Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“Hugin e Munin son os nomes dos dous corvos compañeiros de Odín que viaxan cada día arredor do mundo para recoller novas e levarllas ao deus nórdico. O nome de Hugin está asociado ao pensamento; o de Munin, á memoria. Hugin e Munin son tamén as figuras que bautizaron a editorial especializada en traducións fundada por Alejandro Tobar hai agora dez anos, pensada para recoller información sobre o vasto mundo literario e achegala á Galiza.
Até non hai moito tempo, unha editorial especializada en traducións era, segundo unha opinión moi estendida, unha aventura sen futuro. En 2005 Rinoceronte Editora inaugurou esa nova vía e a tradución, un elemento de normalización imprescindíbel para calquera cultura, comezou a abrirse paso na realidade cotiá das persoas lectoras do país.
“Cando comezamos, vimos que faltaba unha editorial xeralista de alta literatura”, comenta Tobar en conversa con Nós Diario. “Comezamos con Bukowski e Mark Twain, e axiña incorporamos nomes como os de Mary Wollstonecraft ou Thomas Hardy. Logo, coa incorporación de Xavier Senín e Isabel Soto ao corpo de tradutores, apareceron os franceses: Raymond Roussel, Pierre Loti, Villiers de L’Isle-Adam…”. A lista que proporciona Tobar é longa: nestes dez anos editaron 108 títulos que xa pasaron a formar parte do acervo cultural do galego.
Non obstante, ao mercado, talvez por inercias moi arraizadas, segue custándolle admitir eses novos textos. “Agora mesmo, na Galiza estamos na mesma media que en Europa, arredor dun 20% dos títulos que se editan corresponden a literatura traducida. Foi un avance que se deu de maneira case xeométrica nos últimos anos. Mais se nos fixamos nas tiraxes, no número de exemplares, as cifras cambian. Se unha novela de autoría galega anda entre os 800 e 1.200 exemplares, nós movémonos arredor dos 300, aínda que tamén é certo que as novas técnicas dixitais nos permiten facer reimpresións de poucos exemplares, en función das necesidades de mercado. Falamos dun núcleo de persoas lectoras que medra moi de vagar, mais sen retrocesos. Antes custábanos esgotar os 250 exemplares cos que comezabamos e agora estamos quedando curtos nas estimacións” explica Tobar. (…)”
Arquivos da etiqueta: Mark Twain
Mona Imai e Alejandro Tobar fanse co premio Plácido Castro de Tradución
“O xurado da décimo cuarta edición do premio Plácido Castro de Tradución acordou hoxe en Pontevedra recoñecer o labor dos tradutores Mona Imai e Alejandro Tobar.
A xaponesa Mona Imai concorreu nesta edición cunha tradución da obra Botchan, novela do escritor e poeta nipón Natsume Soseki, publicada por primeira vez en 1906. N. Soseki é o pseudónimo literario de Natsume Kinnosuke (1867-1916), profesor de literatura inglesa, escritor de haikus e de poesía chinesa. Botchan baséase na experiencia do propio autor como docente e narra as aventuras dun profesor natural de Tokio e que choca coa xente de provincias coa que convive. Trátase dunha das obras máis populares e lidas en Xapón nos últimos cen anos.
Alejandro Tobar concorreu coa tradución O forasteiro misterioso, de Mark Twain, a derradeira novela que intentou realizar este autor estadounidense. O centro da obra é un comentario social que aborda as súas ideas acerca do sentido moral.
O xurado destacou, no caso da tradución de Mona Imai, a sutileza e a capacidade para traer para o galego unha obra creada nunha cultura distante como a xaponesa, e tamén, no caso de Alejandro Tobar, a viveza do estilo e a naturalidade da lingua que leva a un pracer lector certamente estimable.
Integraron o xurado desta edición: Susi Castro Sineiro (Fundación Plácido Castro), Carlos Arias Iglesias (Xunta de Galicia), Camiño Noia Campos (Asociación de Tradutores Galegos), Xosé Antón Palacio (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), Antón Santamarina (Real Academia Galega) e Xulio Ríos (Director do IGADI), quen actuou en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.
Pontevedra, 3 de Xuño de 2015.”