Foz: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 24 e 25 de agosto

O 26 de agosto finaliza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Sábado 24
18:00 h. Concerto-presentación de A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco, publicado por Galaxia.
20:15 h. Presentación de Os amorodos de Bergman, de Fernando Redondo Neira, publicado por Galaxia.
21:00 h. Presentación de Talasonimia da Mariña Lucense, de Francisco Rivas, publicado por Edicións Embora.

Domingo 25
18:00 h. Esther López Castro asina María na busca da liña do horizonte na caseta da Libraría Cortizas.
19:00 h. Manuel Portas asina Por puntos, publicado por Galaxia, na caseta de Bahía.
19:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, publicado por Guindastre Edicións. Posterior sinatura na caseta de Secretaría.
20:15 h. Presentación de Don Ferretín Ferretón e o seu cadelo lambón, de Cristina Corral Soilán, publicado por Barafunda. Participan, xunto á autora, a ilustradora Aurora Cascudo Román, o Club Raza Can de Palleiro e o adestrador Iago Triana, coas súas cadelas Loira e Meiga.

Fernando Redondo Neira gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2018

Desde Galaxia:
“A obra Os amorodos de Bergman, de Fernando Redondo Neira resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2018, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Naturgy. A xuntanza do xurado realizouse o día 21 de decembro de 2018, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano, amosa unha ollada do universo do cinema feita a partir dunha experiencia galega, a Asociación dos Amigos do Campo, que nas primeiras décadas do s. XX, recolleron no celuloide, paisaxes e momentos de socialización coa descuberta da natureza como contexto.
O traballo sitúase no momento en que Galicia se abría ao Modernismo. Daquela, ten valor histórico, antropolóxico, semiótico, artístico e memorialístico desde unha posición filosófica e tecnolóxica que sitúa a Galicia nos albores da Historia universal da cinematografía.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Carme Adán, Luís Alonso Girgado, Patricia Arias Chachero, María Xosé Porteiro e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.
Fernando Redondo Neira, nado en Camporrapado (Boqueixón), é un xornalista e investigador galego. Licenciado en Ciencias da Comunicación pola Euskal Herriko Unibertsitatea e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela é tamén membro da Asociación Española de Historiadores do Cinema así como da Asociación Galega de Investigadores da Comunicación. En 2018 foi galardoado co Premio Manuel Reimóndez Portela.”