Dieste por correspondencia

Aínda que está recoñecido como un dos autores sobranceiros das nosas letras, especialmente no campo do teatro e do conto, Rafael Dieste foi tamén un agudo pensador e desenvolveu un destacado traballo de dinamización cultural. A pasada semana, a xornada María Zambrano-Rafael Dieste: o legado de dúas figuras insubornables afondaba nas perspectivas menos coñecidas deste autor a partir da súa relación epistolar coa coñecida filósofa. (…)
Para alén do pensamento, as cartas permiten coñecer, como non, visións máis íntimas do personaxe. (…) Axeitos di que nestes textos “poden atoparse moitas anécdotas. Alguna exemplifica como el era, por exemplo que el sempre quixo ter un piano na casa e practicar, aínda que moitas veces tiveron que o vender por problemas económicos. El fala do piano nas cartas como dunha persoas, das súas características. No entanto, nas cartas da súa muller é onde atopamos as referencias ao prezo do instrumento”. En xeral, para o arquiveiro da RAG, esta cartas “Danlle unha dimensión importantísima ao autor, e o epistolario no seu conxunto é un tremendo espazo de dignidade”.” Desde Cultura Galega.

Santiago: Encontro Zambrano-Dieste: o legado de dúas figuras insubornables, o 18 de outubro

O xoves 18 de outubro, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Santiago de Compostela), terá lugar o Encontro Zambrano-Dieste: o legado de dúas figuras insubornables, organizado por esta entidade. A recuperación da memoria vén sendo xa un lugar común que deixa de ter sentido se non serve como espazo de transformación. María Zambrano Alarcón (1904-1991), unha das figuras claves da filosofía do século XX, e Rafael Dieste (1899-1981), escritor da xeración do 27, son dúas persoas comprometidas e enraizadas na cultura popular. A súa relación intelectual iníciase na Segunda República e estréitase a través da súa participación nas Misións Pedagóxicas e noutras iniciativas culturais. Pensar as súas relacións e producións é pensar tamén no futuro. Zambrano e Dieste asomen non só o peso da nosa memoria histórica senón tamén a necesidade de repensar as súas motivacións e as súas achegas.
A inscrición é gratuíta. O número de prazas é limitado (100 persoas). As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada. Para obter o diploma é preciso asistir ao 75% das sesións. Dita inscrición pode realizarse aquí. O programa pode descargarse nesta ligazón.
Coordinadores: María Xosé Agra Romero e Ramón Maiz.
Presentan: María Xosé Agra Romero, Ramón Maiz e Ramón Villares.
Relatoras/es: María Xosé Agra Romero, Xosé Luís Axeitos, Arturo Casas, Xosé Díaz Díaz, María Leyra Fernández-Labandera, Ramón Maiz e Carmen Muñoz.