Mambrú volveu da guerra, do dramaturgo Carlos Labraña, primeira obra en galego que gaña o Premio SGAE de Teatro Infantil

Desde Nós Diario:
“A Fundación SGAE vén de conceder o XXIII Premio SGAE de Teatro Infantil 2022 a Mambrú volveu da guerra, obra do dramaturgo galego Carlos Labraña (Cedeira, 1969) que reivindica a memoria histórica e que se converte no primeiro texto en lingua galega en facerse con este galardón.
O texto impúxose entre 39 orixinais “polo seu transfondo de recoñecemento á memoria histórica e a todos aqueles esquecidos en cunetas e tapias de cemiterios”, todo iso “cunha gran dozura literaria e escénica”, segundo informou a Fundación SGAE nun comunicado.
Labraña, cunha ampla experiencia como autor de teatro infantil, afirmou sentirse “moi agradecido por recibir un premio tan importante e con tanto alcance para un xénero tan minorizado como este, a dramaturxia para nenos”. Aliás, sinalou que escribiu o texto “desde a emoción” e apuntou que a “maior dificultade” deste proceso foi “tratar a historia con delicadeza, mais sen ocultar nada”.
En concreto, o texto narra a historia dunha nena chamada Xana que chega a un parque infantil recentemente construído nos arredores do pobo. Alí atopa a única compañía dun vello soldado de porcelana que alguén esqueceu. A partir desta formulación, constrúese un relato que reivindica a memoria histórica e leva, segundo o xurado do premio, a “un belo e inesperado desenlace”.
“Creo que a nosa obriga é loitar contra o esquecemento e gústame que este premio chegue precisamente agora, coincidindo coa entrada en vigor da Lei de memoria democrática en España”, expresou o dramaturgo, quen lamentou que “durante demasiado tempo se silenciasen historias que agora empezan a agromar”.
Así mesmo, subliñou que “é importante contar estas historias aos nenos”. “Recuperar os nomes e as historias do esquecemento é darlles vida de novo, mais tamén é darnos vida a nós mesmos”, concluíu.
O xurado do premio estivo presidido por Rafael Alcaraz (IV Premio SGAE de Teatro Infantil, 2004) e integrado por Sara Pinet (gañadora do certame en 2021), a directora escénica Puri Fariza, o dramaturgo especializado en teatro infantil Juan Rodríguez Santiago (director de Caramuxo Teatro) e Pablo Cruz (editor de literatura infantil e xuvenil no Grupo Anaya).”