A editorial Hugin e Munin celebra dez anos traendo outras literaturas ao galego

Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“Hugin e Munin son os nomes dos dous corvos compañeiros de Odín que viaxan cada día arredor do mundo para recoller novas e levarllas ao deus nórdico. O nome de Hugin está asociado ao pensamento; o de Munin, á memoria. Hugin e Munin son tamén as figuras que bautizaron a editorial especializada en traducións fundada por Alejandro Tobar hai agora dez anos, pensada para recoller información sobre o vasto mundo literario e achegala á Galiza.
Até non hai moito tempo, unha editorial especializada en traducións era, segundo unha opinión moi estendida, unha aventura sen futuro. En 2005 Rinoceronte Editora inaugurou esa nova vía e a tradución, un elemento de normalización imprescindíbel para calquera cultura, comezou a abrirse paso na realidade cotiá das persoas lectoras do país.
“Cando comezamos, vimos que faltaba unha editorial xeralista de alta literatura”, comenta Tobar en conversa con Nós Diario. “Comezamos con Bukowski e Mark Twain, e axiña incorporamos nomes como os de Mary Wollstonecraft ou Thomas Hardy. Logo, coa incorporación de Xavier Senín e Isabel Soto ao corpo de tradutores, apareceron os franceses: Raymond Roussel, Pierre Loti, Villiers de L’Isle-Adam…”. A lista que proporciona Tobar é longa: nestes dez anos editaron 108 títulos que xa pasaron a formar parte do acervo cultural do galego.
Non obstante, ao mercado, talvez por inercias moi arraizadas, segue custándolle admitir eses novos textos. “Agora mesmo, na Galiza estamos na mesma media que en Europa, arredor dun 20% dos títulos que se editan corresponden a literatura traducida. Foi un avance que se deu de maneira case xeométrica nos últimos anos. Mais se nos fixamos nas tiraxes, no número de exemplares, as cifras cambian. Se unha novela de autoría galega anda entre os 800 e 1.200 exemplares, nós movémonos arredor dos 300, aínda que tamén é certo que as novas técnicas dixitais nos permiten facer reimpresións de poucos exemplares, en función das necesidades de mercado. Falamos dun núcleo de persoas lectoras que medra moi de vagar, mais sen retrocesos. Antes custábanos esgotar os 250 exemplares cos que comezabamos e agora estamos quedando curtos nas estimacións” explica Tobar. (…)”

Cambados: presentación de Locus Solus, de Raymond Roussel e Angel Esquire, de Edgar Wallace

O venres 24 de agosto, ás 20:30 horas, no Pazo de Torrado, Fefiñáns, Cambados, preséntanse as obras Locus Solus, de Raymond Roussel e Angel Esquire, de Edgar Wallace, publicadas en Hugin e Munin. No acto, organizado polas librarías Ramón Cabanillas e Contos, participan os tradutores Isabel Soto e Xavier Senín, xunto ao editor, Alejandro Tobar.