O martes 6 de novembro, na Biblioteca Municipal de Gondomar, ten lugar a cita mensual co club de lectura Sete Vidas que mantén a asociación Espazo Lectura. Nesta ocasión, os lectores e lectoras que queiran achegarse á biblioteca poderán falar arredor do libro de relatos Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán, publicado en Xerais. A actividade comeza ás 20:00 horas. A partir das 21:00 horas, a propia autora achegarase á biblioteca de Gondomar para conversar sobre a súa obra coas persoas que acudan ao club.
Arquivos da etiqueta: Meu pai vaite matar
María Xosé Queizán: “Meu pai vaite matar xurdiu dunha viaxe a Tierra de Fuego”
“A edición compostelana de La Voz de Galicia publica unha declaracións de María Xosé Queizán sobre a súa última novela, Meu pai vaite matar. A escritora aclara que «esta novela xorde dunha viaxe –da que poñerei imaxes na presentación– que fixen hai máis dun ano a Tierra de Fuego». Alí coñeceu un penal militar onde levaban aos criminais máis terribles, convertido agora en museo, que a deixou fascinada. María Xosé explica que a novela transita entre Galicia e a Arxentina, «reflectindo a través dos personaxes e acontecementos cousas, frases e pensamentos moi serios». A autora di que non ten nada de biográfica. «Eu –engade– quero divertirme ao mesmo tempo que escribo e sacar seres relucentes que non teñen nada que ver comigo».” Vía Xerais.
Santiago: presentación de Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán
O mércores 7 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán, publicada en Xerais. No acto, acompañando á autora, participan Montse Dopico e Manuel Bragado.
Vigo: presentación de Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán
O mércores 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o libro Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán, publicado en Xerais. No acto, acompañando á autora, participa Manuel Bragado.
“As editoriais galegas apostan pola narrativa clásica e contemporánea nas novidades de outono”
“Despois do repouso do verán, as editoriais galegas prepáranse para a recta final do ano cunha oferta que abrangue os xéneros e autores máis diversos. Unha das novidades máis esperadas nos andeis é a das novelas galardoadas nos premios Xerais. O gañador, Xavier Queipo, recupera o xénero de aventuras en Extramunde, un relato de mar e viaxes. Na categoría infantil triunfou nestes premios a ciencia-ficción. A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, fala da creación do primeiro ser humano artificial nunha literatura cargada de fantasía e humor. O terceiro premiado, Héctor Carré, publica a novela xuvenil Febre, unha historia do Oeste situada en terras galegas na que non faltan espías, armas e unha moza que decide non someterse ao destino e forxar o seu propio camiño. Estas tres novelas estarán acompañadas do último traballo de María Xosé Queizán, que presentará nos próximos meses Meu pai vaite matar (Xerais). Outra das novidades estrela será a nova entrega de Domingo Villar protagonizada polo detective Leo Caldas. Despois de Ollos de auga e A praia dos afogados, chega Cruces de pedra (Galaxia), unha novela que arranca coa desaparición dunha muller en Moaña. Nesta editorial publicarase tamén Laura no deserto, o regreso de Antón Riveiro Coello, e Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias. (…)” Vía La Voz de Galicia.