María Luz Chorén: “Os temas que trato adáptanse mellor á poesía que á prosa”

Entrevista a María Luz Chorén en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): É certo que sempre mostrou entusiamo pola literatura?
– María Luz Chorén (MLC): Si. Teño que recoñecer que me encanta toda a arte. A miña faceta como mestra tamén fomenta outra das miñas paixóns como é a creación de contos infantís. A verdade é que me facía moita ilusión poder publicar e por iso tamén lle estou moi agradecida a Fervenza.
– FV: Foi complicado conseguir a primeira publicación?
– MLC: Xa hai moito tempo que escribo, o que pasa é que agora foi cando me decidín a publicar e por iso digo que lle debo moito a Xosé Luna e a Edicións Fervenza porque grazas a todos eles puiden conseguir facer realidade o meu soño. Aínda non tiña pensado publicar, o que pasa é que me gustaba que a xente vise o que eu escribira e non quedarme eu con iso para min. A arte hai que ensinala.
– FV: Sempre tivo claro que a súa primeira publicación tiña que estar escrita de xeito poético?
– MLC: A miña poesía está moi baseada na natureza e con contidos sempres relacionados con ela. Iso fai que sexa máis fácil facelo con poemas que coa prosa. Os temas que trato adáptanse moito mellor á poesía. Tamén son textos máis cortiños e más fáciles de escribir.
– FV: Tivo que descartar moitos poemas neste primeiro traballo?
– MLC: É un libro de poemas de temática variada, nos que se reflicten aspectos dispares da vida, do contexto social, da natureza por suposto e tamén da interacción entre as persoas e o medio que as rodea. Non é porque os faga eu pero os poemas que fago gústanme todos. Escollín uns poucos como puiden ter escollido outros porque teño un montón deles feitos. O que si fixen foi facer unha escolma variada para poder chegar a máis xente. (…)”