Santiago: mesa redonda sobre novela histórica xuvenil

O club de lectura Gálix Tendendo Redes organiza mañá xoves día 4 de xuño de 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega unha mesa redonda que leva por título Narrar a historia, sobre as claves da novela histórica xuvenil e o seu tratamento na literatura para adultos. Participarán Marilar Aleixandre, Xosé A. Neira Cruz e Marcos S. Calveiro, todos eles autores de obras seleccionadas para a súa lectura polo club, así como a crítica literaria e doutora da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Vilavedra. A entrada é libre.

Santiago: encontro con Agustín Fernández Paz

Un mes máis o Club de lectura Gálix Tendendo redes convoca aos interesados na literatura infantil e xuvenil a un encontro cun escritor, desta volta Agustín Fernández Paz, o próximo mércores día 27 de maio de 17.00 a 19.00 horas no Consello da Cultura Galega. No acto participará tamén o escritor e amigo persoal do autor Miguel Vázquez Freire, que presentará a obra de Agustín e conducirá un diálogo que nos levará a discernir as claves da novela de misterio. A sesión xirará arredor de Aire Negro, novela que constrúe un universo autónomo forxado no esvaradío terreo do terror psicolóxico con elementos de carácter mítico e fantástico a partir de claves tiradas do común, do cotián, da vida de dous seres que coñeceron o amor.

Santiago: “Multiculturalidade e minorías” co Clube de Lectura Gálix Tendendo Redes

O Club de Lectura Gálix Tendendo Redes organiza dúas actividades esta semana arredor do tema Multiculturalidade e minorías. O mércores día 15 farán un repaso ás obras da LIX galega que tratan esta temática, así como a outras obras de gran calidade e interese dentro das literaturas peninsulares, a partir da escolla que fará a profesora e crítica Mayte Leis.

O día seguinte, xoves 16 de abril, o escritor Fran Alonso falará das influencias, experiencias e compromisos que deron lugar á súa obra Cartas de amor, publicada por Edicións Xerais de Galicia na colección Fóra de Xogo. Os actos celébranse na Biblioteca do Consello da Cultura Galega co mesmo horario os dous días, de 17.00 a 19.00 horas.

Santiago: encontro con Xosé A. Neira Cruz

O primeiro encontro do Club de Lectura Galix Tendendo Redes terá lugar os días 4 e 5 de marzo na Biblioteca do Consello da Cultura Galega de 17 a 19 horas e contará coa presenza do escritor Xosé A. Neira Cruz, que reflexionará sobre as relacións entre literatura e arte que subxacen na obra O armiño dorme, novela seleccionada como unha das máis representativas e mellor resoltas dentro do subxénero da novela histórica xuvenil galega. A Editorial Galaxia puxo á disposición dos asistentes exemplares gratuítos da novela para abordar esta primeira sesión dun ciclo que amosará unha escolla selecta de libros e unha panorámica teórica respecto do corpus, temáticas e liñas da literatura xuvenil galega dos últimos 30 anos.

Gálix presenta o Club de lectura “Tendendo Redes”

Mañá xoves 26 de febreiro ás 17:30 preséntase no salón de actos do Consello
da Cultura Galega (praza do Obradoiro, Santiago de Compostela) o Clube de Lectura “Tendendo Redes”, organizado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix coa colaboración da Dirección Xeral de Difusión e Promoción Cultural da Consellería de Cultura e do Consello da Cultura Galega. Entre outras accións, o Club de Lectura promoverá encontros con autores como Xosé A. Neira Cruz, Fran Alonso, Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, Miguel Vázquez Freire, An Alfaya, Marcos Calveiro ou Fina Casalderrey, que descubrirán os segredos que se agochan detrás de cada libro, os escenarios xeográficos que serviron de inspiración aos autores, as lecturas que os foron construíndo ou as propostas fílmicas e musicais que serviron de punto de partida para o nacemento da escrita. Tendendo Redes conta ademais cun blog propio no que se poderá seguir a dinámica do club e botar man de diversos recursos teóricos (estudo da obra, lecturas críticas, miradas de críticos de renome, como foi abordada esta temática por outros escritores, actividades transversais, un foro de debate, etc.) que permitirán un achegamento máis profundo ao texto e ao autor ou autora.