Santiago: Encontro Zambrano-Dieste: o legado de dúas figuras insubornables, o 18 de outubro

O xoves 18 de outubro, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Santiago de Compostela), terá lugar o Encontro Zambrano-Dieste: o legado de dúas figuras insubornables, organizado por esta entidade. A recuperación da memoria vén sendo xa un lugar común que deixa de ter sentido se non serve como espazo de transformación. María Zambrano Alarcón (1904-1991), unha das figuras claves da filosofía do século XX, e Rafael Dieste (1899-1981), escritor da xeración do 27, son dúas persoas comprometidas e enraizadas na cultura popular. A súa relación intelectual iníciase na Segunda República e estréitase a través da súa participación nas Misións Pedagóxicas e noutras iniciativas culturais. Pensar as súas relacións e producións é pensar tamén no futuro. Zambrano e Dieste asomen non só o peso da nosa memoria histórica senón tamén a necesidade de repensar as súas motivacións e as súas achegas.
A inscrición é gratuíta. O número de prazas é limitado (100 persoas). As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada. Para obter o diploma é preciso asistir ao 75% das sesións. Dita inscrición pode realizarse aquí. O programa pode descargarse nesta ligazón.
Coordinadores: María Xosé Agra Romero e Ramón Maiz.
Presentan: María Xosé Agra Romero, Ramón Maiz e Ramón Villares.
Relatoras/es: María Xosé Agra Romero, Xosé Luís Axeitos, Arturo Casas, Xosé Díaz Díaz, María Leyra Fernández-Labandera, Ramón Maiz e Carmen Muñoz.