Os últimos índios, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“2012. “Os empresarios galegos volven ser vítimas dun atentado terrorista. A fábrica de Mobles Silva, propiedade do coñecido empresario compostelán Amador Silva, foi atacada de madrugada con dous cócteles molotov” (p. 9). Así comeza Os últimos índios de P. Janeiro, cunha información de axencias na que se dá conta do final da novela. E non pensedes que fago spoiler, non. É a propia autora quen o fai. Cunha estrutura circular perfecta o libro empeza no punto exacto no que comezou… ou non… Realmente o principio e o final son pechados? É relevante o incendio da fábrica de mobles ou quizais estamos perdendo nos titulares a miga da cuestión? Pois si! P. Janeiro debulla, nesta nota de axencias, toda a información que poderíamos encontrar en calquera xornal, no noso día a día, e que asumimos como verdades universais. Temos o feito cualificado como un atentado terrorista, as iniciais do presunto pirómano, a intervención da policía, o apoio dos partidos políticos ao empresariado galego ou a investigación da relación do autor con grupos anarquistas ou independentistas. E a autora obríganos a repensar o que lemos, a nova. Retrocede aos días anteriores na vida do presunto pirómano para preguntar(-nos) os porqués. Por que alguén toma a decisión de incendiar unha empresa? Son certas as etiquetas que lle axuntan no diario? Por que o alcalde e os políticos o cualifican de atentado terrorista? Por que falan de ataques nos centros de crecemento económico do país? Por que alguén querería atacar postos de emprego? Por que só deteñen a unha persoa? Todas estas preguntas quedan pendentes nesa primeira nota de axencias e iranse desvendando mentres lemos o cotián do protagonista, Pedro. Ou non… porque o primeiro capítulo quen nos conta a súa vida é Maxina, a filla de Manolo, o ex-compañeiro de traballo de Pedro. Entón a que vén toda esta lea do si ou do non? Pois a que a autora xa nos avisa desde as primeiras páxinas que debemos prestar atención porque nos quere dentro dunha lectura activa. Vainos presentar a imaxe xeral dun quebracabezas que hai que petelar unha a unha e, como tal quebracabezas, unha peza non vai funcionar sen o elo coa anterior. E todas, ata a máis diminuta, teñen a súa importancia. E, aquí, neste punto, é onde se encontra o grande logro desta novela. (…)”