Desde A Sega:
“Das que miran cara atrás para mirar cara adiante
Mirar cara a atrás é desfacer o relato que os homes teceron sobre nosoutras e co que nos amortallan, é atopar novos significados, reconciliarnos coas nosas devanceiras, recoñecer as verdadeiras heroínas e protagonistas e sementar referentas. Isto supón desfacer o relato e é aí cando as mulleres que miramos cara a atrás podemos enxergar o noso arredor e o cara a adiante. Na literatura dos homes, a figura dos clásicos (sempre en masculino branco occidental cisheterocentrado), actúa como un dedo acusador que indica o que non debe tocarse. Atreverse a relatar con outros ollos desanímase como transgresión contra o sagrado patriarcado. Toda aquela muller que mire cara a atrás será castigada. Por iso, unha e outra vez, as autoras debemos facer fronte e fitar aos ollos os relatos creados nas diferentes culturas. Transgredir para chegar a outro lado. Desfacer os mitos dos heroes, as fazañas que se edificaron sobre os nosos corpos e mediante a nosa opresión. Remexer o pasado para remanecer nun novo presente, nun futuro diferente. É esta unha tarefa ben complexa e hai a quen as meigas e as deusas tocan para que dese esforzo emerxa non só unha relectura, senón tamén unha voz singular e única. Escritas que tecen devanceiras para converterse nas nosas fragas libertarias. Relatos que revisan conceptos da nación. Palabras que anovan a linguaxe ao fozar cunha pericia insólita nos lugares máis escolleitos do idioma. Novelas que refugan da superficialidade e buscan irmás cómplices nas súas profundidades. Mares, fragas, tecidos, rebeldías, amizade, sororidade e comunidades de mulleres. Todo isto e máis construíu coa súa escrita e coa súa vida a nosa señora das letras 2026: Begoña Caamaño.“