



Máis información e inscricións aquí.
O xoves
27 de outubro, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela, terá lugar a Xornada Kathleen March, ler como feminista.
A inscrición pode facerse aquí.
Kathleen Nora March (Rochester, NY, 1949) é catedrática emérita de Español na University of Maine. En 1975 veu a Galiza para investigar sobre a poesía de Manuel Antonio e aquí quedou prendida, galega por elección. Logo virían estudos sobre Carvalho Calero, Castelao, Luz Pozo, Xohana Torres e tamén Rosalía, que nos ensinou a ler como a literata consciente que foi, en diálogo permanente co pensamento e coa literatura universal do seu tempo.
As súas traducións de Cunqueiro, Rosalía e Otero Pedrayo son outra faceta dun traballo académico imprescindíbel, que axudou á proxección da literatura galega no ámbito anglosaxón.
Nos anos 80 fundou e presidiu a Galician Studies Association (a actual Asociación Internacional de Estudos Galegos), unha ferramenta para impulsar os estudos galegos na academia norteamericana, sentando as bases para a súa posterior expansión no ámbito internacional.
Coñecermos mellor o seu traballo e pór en valor os seus contributos son os obxectivos dunha xornada que pretende tamén proxectar cara ao futuro un legado intenso e vivo: o de Kathleen March, galega, feminista, universal.


Nestes enlaces pódese consultar o programa completo e confirmar a inscrición no evento.
O
xoves 18 de outubro, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Santiago de Compostela), terá lugar o Encontro Zambrano-Dieste: o legado de dúas figuras insubornables, organizado por esta entidade. A recuperación da memoria vén sendo xa un lugar común que deixa de ter sentido se non serve como espazo de transformación. María Zambrano Alarcón (1904-1991), unha das figuras claves da filosofía do século XX, e Rafael Dieste (1899-1981), escritor da xeración do 27, son dúas persoas comprometidas e enraizadas na cultura popular. A súa relación intelectual iníciase na Segunda República e estréitase a través da súa participación nas Misións Pedagóxicas e noutras iniciativas culturais. Pensar as súas relacións e producións é pensar tamén no futuro. Zambrano e Dieste asomen non só o peso da nosa memoria histórica senón tamén a necesidade de repensar as súas motivacións e as súas achegas.
A inscrición é gratuíta. O número de prazas é limitado (100 persoas). As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada. Para obter o diploma é preciso asistir ao 75% das sesións. Dita inscrición pode realizarse aquí. O programa pode descargarse nesta ligazón.
Coordinadores: María Xosé Agra Romero e Ramón Maiz.
Presentan: María Xosé Agra Romero, Ramón Maiz e Ramón Villares.
Relatoras/es: María Xosé Agra Romero, Xosé Luís Axeitos, Arturo Casas, Xosé Díaz Díaz, María Leyra Fernández-Labandera, Ramón Maiz e Carmen Muñoz.
No
Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no serán do sábado 22 de outubro o ditame da trixésimo cuarta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais. Baixo o lema Eis o canto eterno dunha terra, recollido dun verso de Lois Pereiro, xuntáronse catrocentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de Política Lingüística; Francisco López Rodríguez, director xeral do Libro, Arquivo e Bibliotecas; Lucía Molares, delegada da Xunta en Vigo; Xosé Manuel Figueroa, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Delfín Fernández, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE; Carmela Silva, concelleira de Urbanismo do concello de Vigo; Santiago Domínguez Olveira, voceiro do BNG no concello de Vigo; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros. Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abriu o acto, conducido por Comba Campoy, saudando aos asistentes e lembrando que ao longo de máis de tres décadas os Premios da Crítica Galicia baseáronse no galeguismo integrador, “que nós os da Fundación recentemente anovada, renovada e ampliada concibimos como FORTITER IN RE SUABITER IN MODO, man forte con luva de seda, sen confundir a luva coa man, que seguiremos ofrecendo por Galicia, sempre”.
Estremas, de Ana Romaní, Premio de Creación Literaria. O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Suso de Toro, Manuel Forcadela, Isabel Soto López, María Xesús Nogueira, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Eulalia Agrelo Costas e María López Sández, que actuou como secretaría, acordou outorgar o premio a Estremas, o poemario de Ana Romaní, publicado pola editorial Galaxia. Así mesmo, fai constar unha mención como finalistas a O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro e Periferia de Iolanda Zúñiga.
Jorge Mira, Premio de Investigación. O xurado da modalidade de Investigación, formado por María Xosé Agra Romero, Senén Barro Amenedo Miguel Barros Puente, Domingo Docampo Amoedo, Uxío Labarta Fernández, Isabel Mociño e Blanca-Ana Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar por maioría a Jorge Mira por liderar un traballo titulado A importancia da similitude interlingüística e o bilingüismo equilibrado cando dúas linguas compiten, realizado cos seus colegas Luís Seoane e Juan Nieto, publicado en inglés nunha das revistas máis prestixiosas, e seleccionado polo ArXiv Physics Blog que acolle diariamente a mellor idea de entre todos os traballos publicados no Physics Arxiv un dos principais colectores de artigos científicos do mundo.
Son de Seu, Premio de Música. O xurado da modalidade de Música, formado por Joám Trilho, Victor Carou, Ramón Castromil, Uxía Senlle, Xurxo Souto Eiroa, Berta Fresco e Antón Pulido, que actuou como secretario, acordou por unanimidade outorgar o premio á orquestra folk Son de Seu, como un proxecto pioneiro e singular que a partir da música tradicional e popular galega creou un novo modelo de interpretación en formato orquestral que xa se converteu nun referente inspirador noutros países europeos.
Proxecto Terra, Premio de Iniciativas Culturais. O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Natalia Balseiro, Chelo Loureiro Vilarello, Manuel Gago, Manuel P. Rúa, Alfonso Blanco Torrado, Daniel Salgado e Marcos Lorenzo, que actuou como secretario, outorgar o premio ao Proxecto Terra iniciativa impulsada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, apoiada pola Xunta de Galicia, polo seu labor exemplar na formación das xeracións máis novas de galegos e galegas en aspectos tan sensibles para o noso país como a cultura territorial, urbanística e arquitectónica, e polo impulso dunha reflexión crítica sobre o estado dos nosos recursos patrimoniais e paisaxísticos.
Ángela de la Cruz, Premio de Artes Plásticas e Visuais. O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Enrique Acuña, Antón Castro, Mercedes Rozas, Manuel Vilariño, Alfonso Penela, Jaime Asensi e Antón Sobral, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio a Ángela de la Cruz pola súa actitude renovadora e de risco na súa linguaxe deconstrutiva coa que rompe os límites, tal como puxo de manifesto cos seus traballos e propostas de 2010.
Citizen, de Chévere, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais. O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado Manolo González, Euloxio Ruibal, Nerea de Valenzuela, Cristina Domínguez Dapena, Camilo Franco, Miguel Castelo e Comba Campoy García, que actuou como secretaria, outorgar o premio por maioría outorgar o premio ao espectáculo Citizen da compañía de Teatro Chévere pola orixinalidade da súa linguaxe dramatúrxica e da posta en escena, xurdidas dun proceso creativo pouco convencional que emprega como materia prima a historia de Galicia das útimas décadas. O resultado é un espectáculo potente que acada unha forte conexión co público ratificada ao longo das súas numerosas representacións na recentemente desaparecida Sala Nasa. O xurado quere tamén chamar a atencíón sobre a dificutade de escoller entre obras de dúas linguaxes moi distintas como son a escénica e a audiovisual que teñen ademais mecanismos de produción, creación e distribución completamente diferentes. Esta dificultade foi aínda maior nun ano especialmente vizoso no número e calidade de producións.
Vigo, 22 de outubro de 2011
Reseñado nos seguintes medios: Cultura Galega, AGE, Fervenzas Literarias, La Voz de Galicia, La Opinión, Atlántico Diario, Galicia Hoxe, El Correo Gallego, El País, ABC, Certo, Galicia Confidencial e Que pasa na Costa, Galaxia, Baía Edicións, e nos blogs Brétemas (Manuel Bragado) e Ferradura en tránsito (Xosé Manuel Eyré).
O
xoves 13 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro da profesora e escritora Carmen Blanco Un mundo de mulleres, publicado en Biblos Clube de Lectores. No acto intervirán, coa autora, María Xosé Agra e Tucho Calvo.
“A
xunta directiva da Fundación Premios da Crítica Galicia 2011 acordou na súa reunión do 14 de setembro nomear os xurados que ditaminarán cada unha das modalidades:
– Creación Literaria: Suso de Toro, Manuel Forcadela, Isabel Soto López, María Xesús Nogueira, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Eulalia Agrelo Costas e María López Sández.
– Investigación: María Xosé Agra Romero, Senén Barro Amenedo, Miguel Barros Puente, Domingo Docampo Amoedo, Uxío Labarta Fernández, Isabel Mociño González e Blanca-Ana Roig Rechou.
– Música: Joám Trilho, Victor Carou, Ramón Castromil, Uxía Senlle, Xurxo Souto Eiroa, Berta Fresco e Antón Pulido.
– Iniciativas Culturais: Natalia Balseiro, Chelo Loureiro Vilarello, Manuel Gago, Manuel P. Rúa, Alfonso Blanco Torrado, Daniel Salgado e Marcos Lorenzo.
– Artes Plásticas e Visuais: Enrique Acuña, Antón Castro, Mercedes Rozas, Manuel Vilariño, Alfonso Penela, Jaime Asensi e Antón Sobral.
– Artes Escénicas e Audiovisuais: Manolo González, Euloxio Ruibal, Nerea de Valenzuela, Cristina Domínguez Dapena, Camilo Franco, Miguel Castelo e Comba Campoy García.
Os ditames de cada un dos xurados daranse a coñecer o sábado 22 de outubro no decurso dunha cea que comezará ás 20:30 horas.”