Artigo de Romina Bal en Praza:
“A nosa LIX está chea de referencias ao Nadal, a figuras tradicionais como o Apalpador, os Reis ou a un tempo que reservamos á familia, ás amizades, á recuperación dos valores que este tempo representa. Neste artigo queremos facer unha recompilación das lecturas específicas deste tempo. Para levalo a cabo falamos con moitas das nosas editoriais galegas e seleccionamos unha pequena mostra natalicia de recursos de Nadal.
Así pois, sobre a figura galega do Apalpador, un personaxe que cada Nadal está máis presente, podemos atopar en álbum ilustrado O rei da Floresta, de Adela Figueroa Panisse, con ilustracións de Mª Celsa Sánchez Vázquez editado por Edicións do Castro; O tesouro do Apalpador, de Jorge Rodrigues Gomesende con ilustracións de Eva Yusti Campo (autoeditado), Antón e o Apalpador, de Manuel Castro Lima e Mª Mar Ameixeiras Sánchez con ilustracións de Francisco Ameixeiras Sánchez editado por Barafunda Editorial; O conto do Apalpador, de Lúa Sende e Alexandre Miguens con ilustracións de Leandro Lamas e editado por A Fenda Editora e O Apalpador e a castaña máxica, de Xoán G. editado por Biblos Clube de Lectores. E para mozos xa máis grandes en Urco editora a serie xuvenil Apalpador Vs Papa Noel, As aventuras do Apalpador e o tesouro dos mouros, As aventuras do Apalpador e a carballeira dos druídas e As aventuras do Apalpador e as portas do tempo.
No que se refire a Nadal, ese tempo de valores, de tradición e de familia e tamén de sorrisos comprometidos a mesma editora propón Contos estraños volume 4. Nadal Impío, todo un alegato da condición do ser humano para lectores autónomos. En Edicións do Cumio podemos atopar a clásica novela de Charles Dickens, Canción de Nadal, adaptada e ilustrada por Rosa Fuentes e protagonizada polo avarento señor Scrooge e os xa célebres espíritos do Nadal Pasado, do Nadal Presente e do Nadal Futuro. Un cálido relato que nos convida a tomar en consideración as cousas que realmente teñen un gran valor na vida. A mesma obra de Dickens pero ilustrada por Roberto Innocenti e traducida por Carlos Acevedo podémola atopar en Kalandraka para nenas a partir dos dez anos, sen dúbida, desde unha coidada perspectiva. Sigue lendo
Arquivos da etiqueta: O Apalpador e a castaña máxica
Coñécense os gañadores dos Premios da Edición da Asociación Galega de Editores
Desde a Asociación Galega de Editores:
“O gremio editorial galego celebrou o serán do venres 9 de marzo en Compostela a VII Noite da Edición de Galicia-Premios Ánxel Casal, unha gala na que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido do libro, a súa creación, edición e comercialización. No acto entregáronse os Premios da Edición correspondentes ó ano 2011. O acto tivo lugar no Hotel A Quinta da Auga, e nel participaron destacadas autoridades do mundo do libro, a cultura e a política de Galicia. Presidido por Manuel Bragado, presidente da AGE, contou coa presenza do Secretario Xeral de Cultura, a Vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, do gremio de libreiros, o presidente da Associació de Editors en Llengua Catalana, entre outros moitos e moitas representantes de entidades relacionadas co sector. A gala foi conducida pola xornalista Iria Pinheiro. Unha proxección de vídeo, patrocinada por GADIS, e elaborada por Illa Bufarda, lembrou as figuras de Isaac Díaz Pardo e Carlos Casares.
PREMIADOS
– Premio Francisco Fernández del Riego: Xesús Couceiro e a súa emblemática libraría, por toda unha vida adicada á promoción do libro e a cultura galega.
Tralas votacións dos membros do xurado, composto por editores, escritores, ilustradores, libreiros e xornalistas, entre outros, resultaron gañadores das cinco categorías contempladas nos Premios da Edición:
– Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2011, Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, editado por Edicións Xerais, por ser unha ollada crítica da nosa sociedade, unha visión intelixente sobre como o pasado condiciona o noso presente, o xurado decidiu que o premio de Mención especial do xurado fose para Centauros do Norte, de Marcos Calveiro, obra destinada ó público xuvenil, pola súa calidade.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do ano 2011, Obra Gráfica de Conde Corbal, de varios, editado por Nova Galicia Edicións, pola calidade da edición, a posta em valor do autor e a súa obra e a escolla da documentación gráfica. Por solicitude expresa do xurado, Mención para O escano baleiro. No Caurel con Uxío Novoneyra, de Xulio Valcárcel, editada por Biblos, pola estética da linguaxe e por ofrecer unha visión persoal do autor, e para Loita de clases, a represión franquista no mar, de Dionisio Pereira, editado por Xerais, polo contributo documental e testemuñal a unha faceta pouco coñecida da ditadura franquista.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano do ano 2011, Poesía completa de Lois Pereiro, editado por Edicións Xerais, pola calidade da edición e por tratarse dunha edición literaria fiable e reunir a obra completa do poeta.
– Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano 2011, Xa me tardan eses magos, de Mamá Cabra, editado por Editorial Galaxia, pola súa contribución ó achegamento da poesía aos nenos mediante a fusión do texto e a música. Por petición expresa do xurado, unha Mención especial para O Apalpador e a castaña máxica, pola recuperación dunha figura da mitoloxía infantil e a orixinalidade da edición ilustrada. Mención especial tamén para Canto de Nadal, de Charles Dickens, pola gran calidade da edición, así como pola contribución da tradución deste clásico ó corpus galego.
– Premio Lois Tobío ao Libro traducido do ano 2011, Sonetos de Shakespeare, traducido por Ramón G. Izquierdo, editado por Edicións Xerais, pola magnífica tradución e edición crítica e pola súa contribución ao enriquecemento do galego cunha obra universal e imprescindible.
– Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2011, Contos por teléfono, de Pablo Otero, editado por Kalandraka Editor, pola calidade da ilustración e a súa contextualización. Mención expresa do xurado para o libro Lois Pereiro. Breve encontro, de Jacobo Fernández Serrano, de Edicións Xerais, pola calidade da ilustración e da edición.
– Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ó libro educativo do ano 2011, As mulleres en Galicia no século XX, de Jesús de Juana e outros, editado por Ir Indo. Polo seu valor documental e a importante achega ao papel da muller galega na nosa historia contemporánea. Mención expresa do xurado para Un cadro de Velázquez, de Claire D’Harcourt, editado por Kalandraka, pola escolla dun cadro especialmente necesitado dunha explicación didáctica e polo desenvolvemento pedagóxico e material de edición.
– Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2011, Xavier Queipo, pola traxectoria da súa obra.
– Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial do ano 2011, Transformacións de álbums ilustrados en series de animación audiovisual: Os contos do camiño e Caracois, de Oqo Editora, pola innovación que conleva e a súa contribución á difusión dos contos para nenos a través doutros soportes.
– Premio Edición Histórica 2012. XXV aniversario de Andavira Editora
O xurado destacou a calidade de todos os finalistas e solicítalle á Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que se merque un exemplar para cada unha das bibliotecas públicas pertencentes á rede de Bibliotecas de Galicia.
Novas publicacións e iniciativas continúan a implantación do Apalpador
“Ano a ano, por estas datas continúan as actividades e iniciativas para reivindicar o personaxe do Apalpador como unha alternativa galega a Reis Magos e Santa Claus. Desta volta, o ilustrador Xoán González publica un novo libro ilustrado sobre esta figura, O Apalpador e a castaña máxica, logo da boa acollida do seu anterior volume sobre o mito. Pola súa banda, a asociación A Gentalha do Pichel presentaba a pasada semana o libro Teoria de inverno, unha colectánea de artigos que afondan neste personaxe e abordan diferentes aspectos do mesmo. Ao tempo, a Fundaçom Artábria publicou na rede, e para libre descarga, recortables para facer bonecos do Apalpador, e mesmo está dispoñible en Internet unha animación na que este xigante courelán felicita o Nadal. Ao longo das festas apalpadores varios visitarán localidades como Compostela, Pontedeume ou Ferrol, entre outras moitas localidades. (…)”. Vía Cultura Galega.