Reportaxe en Sermos Galiza:
“Desde o seu nacemento, a editorial Kalandraka revolucionou a edición do libro infantil e xuvenil, en especial coa súa dedicación ao álbum ilustrado do que o selo de Pontevedra se convertiu en abandeirado. Cunha páxina web e un blogue informativo na rede, Kalandraka anuncia neste Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil no que fai quince anos da súa creación unha nova plataforma de comercio electrónico polo que os 1300 títulos que leva publicados se poderán adquirir en calquera parte do mundo. Canda ela, todas as editoriais que teñen nos seus fondos e ofrecen nas súas novidades libros de LIX teñen unha presenza activa na rede, desde Oqo Edicións á máis nova Patas de Peixe entre as especializadas, alén das xeneralistas como Xerais, Galaxia ou Baía que contan cun amplo fondo de publicacións para a xente miúda.
A rede faise eco tamén da rica creación literaria para lectores de menores idades e, desta maneira, os grandes nomes da LIX atoparon en blogues e páxinas web unha nova maneira de difusión e encontro co público lector. Con especial coidado e moita dedicación, a recente incorporación ao espazo dixital de Agustín Fernández Paz, un dos nomes máis sólidos da nosa historia literaria, supuxo unha nova ventá para coñecer a un dos autores máis lidos e posibelmente o máis traducido que verque na rede non só as súas novidades editoriais senón tamén os seus gustos literarios e os seus pensamentos persoais. Entrevistas, ensaios, publicacións e mesmo o seu blogue persoal achéganos a Agustín Fernández Paz que difunde os novos materiais a través das redes sociais. “Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia” reza o encabezamento do blogue de Xabier P. Docampo, un espazo virtual no que o autor ofrece de cando en vez episodios vitais e reflexións persoais a través da rede. Á páxina web recurriu Fina Casalderrey na súa entrada na rede, cun espazo informativo no que a autora, ademais de dar a coñecer a súa obra e a súa traxectoria literaria ofrece un interesante texto autobiográfico.
Con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o escritor Miro Villar botou a andar a través do seu blogue As Crebas o sorteo de dous exemplares do seu libro O nariz de Fiz, obra que foi galardoada co Premio Pura e Dora Vázquez. “Fiz ten un can rabelo, que ven sendo isto?” preguntou o escritor na rede e coas respostas sorteará os dous exemplares para conmemorar a xornada na que faría anos o escritor Hans Christian Andersen. Fran Alonso, Marilar Aleixandre, Helena Villar ou Francisco Castro son autores da LIX que contan tamén con espazos propios na rede. E non só nomes persoais dan pé a páxinas e blogues, Elena Gallego Abad deulle protagonismo ao título da súa Dragal, Triloxía do Dragón para lle outorgar protagonismo coa creación da súa páxina oficial.
Con páxina web e blogue asoma a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) que vén de publicar o catálogo trilingüe Galician Books for Children and Young Adults 2013, coas novidades editoriais da escrita para as idades novas. O catálogo recolle 144 títulos publicados por 40 editoras ao longo do ano 2012.
Son só algúns dos exemplos onde atopar a literatura infantil e xuvenil na nosa lingua a través da rede que nos ofrece tamén sorpresas como o celebrado blogue de Anxo e Gracia, Trafegando ronseis, que dá conta da actualidade editorial e recolle neste día o poema de Pat Mora co que mundialmente se conmemora a xornada e que para a nosa lingua trouxo a escritora Concha Blanco. (…)”