O ciclo do CDG ‘Gran teatro para os máis pequenos’ arranca esta fin de semana con Xarope Tulú e un primeiro obradoiro escénico

Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por terceiro ano consecutivo o seu ciclo Gran teatro para os máis pequenos para celebrar o Nadal co público infantil na súa sede do Salón Teatro de Santiago. A programación especial para estas festas desenvólvese arredor de tres espectáculos das compañías Xarope Tulú, Malasombra Producións e Galeatro, precedidos doutros tantos talleres baixo o lema común Saca a arte que levas dentro e directamente relacionados co que as nenas e nenos verán a continuación no escenario.
O ciclo arrancará esta fin de semana con Nómades, unha proposta moi visual na que Xarope Tulú xoga co movemento, a música e a palabra para convidar os espectadores a viaxar por paisaxes singulares. O seu obxectivo é subliñar a beleza da diversidade, que dá lugar á aparición de novas tonalidades, texturas e xeitos de vivir, sen que exista un corpo equivocado. Gena Baaamonde é a directora desta montaxe de creación colectiva, que poñen en escena María Roja, Atenea García e Diego M. Buceta.
O espectáculo representarase o sábado 22, ás 19,00 h., e o domingo 23, ás 12.30 h. Dúas horas antes de cada función, dará comezo o taller Vísteme despacio. O espazo escénico e o vestiario, no que as cativas e cativos crearán escenas que rachen cos estereotipos e os roles de xénero a partir do xogo co espazos escénico, a creación de personaxes e o seu vestiario.
Pompas de luz e cor
Nos mesmos horarios desenvolverase o sábado 29 e o domingo 30 o espectáculo Os fabulosos cleaners, de Malasombra Producións, xunto ao obradoiro Visto e non visto. As texturas da luz. Dirixida por Marcos Orsi e Xoque Carbajal, quen é tamén un dos intérpretes xunto a Jouse García, esta montaxe con pompas de xabón está pensada como unha experiencia visual para participar toda a familia.
En relación con este espectáculo, o taller que o precederá incidirá no concepto de arte efémera como forma de expresión fugaz, para o que se traballará con diferentes materiais, texturas e iluminación.
Para finalizar, na primeira semana de 2019 chegará a quenda de Galeatro, a compañía de Alba Bermúdez e Tone Martínez, que porán en escena Muiñada o xoves 3, ás 19,00 h. e o venres 4, ás 12,30 h. A montaxe proponlles ás nenas e nenos de hoxe unha viaxe á tradición popular galega a partir da historia de Sabela e Xacobe, que se atopan nun dos moitos muíños de auga espallados por Galicia nese tempo por un malentendido coas quendas das muiñadas.
Dúas horas antes destas funcións, terá lugar o obradoiro Cántame un conto. O espazo sonoro e os cantos, que a través do xogo coas historias e os refraneiros populares, abordará as técnicas de dramaturxia e o traballo coas actrices e actores, ademais de afondar no impacto do son na construción de ambientes sobre o escenario.
Prazas e reservas
Para facilitar a conciliación familiar durante as festas, o Centro Dramático Galego oferta entre 20 e 30 prazas para as diferentes sesións dos talleres, que volverán ser impartidos por Elea López co obxectivo de que as nenas e nenos entendan mellor o espectáculo que verán despois, ademais de coñecer como funciona por dentro o mundo do teatro. Nestes obradoiros poderán participar sos, mentres que nas funcións é necesario que estean acompañados por cando menos un adulto.
A entrada a estes talleres está incluída no Bono de Nadal, previa reserva de praza no teléfono 881 867 229 (de luns a venres, de 9,00 a 14,00 horas), e abrangue así mesmo un mínimo de catro entradas para calquera dos espectáculos ofertados a un prezo especial de seis euros cada unha. Ademais, existe unha tarifa familiar ao mesmo prezo (mínimo de tres entradas para unha mesma función mais talleres), así como billetes individuais a oito euros. Fóra dos devanditos bonos, a tarifa dos obradoiros é de cinco euros cada un e o pago farase no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde media hora antes do seu comezo. Tamén aquí poderán mercarse as diferentes modalidades de entrada, soltas ou combinadas, cuxa venda anticipada está dispoñible no web entradas.abanca.com.”

As coproducións do CDG, o cine a as propostas para público infantil protagonizan a oferta do Salón Teatro ata fin de ano

Desde Agadic:
Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena, espectáculo da compañía de circo Pistacatro coproducido co Centro Dramático Galego (CDG), ofrecerá hoxe e mañá, ás 20,30 h., as súas dúas últimas funcións no Salón Teatro de Santiago. A montaxe dirixida por Quico Cadaval a partir da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín é a primeira das inseridas na carteleira trimestral da sede do CDG.
Aquí poderán verse ata final de ano outras dúas coproducións da compañía pública, as proxeccións do festival Cineuropa e o ciclo Gran teatro para os máis pequenos, entre unha ducia de propostas. Así, este mesmo domingo 21, ás 18,30 h., o Salón Teatro será o escenario da función de clausura da vixésimo terceira edición do Festival Internacional Galicreques coa compañía mexicana Mano y Contramano e a montaxe El oso que no lo era, un espectáculo de monicreques de mesa recomendado para nenas e nenos a partir dos cinco anos de idade.
De novo no ámbito das coproducións, do 25 ao 28 de outubro regresará a este espazo compostelán Elisa e Marcela, que a Panadaría xa representou aquí hai un ano tras desenvolver unha residencia artística de 20 días. O espectáculo, que aborda a historia da voda entre dúas mulleres que tivo lugar na Coruña en 1901 como o primeiro casamento homosexual do que se ten constancia en España, volve a Santiago precedida do éxito de público da súa ampla xira e dos seus múltiples recoñecementos nos Premios María Casares de Teatro, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e no Festival de Teatro Galego do Carballiño, entre outros.
Estrea galega
O programa de coproducións do CDG conta cunha terceira montaxe nesta carteleira trimestral, no marco da que a compañía de Pablo Fidalgo ofrecerá a estrea galega de Anarquismos (Polo medio da habitación corre un río máis claro) o venres 2 de novembro. Trátase dunha peza sobre a ausencia, os soños, o medo e o silencio no contexto de calquera grupo de amigos ou familiares, que poderá verse ata o 4 de novembro neste escenario, onde se presenta tras a súa estrea o 23 de outubro no festival Bilbao Antzerki Dantza (BAD).
Anarquismos dará paso á trixésimo segunda edición de Cineuropa, que un ano máis converterá o Salón Teatro nunha sala de cinema como unha das sedes deste festival internacional. Será case un mes de proxeccións, tras as que o circo regresará á carteleira para pechar novembro o día 30 coa montaxe Futuro animal, da man do Foro D10! e das formacións Twisting the Balance e Circo Político.
Decembro comezará co espectáculo de danza Toda a beleza do mundo, de María Move, os días 1 e 2 para centrarse a continuación no teatro: Casquería e outras vísceras, de Xerpo Teatro, o 8 e 9; Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro, do 11 ao 16; e Soños, do grupo de teatro afeccionado da Asociación Down Lugo, o día 19.
Como en anos anteriores, a programación de 2018 na sede do Centro Dramático Galego chegará ao seu fin co ciclo de Nadal Gran teatro para os máis pequenos, que desta volta presenta as montaxes Nómade, de Xarope Tulú, o 22 e 23; Os fabulosos cleaners, de Malasombra, o 29 e 30; e Muiñada, de Galeatro, o 3 e 4 de xaneiro, ademais dunha serie de obradoiros para que os nenos e nenas teñan a oportunidade de coñecer de preto os diferentes oficios teatrais.
Na imaxe, Anarquismos. Fotografía: Alipio Padilha.”