A Coruña: presentación de Nunha presa de terra, de Paco Castro Alvarado

O martes 1 de abril, ás 20:00 horas, no local social da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, preséntase o libro Nunha presa de terra, de Paco Castro Alvarado, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participa Xosé Manuel Pereiro.

Paco Castro Alvarado: “Desde os oitenta eu pensaba que a literatura debía recoller o que estaba acontecendo no rural”

Entrevista de Montse Dopico a Paco Castro Alvarado en Praza:
“Un home queda pechado, por accidente, no seu lugar de traballo. É fin de semana, polo que non ninguén vai vir rescatalo. As horas pasan e, só cos seus propios recordos, non lle queda máis remedio que enfrontarse cos seus medos. Coa súa propia vida e co seu pasado. Unha infancia no medio rural que deixou feridas abertas. Mais que tamén lle transmitiu o saber que lle permitirá liberarse. Diso vai Nunha presa de terra (Laiovento), a primeira novela de Paco Castro. Un ollar ao rural que se afasta de idealizacións costumistas. Que chanta na terra da nenez a crítica dun mundo urbano que rebela máis que nunca a descomposición dun sistema que practica a violencia cos máis febles. En forma de usurpación de dereitos. Do mesmo xeito que antes fixera cos labregos.
– Praza: Comeza o libro cunha cita de John Berger. O cal é xa bastante significativo. Cal é, en xeral, a imaxe que querías deitar sobre o rural?
– Paco Castro Alvarado: Si, é significativo. John Berger é o autor que máis dentro chega na vida, na cultura e na psicoloxía labrega. Escribiu esa triloxía de relatos marabillosa que reflicten ben o proceso de desaparición desa cultura coas súas resistencias e as súas tensións. E ese ensaio epílogo de Porca terra a min paréceme o máis lúcido e comprometido que se ten escrito sobre a cultura labrega e a psicoloxía dos labregos e das labregas.
Desde hai moito tempo pensaba en escribir unha novela que rescatara esa realidade, que levantara acta dese proceso de destrución. Quería facelo percorrendo ese espazo tan transitado en Galiza que vai do rural ao urbano e do urbano ao rural sen caer no ruralismo tradicional nin no costumismo. Penso que modernizar a literatura galega non é facer literatura urbana e parecíame moi mal que a literatura non recollese ese proceso de transformacións bestiais que se estaban producindo no rural galego. Procesos que tiveron e teñen unha importancia decisiva na normalización cultural e lingüística de Galiza. (…)”