Entrevista a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Supoño, porque Francisco Fernández del Riego estivo en todos os grandes feitos do galeguismo do século XX.
– Ramón Nicolás (RN): Dende o mitin que deu na súa vila natal en 1931, cando tiña 18 anos, o seu compromiso foi total. Está en todo, nas Mocidades Galeguistas, no Partido Galeguista, No Seminario de Estudos Galegos, Ultreia, na Asociación de Escritores en lingua Galega, estivo como representante galeguista no Estatuto de Autonomía. Foi colaborador en A Nosa Terra, Nós, Alento, etc. E logo, na posguerra está presente en todo o que foi a reconstrución do galeguismo, desde a fundación de Galaxia á creación da Penzol, pasando pola creación do Día das Letras Galegas ou a presidencia da Real Academia. Realmente hai que preguntarse onde non estivo Fernández del Riego. Ata nese tempo estivo dúas veces no cárcere por exercer ese labor de difusión cultural. Arriscou moito da súa propia vida.
– LVG: Sempre se lle recoñece a don Paco o seu papel como activista. Pero como é o seu traballo literario?
– RN: Á marxe de todo iso el construíu unha gran obra literaria. Pero esa obra, en gran parte, está enfocada cara ao ensaio, que é un xénero de minorías. Pero é moi rico e valioso porque el, como ensaísta ou autor de libros de crónicas e viaxes ten un estilo propio moi facilmente recoñecible. Eu creo tamén que el sacrificou unha obra creativa de amplo espectro, como pode ser a narrativa, en función de todos eses traballos silenciosos e o traballo de recuperación da memoria. De feito só nos deixou unha novela, O cego de Pumardedón, e un par de relatos pequenos. Pero si deixou unha grande cantidade de traballos extraordinarios e artigos xornalísticos, como os que fixo durante vinte anos en La Voz.
– LVG: Ademais, fixo traducións.
– RN: Si, ademais da súa faceta como ensaísta, narrador e ser un gran orador, Del Riego fixo varias traducións tanto para Galaxia como para a revista Grial. Hai que entender esa labor dende o punto de vista de tratar de normalizar a presenza do idioma galego na literatura coa presenza de textos traducidos. É curioso porque xunto con Plácido Castro mantiveron unha relación coa BBC británica, na que organizaban emisións radiofónicas.
– LVG: É certo que recuperou a Cunqueiro para a literatura?
– RN: Si. A Cunqueiro xa o coñecía da mocidade porque el era de Vilanova de Lourenzá e Cunqueiro de Mondoñedo, e ían xunto a examinarse a Lugo. E si foi clave na recuperación de Cunqueiro tras a guerra. Cunqueiro recoñeceu que o Merlín non sería tal se non fose pola insistencia de Francisco Fernández del Riego. Tamén lle pasou con Longa noite de pedra, que apareceu despois dunha reunión entre Del Riego e Celso Emilio Ferreiro escolmando os poemas. Mesmo foi el que suxeriu o título. Incluso detrás dos grandes escritores da posguerra está el como editor, corrector ou incitador. É unha figura total. (…)”