobre Dereitos de Autoría no Mercado Único Dixital e a “axeitada” retribución a autoras/es e xornalistas polos usos dos seus contidos en Internet, así como a actualización, achegándoa aos estados máis avanzados da Unión Europea, das tarifas por préstamo bibliotecario, de tal xeito que se beneficio diso o colectivo autoral.

Outras demandas presentadas son: o reforzamento dos niveis de transparencia no proceso de venda de libros; a exixencia de compensación económica a escritoras/es e xornalistas pola colaboración nos medios de comunicación, sexan en papel ou dixitais, e pola participación en actos culturais de institucións e entidades privadas; a articulación dun tratamento fiscal que beneficie ás autoras e autores, aos libros de dominio público ou á creación, no ámbito xudicial, dunha xurisdición de Propiedade Intelectual.

A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores elixirá, na reunión do venres 15 de marzo, unha persoa representante das entidades que a constitúen que exercerá, con carácter provisional, a función de voceira/o no acto público de sinatura do día 16. Posteriormente, unha vez constituída, elixirá o seu órgano reitor e o seu coordinador ou coordinadora, cun mandato de dous anos.

Os actos do sábado serán presentados pola escritora e xornalista Marisol Artica. Tras a sinatura do documento fundacional, terá lugar unha conversa sobre “o oficio de escritor/a” entre Manuel Rico e Luis Landero, Premio das Letras Españolas 2022. O concerto “A voz plural dos poetas, con Antonio Machado”, no que os cantautores Moncho Otero e Rafa Mora porán música a poemas de distintas autoras/es e escritos nas distintas linguas do Estado, porá fin aos actos constitutivos da Conferencia.

Constitúen a Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores:
Asociación Colegial de Escritores de España (ACE), Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), Euskal Idazleen Elkartea (EIE), Asociación de Escritores de Euskadi – Euskadiko Idazleen Elkartea (AEE-EIE), Asociación Valenciana de Escritores y Críticos Literarios (CLAVE), Asociación de Escritores y Escritoras de Extremadura (AEEX), Asociación Aragonesa de Escritores (AAE), Asociación Colegial de Escritores de Cataluña (ACEC), Asociación de Escritores de Castilla La Mancha (AECLM), Asociación Navarra de Escritores/as – Nafar Idazleen Elkartea (ANE-NIE), Sociedad Cántabra de Escritores (SCE), Nueva  Asociación Canaria de Escritores (NACE), Asociación de Escritores y Escritoras de Asturias (AEA), Asociación Riojana de Escritores (ARE).”

Barcelona: participación de CEDRO en Liber 2018

CEDRO participa un ano máis en Liber, a Feira Internacional do Libro, que se celebrará do 3 ao 5 de outubro, no Recinto Gran Vía de Fira Barcelona, Pavillón 1.

O stand de CEDRO (419D) inaugúrase o 2 de outubro, ás 20:00 horas.

O 3 de outubro, ás 11:15 horas, en CC1. Sala 1.3, terá lugar a seguinte mesa redonda, organizada con ACE, nas xornadas profesionais da feira:
“Escritores, pensións e dereitos de autor na Unión Europea”
Participan:
– José Jorge Letria, Presidente da Sociedade Portuguesa de Autores (SPAUTORES).
– Manuel Rico, Presidente da Asociación Colexial de Escritores de España (ACE).
– Carme Riera, Presidenta de CEDRO.
– Marie Sellier, Presidenta da Société des Gens de Lettres (SGDL).
– Modera: D. Carles Mesa, xornalista.”

O presidente do Congreso dos Deputados, Patxi López, reúnese coa plataforma Seguir Creando

(A Coruña, 3 de febreiro de 2016) O AELG Logo 3-2015recentemente elixido Presidente do Congreso dos Deputados reunirase mañá xoves 4 de febreiro ás 12:00 no Círculo de Bellas Artes de Madrid (Rúa Alcalá, 42) cunha representación dos integrantes da Plataforma Seguir Creando, a través da que as/os creadoras/es reivindican continuar traballando de forma remunerada durante a súa xubilación pola súa singular achega á sociedade.
O máximo representante da Cámara Baixa interesouse pola situación que viven os creadores aos que a actual lexislación impide compatibilizar a súa pensión de xubilación coa percepción doutros ingresos.
Destacados creadores están a ser sometidos a unha inspección polo Ministerio de Facenda como consecuencia da aplicación da actual norma que detrae da pensión as cantidades percibidas por outros conceptos trala xubilación. Numerosos creadores confirmaron a súa asistencia á reunión co Presidente do Congreso dos Deputados; entre outros, Antonio Fraguas (Forges), Chema Madoz, Javier Reverte, José María Merino, Antonio Hernández, Juan Garaizabal, Paloma Pedrero, Antón García Abril, Julio Castejón (Asfalto) ou Manuel Rico. Ao encontro asistirá o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias.