Arquivos da etiqueta: Marta Dahlgren
Gondomar: presentación de Fábula das aves, de Manuel Forcadela
O 6 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Libraida de Gondomar (Rosalía de Castro, 13), preséntase Fábula das aves, de Manuel Forcadela, publicado por Laiovento. Presentan o acto Marta Dahlgren e Rexina Vega.
Con barqueira e remador, por Mercedes Queixas
Artigo de Mercedes Queixas en Sermos Galiza:
“Estes días pasados, a Illa de San Simón volveu converterse en espazo alegórico e cómplice para as palabras con memoria, arroupadas en película versificada ao redor do V Obradoiro Internacional de Tradución Poética.
Esta experiencia de intercambio creativo entre seis poetas / tradutores de diferentes países e orixes lingüísticas ben diversas ten a súa razón última no logro dun produto poético multilingüe e integrador, pois cada poeta verterá, ao longo da semana de estadía da nosa illa lírica principal, para o seu idioma, a obra poética das outras cinco compañeiras de viaxe que rematará por percorrer todos os seus mundos literarios.
Para alén dos traballos directos cos vimbios da palabra en cadanseu traxe persoal, as seis poetas ofreceron tres recitais abertos ao público para gozar ao vivo do seu labor creativo.
Tiven a inmensa fortuna de asistir ao primeiro deles, celebrado en Pontevedra o mércores 19 de outubro, e participar en nome e representación da AELG.
Na Casa da Luz da Boa Vila coñecín a impecábel sintonía que vibraba entre o croata Damir Sodan, a venezolana Miriam Reyes, o estoniano Igor Kotjuh, a búlgara Tsvetanka Elenkova, o ucraíno Ostap Slyvynsky e a galega Dores Tembrás.
Con orgullo deilles a benvida a Galiza, a esta terra nada para ser testemuñada alén mar tamén a través da literatura, entre cobras ben trobadas que nos cantaron para o mundo, xa aló nos finais do século XII. Sigue lendo
A tradución de Marta Dahlgren do libro Kallocaína recibe o premio Plácido Castro
Desde Fervenzas Literarias:
“O xurado da décimo quinta edición do premio Plácido Castro de Tradución acordou recoñecer o labor de Marta Dahlgren pola súa tradución da obra de Karin Boye, Kallocaína.
Este premio, que leva o nome do ilustre humanista corcubionés que quixo estimular coas súas traducións a recuperación explícita da nosa identidade, está destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal, con especial atención á súa presenza en Internet e as traducións para o galego de obras doutras linguas.
Sobre a tradución de Kallocaína, publicada en papel por Hugin e Munin, o xurado quixo destacar o feito de que sexa unha tradución directa do sueco, unha lingua pouco traducida ao galego, feita con mestría, rigor e viveza, trazos habituais no estilo dunha tradutora consolidada e directamente relacionada coa formación de novos profesionais da tradución. Igualmente sinálase que se trata dunha obra actual que conecta á perfección coas novas xeracións de lectores e lectoras.
Marta Dahlgren, profesora na universidade de Vigo, con ampla especialización en Literatura Inglesa ou Semántica, entre outros, durante décadas contribuíu á formación de xeracións de novos tradutores. A súa obra tradutora goza de significado recoñecemento. (…)
Integraron o xurado desta edición Xavier Senín, da Fundación Plácido Castro; Carlos Arias, da Xunta de Galicia; Fernando Moreiras, da Asociación de Tradutores Galegos; Xosé Antón Palacio, da Real Academia Galega; e Xulio Ríos, director do IGADI, quen actuou en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.”