María Reimóndez, Marta Dacosta e Marilar Aleixandre debaten en Xornal de Galicia

O convite ten algo de provocación e algo de traizón inocente. Protagonistas do segundo Café con Letras que Xornal de Galicia organiza coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega, as escritoras Marilar Aleixandre, María Reimóndez e Marta Dacosta veñen falar de literatura e de muller, de xénero, de discriminación, da dupla vara de medir que opera, tamén, no sistema literario propio. En realidade, veñen debater sobre todo iso para o que nunca se convoca aos homes. [Ler artigo completo]

María Reimóndez no II Encontro Cidade da Coruña (vídeo)

Entrevista e fragmentos do debate da primeira sesión do II Encontro Cidade da Coruña (2009), baixo o lema Mulleres na Literatura. A palestra de María Reimóndez tiña por título Por min e polas miñas compañeiras, e tratou sobre as visibilidades e invisibilidades das escritoras galegas.

O II Encontro Cidade da Coruña desenvólvese na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11). Tralas intervencións de María Reimóndez (24 de abril), Elena Poniatowska (8 de maio) e Marilar Aleixandre (15 de maio), o ciclo pechará o próximo venres 22 de maio cunha conferencia de Teresa Moure. Estas xornadas contan co patrocinio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e están organizados pola AELG.

A Coruña: II Encontros Cidade da Coruña

Hoxe comezan os II Encontros, a se desenvolveren na Sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), ás 20.00, baixo o lema “Mulleres na Literatura”. Comezarán esta tarde coa presenza da escritora María Reimóndez, e continuarán con Elena Poniatowska (8 de maio), Marilar Aleixandre (15 de maio) e Teresa Moure (22 de maio). Co patrocinio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.

Poemas galegos en alemán

«O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará vai presentar hoxe no stand da Consellaría de Cultura na Feira do Libro de Frankfurt a obra ‘20 Gedichte aus galicien / 20 poemas galegos’. O representante da Consellaría de Cultura foi acompañado polos poetas Xosé Mª Álvarez Cácamo, Xavier Queipo e María Reimondez, ademais do coordinador da edición, Dieter Kremer, nunha presentación á que asistiron máis de cincuenta persoas.
Esta escolma dos poemas publicados nos diferentes números da revista Galicien Magazin, da Asociación Galego-Alemá acolle os poemas de Rosalía de Castro, Manuel Antonio, María Mariño, Álvaro Cunqueiro, Xosé María Álvarez Blázquez, Luz Pozo, Manuel María, Uxío Novoneyra, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Xosé María Álvarez Cáccamo, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Xavier Queipo, Miguel Anxo Fernán Vello, Ana Romaní, Marga do Val, María Reimóndez, Yolanda Castaño e Mónica Góñez.» (Máis información na web da Consellaría de Cultura)

María Reimóndez pronta para a conversa en Carballo

O Concello de Carballo, o Café Valle Inclán e a Marcha Mundial das Mulleres de Bergantiños organizan unha conversa con María Reimóndez, autora d’ O club da calceta, dentro do proxecto Literactúa. Será o mércores 27 de xuño ás 20:30 horas no Café Valle Inclán (Rúa Valle Inclán, 32) de Carballo. A autora será presentada por Fina Bastón, da Marcha Mundial das Mulleres de Bergantiños.