Un mes máis o Club de lectura Gálix Tendendo redes convoca aos interesados na literatura infantil e xuvenil a un encontro cun escritor, desta volta Agustín Fernández Paz, o próximo mércores día 27 de maio de 17.00 a 19.00 horas no Consello da Cultura Galega. No acto participará tamén o escritor e amigo persoal do autor Miguel Vázquez Freire, que presentará a obra de Agustín e conducirá un diálogo que nos levará a discernir as claves da novela de misterio. A sesión xirará arredor de Aire Negro, novela que constrúe un universo autónomo forxado no esvaradío terreo do terror psicolóxico con elementos de carácter mítico e fantástico a partir de claves tiradas do común, do cotián, da vida de dous seres que coñeceron o amor.
Arquivos da etiqueta: Miguel Vázquez Freire
Gálix presenta o Club de lectura “Tendendo Redes”
Mañá xoves 26 de febreiro ás 17:30 preséntase no salón de actos do Consello
da Cultura Galega (praza do Obradoiro, Santiago de Compostela) o Clube de Lectura “Tendendo Redes”, organizado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix coa colaboración da Dirección Xeral de Difusión e Promoción Cultural da Consellería de Cultura e do Consello da Cultura Galega. Entre outras accións, o Club de Lectura promoverá encontros con autores como Xosé A. Neira Cruz, Fran Alonso, Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, Miguel Vázquez Freire, An Alfaya, Marcos Calveiro ou Fina Casalderrey, que descubrirán os segredos que se agochan detrás de cada libro, os escenarios xeográficos que serviron de inspiración aos autores, as lecturas que os foron construíndo ou as propostas fílmicas e musicais que serviron de punto de partida para o nacemento da escrita. Tendendo Redes conta ademais cun blog propio no que se poderá seguir a dinámica do club e botar man de diversos recursos teóricos (estudo da obra, lecturas críticas, miradas de críticos de renome, como foi abordada esta temática por outros escritores, actividades transversais, un foro de debate, etc.) que permitirán un achegamento máis profundo ao texto e ao autor ou autora.
Preséntase en Compostela O neno que tiña medo dos robots / O robot que tiña medo dos nenos, de Miguel Vázquez Freire e Xosé Tomás
<em>O neno que tiña medo dos robots / O robot que tiña medo dos nenos</em> é un dobre conto que o martes día 4 de decembro presentan na Biblioteca da Fundación Galicia (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16, Santiago) os seus autores: o escritor Miguel Vázquez Freire e o ilustrador Xosé Tomás. No acto de presentación un grupo de compoñentes do grupo de teatro do IES Eduardo Pondal, onde imparte clases Miguel Vázquez Freire, fará unha lectura dramatizada do conto acompañada dunha banda sonora seleccionada para a ocasión e a proxección das imaxes de Xosé Tomás.