Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Henrique Dacosta:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Pesimismo. Pertinacia tamén, naquilo que me implico de motu proprio, ou porque mo piden.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A afabilidade e a prudencia, e seren agradecidas, se o caso o require.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade e franqueza.
4.– A súa principal eiva?
– Ser despistado e algo rosmón.
5.– A súa ocupación favorita?
– Viaxar e escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir sen ter que traballar (no traballo convencional) e dedicar o tempo a esoutras actividades máis edificantes como a escrita.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte dun ser moi querido. Ficar incapacitado de maneira que tivese que depender doutros.
8.– Que lle gustaría ser?
– Recoñecido polo que fago.
9.– En que país desexaría vivir?
– Australia talvez.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Rosa talvez.
12.– O paxaro que prefire?
– O xirín se cadra, ou o chasco, non sei ben.
13.– A súa devoción na prosa?
– Eça de Queirós, Alejo Carpentier, Vargas Llosa, Ivo Andrić…
14.– E na poesía?
– Rosalía, Pessoa, Machado…
15.– Un libro?
– El siglo de las luces, A ponte sobre o Drina, Conversación en la Catedral, O crime do Padre Amaro…
16.– Un heroe de ficción?
– Astérix/Obélix, Leo Caldas, Mario Conde (de Leonardo Padura)…
17.– Unha heroína?
– Xerezade, a Mai da familia protagonista de As uvas da ira, Isabel de Barreto (heroína tamén na vida real), a rapaza ou moza que dá inicio e remate aos Cantares gallegos…
18.– A súa música favorita?
– O jazz: Oscar Peterson, Stéphane Grappelli… O pop/rock: REM, U2, Police/Sting… Músicas do mundo e cantautores: José Afonso, Luis Pastor…
19.– Na pintura?
– A pintura flamenga en xeral, Velázquez, Caravaggio, o impresionismo…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– José Saramago, José Luis Sampedro, José Afonso… Hipatia, Rosalía, Concepción Arenal, Hildegart…
21.– O seu nome favorito?
– Catarina.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O incivismo e a má educación, endémicos na nosa sociedade actual.
23.– O que máis odia?
– A mediocridade con pretensións do contrario, e a falsidade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler, Stalin, Franco…
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolução dos Cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Don de xentes.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Mentres durmo, sen enteirarme.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A saudade e a introspección.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-A ignorancia, porque é moi atrevida (ou porque é o último que se perde, sendo máis mordaces).
30.– Un lema na súa vida?
– O que non é agradecido non é ben nacido.”