Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Alfredo Ferreiro:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Atopar as virtudes dunha decisión e tamén as da súa contraria. Un defecto á hora de ser pragmático e unha virtude que evita caer no simplismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A boa intención, desde logo.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sinceridade nas opinións e paciencia para tolerar os meus erros.
4.– A súa principal eiva?
– A constancia no traballo é o meu reto principal. Mais cando o solucione sen dúbida hei percibir outras.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir e pensar en novos proxectos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A plenitude que se sente durante a escritura dun texto cando se atopa unha imaxe poética satisfactoria.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que me vise impedido para soñar, tanto de noite como de día.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha persoa que foi capaz de cumprir o seu destino.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste mesmo en que vivo, mais nun ambiente de democracia non simulada.
10.– A súa cor favorita?
– Sempre foi o vermello, se cadra porque o sangue semella o máis auténtico que hai.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Non hai unha. O que me gusta delas é inmensa variedade da súa beleza.
12.– O paxaro que prefire?
– Calquera que me permita aproximarme del. Cando isto acontece gusto de pensar que non foxen porque o meu corazón está libre de sombras.
13.– A súa devoción na prosa?
– Estilisticamente, os narradores que son mesurados na frase e inspirados na imaxe. Un caso patente foi a descuberta nos últimos anos da francesa Catherine François, unha autora nada divulgada. Hai traballos de Manuel Rivas que tamén chegan lonxe nesta dirección.
14.– E na poesía?
– En galego, Manuel Antonio e Eusebio Lorenzo Baleirón; en portugués, Herberto Helder e Natália Correia; en castelán, Octavio Paz e Antonio Gamoneda; en francés, René Char e André Breton.
15.– Un libro?
– Antecedentes criminais, unha antoloxía persoal do poeta portugués Amadeu Baptista.
16.– Un heroe de ficción?
– O pequeno dos irmáns dos contos infantís ou a criada dos contos orientais que salva os señores dun engano, é dicir, aqueles máis humildes e con menos recursos que non teñen o corazón abafado pola vaidade e son capaces de percibir mais nitidamente a verdade.
17.– Unha heroína?
– Calquera persoa que logra vencer o medo e se enfronta ao seu própio dragón.
18.– A súa música favorita?
– O jazz e o blues, se é cantado en galego coa calidade de Sés, mellor; tamén hai música folque e clásica que merecen doses periódicas. A criatividade e a aproximación lusófona de Narf tamén me resultan imprescindíbeis.
19.– Na pintura?
– Aínda que os surrealistas sempre foron os meus preferidos, agora estou aberto moito máis á arte abstracta en xeral. Entre a xente próxima desfruto moito con Carlos Botana e con Roge Fernández, entre moitas outras obras.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As persoas que arriscan a súa vida salvando outras a nado no mar. Non concibo maior medo que o que me producen os abismos mariños (>3 m.).
21.– O seu nome favorito?
– O nome completo do meu defunto padriño: Manuel Salgueiro Castro. Pura música popular.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Creo que o descontrol etílico. O tabaco cada vez menos, desde que logrei desvincularme del, aínda que procuro non virar demasiado maniático.
23.– O que máis odia?
– A mentira. Non hai egoísmo nin desprezo maior que ocultar o coñecemento da verdade a xente que o precisa.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os conquistadores, da nacionalidade que foren, tomando as terras en nome do rei a sangue e lume. Tamén as forzas represoras do franquismo, armadas ou con sotana.
25.– Un feito militar que admire?
– A troca dun fusil por un sacho.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O ouvido musical e o canto.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Coa sensación de que os meus se gobernan ben sen min e de que o meu país fica unha miga mellor despois do meu esforzo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Optimista mais de amplo espectro, o que me fai experimentar non poucas aventuras emotivas.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que denotan pouca intelixencia. Os peor dotados son os que precisan máis axuda.
30.– Un lema na súa vida?
– Podo citar unha revelación que me chegou unha noite en forma de verso: “A miña esencia é alén da miña pel”. Mais a sabedoría que se precisa para asumila aínda non chegou.”