Lugo: XV Xornada de Literatura de Tradición Oral. Entroido: transgresión e tradición, o 22 de outubro

A XV Xornada de Literatura de Tradición Oral. Entroido: transgresión e tradición é unha iniciativa da AELG co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega. Terá lugar o 22 de outubro no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).

A inscrición é obrigatoria e previa, seguindo estes criterios:
– As persoas que queiran dispor da homologación da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, por un total de 8 horas, deberán inscribirse directamente a través da páxina web da AS-PG
– As persoas que desexen recibir un certificado de asistencia por parte da AELG, e aquelas que queiran asistir sen obter homologación nin certificado, deberán incribirse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org Nel indicarase o nome, apelidos e Documento de Identidade.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes nese momento.

PROGRAMA

10.15 Recepción, entrega de material e inauguración

10.30-11.30 Conferencia
Variedades de sons, músicas, voces, contos e rivalidades nalgúns dos entroidos galegos: tradición e aculturación
Felipe Senén

11.30-12.30 Conferencia
O mundo do revés: Teatro de entroido en Galicia
Julio I González Montañés
Nacido en Ferrol en 1962 é licenciado en Xeografía e Historia e doutor coa tese Drama e iconografía en el arte medieval peninsular (siglos XI-XV). Publicou traballos sobre arte galega, iconografía e etnografía, e nos últimos anos centrou a súa actividade investigadora no estudo e catalogación das manifestacións teatrais en Galicia anteriores a 1750. A súa bibliografía completa pódese consultar no seu portal Web (www.teatroengalicia.es).

12.30-14.00 Mesa redonda
Entroido e ocultación: profundando no envés do ritual
Felipe Senén e Julio I González Montañés
Coordina: Lois Pérez

16.00-17.00 Conferencia
Os entroidos históricos da bacía do Támega: as súas máscaras tradicionais
Nieves Amado Rolán
Natural de Laza (Ourense), exerce como arqueóloga profesional desde fai máis de 30 anos. Licenciada en Xeografía e Historia pola USC, e posgrao co mestrado en Técnicas de Xestión Integral do Patrimonio Cultural, rama de Arqueoloxía (USC_CSIC_Xunta de Galicia).
Actualmente forma parte da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega e do Grupo de Investigación arqueolóxica da Univ. de Vigo, GEAAT.
Na actividade arqueolóxica profesional, abordou todo tipo de proxectos en Galicia. Tamén traballou nos eidos da documentación histórica aplicada ao patrimonio cultural e no campo da etnografía material e inmaterial.
Colabora activamente en proxectos culturais desenrolados na Comarca de Monterrei, ligados ao asociacionismo cidadá.
Na valorización e difusión do campo que nos ocupa, o Entroido, colabora e publica artigos desde fai varios anos no monográfico anual do “Entroido en Galicia” do xornal O Sil. Publicou artigos na revista Auria, na rev. Ágora do Orcellón (O Entroido galego na Idade Media), no extinguido colectivo Homo Ludens, folletos da Deputación de Ourense, en varios xornais etc. Tamén ten dado varias conferencias sobre os entroidos da bisbarra do Támega, a última nas “X Xornadas sobre o Entroido en Galicia” organizadas pola SAGA en Pontevedra, en marzo deste ano 2022.

17.00-18.00 Conferencia
Viaxe polo mundo da máscara
Mercedes Vázquez Saavedra
Comezou a andiana profesional, dando aulas no Colexio da Asunción de Sarria, Lugo, traballo que estivo moi pouco tempo, porque axiña pasou á administración, na area de Asuntos Sociais. Trabalhou máis de 40 anos, como directora de centro, de Asuntos Sociais, e coordinou actividades socioculturais nos centros de Asuntos Sociais da Delegación de Lugo, Xunta de Galiza. Sendo seu último posto de traballo, por concurso obrigatorio, como directora do Centro Sociocultural de Xinzo de Limia, posto do que tomou posesión, pero non se incorporou.
Por outra banda, estivo mergullada ao mundo da escrita. Foi autora da Guía da Ribeira Sacra, coa colaboración nesta guía de Carmen Vázquez. P Batallón, e a Guía do Courel de Galaxia e Guía da Pobra do Brollón, encargo do concello da Pobra editada por Galaxia (roteiros ao modo de libros de viaxe), Mercedes correu ao cargo das fotos e textos.
No mundo da Máscara está mergullada dende hai moitos anos, nos que  levou ao cabo diferentes pesquisas  co fin de investigar as máscaras do rural. A ese primixenio traballo seguiron outros de recolleita oral e fotográfica da MÁSCARA IBÉRICA, máscaras de  Galiza e Portugal e doutras comunidades da península.  Mercedes colaborou e segue a colaborar na difusión da Máscara con exposicións fotográficas, por Galiza e Portugal, encontros da máscara etc. Mercedes Vázquez Saavedra é secretaria dos Organos Sociais da Académia Ibérica da Máscara con sede en Bragança.

18.00-19.30 Mesa redonda
Tras a máscara. Liturxia e simbolismo
Nieves Amado Rolán e Mercedes Vázquez Saavedra
Coordina: Antonio Reigosa

19.30-20.30 Sesión práctica
Achega á Máscara de Entroido. Unha visión desde dentro
Xosé Manuel Seixas
Souto de Torres (Castroverde) 1971. Deseñador gráfico de titulación e artesán de vocación, formeime tanto en cursos específicos como no mundo laboral, ou co contacto directo con artesáns e artesás en diferentes campos (coiro, madeira, cartón falleiro, cestería, costura, la, papel, metal…) centrando o meu traballo nas marionetas e, especialmente, no eido da máscara; nunca de xeito profesional. Descubrín e sentinme fascinado polo mundo do Entroido tradicional  hai décadas, visitando Entroidos tanto galegos como da península ou da Sardeña, investigando desde un principio o seu significado e formas, estética e elaboración. Desde hai anos tiven a honra de acceder a ese fantástico universo desde dentro, vestindo traxes ceremoniais de Santiago de Arriba (Chantada): Meco, Volante e Maragato ou de Maceda: O Felo, e participando esporadicamente noutros. Froito de estar neste privilexiado espazo, empecei a contactar internamente con outros por medio das Xuntanzas de Entroidos ou visitas privadas a artesás e artesáns e portadores/as das vestimentas de diferentes lugares, así como a investigadores ou persoas maiores que lembraban algún xa desaparecido. Isto facilitoume o traballo que levo facendo desde hai anos no estudo e elaboración das máscaras tradicionais de Entroido, aplicando tanto saberes antigos trasmitidos de xeración en xeración, como o estudo de posibilidades de fabricación alternativas a materiais de nova incorporación.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.