Carballo: “Pensamento e literatura”, con Xosé Manuel Beiras

Santiago: Á beira de Beiras, homenaxe a Xosé Manuel Beiras, o 17 de decembro

Co gallo do 40º aniversario do libro O atraso económico de Galicia terá lugar unha homenaxe ao seu autor, Xosé Manuel Beiras Torrado, o vindeiro 17 de decembro en Santiago de Compostela, baixo o título Á beira de Beiras. A comisión organizadora, integrada por Xosé María Álvarez Cáccamo, Salomé Álvarez Blanco, Xusto Beramendi, Manuel Caamaño, Comba Campoy, Xosé Ramón Fandiño, Miguel Anxo Fernán-Vello, Víctor F. Freixanes, Margarita Ledo, Lidia Senra e Xosé Manuel Soutullo, infórmase de que a homenaxe contempla tamén a celebración do 75 aniversario do economista, profesor e político galego, engarzando así as dúas efemérides e “ofrecendo o merecido recoñecemento pola súa traxectoria de entrega a Galicia e loita pola reivindicación dos valores que ennobrecen ao ser humano”.
Nese día, 17 de decembro, ás 12:30 horas, no salón Ángel Brage do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, farase a presentación dun libro dedicado á súa persoa editado por Galaxia con máis de trinta autores, xunto con outras actuacións no mesmo lugar que se están a programar. Este acto será público.
A continuación, ás 14:30 horas, terá lugar un xantar no seu honor no restaurante do mesmo auditorio, para o que será preciso inscribirse na conta do Banco Santander 0049 5404 22 2795102504 (Homenaxe a Beiras), mediante o pago de cincuenta euros. Máis información no correo: homenaxebeiras@gmail.com

Crónica posterior en Galaxia. Nesas ligazóns pódense ver unha fotogalería do acto e a súa intervención.