Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“(…) A literatura galega é unha literatura amorosa dende a súa mesma nacenza. Velaí as cantigas de amigo e amor da literatura medieval, mais tamén a refundación amorosa do Rexurdimento con tantos poemas de Rosalía ou a historia da Virxe do Cristal de Curros, os truculentos quereres de Maxina ou a filla espúrea de Marcial Valladares ou as tres novelas amoroso-históricas de Antonio López Ferreiro: A tecedeira de Bonaval, O castelo de Pambre ou O niño de pombas.
Esa nosa tradición estendeuse ao longo de todo o XX con voces maiores como as de Castelao (Os vellos non deben de namorarse) e chega aos nosos días en infinidade de poetas e narradores que, como diría Claudio Rodríguez Fer, cantan para nós os seus Poemas de amor sen morte.”