Blanca Riestra gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia

DesdeBlanca Riestra La Voz de Galicia:
“Unha intriga ambientada nos círculos de estudantes de Santiago é a gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz, que se fallou onte nunha cea literaria celebrada no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, nas instalacións do xornal. A súa autora é a escritora Blanca Riestra, que presentou o seu orixinal baixo o título de Noire Compostela e o pseudónimo Amanda Lear.
A historia arranca cunha conversa entre un estudante, Xurxo, e Dafne, quen traballa como camareira nun dos bares da zona vella compostelá. A partir de aquí, a historia avanza nun desenvolvemento que inclúe segredos, misterios cuxa orixe se remonta a varios anos, e os enigmas que agocha a chamada Internet profunda ou deep web. Axiña aparecen outros personaxes en escena, tanto compañeiros de estudos como un inspector de policía, Touriñán, e algúns colegas de comisaría, axentes especializados en delitos cibernéticos. (…)
A autora da novela recibirá un premio de 9.000 euros e a súa obra aparecerá no xornal durante todo o mes de agosto, tanto na edición en papel como na web do diario. Cada entrega será ilustrada por Juan Carlos Abraldes. Ao recibir o galardón, Riestra explicou que para ela a súa concesión implicaba unha situación especial: primeiro, por sumarse á nómina de gañadores anteriores, e segundo, porque despois de dez novelas en castelán esta obra é a súa primeira en galego. «Era algo que quería facer dende había vinte anos e foi unha experiencia moi pracenteira», explicou. «Foi un desafío, pero levaba a lingua moi dentro e grazas a iso redescubrín tamén o pracer da escrita. Espero que aos lectores lles guste tanto como a min escribila». (…)”