Compostela: presentación de Palabras de Opoton o Vello, de Avel·lí Artís-Gener, traducido por Eduard Velasco

O 30 de marzo, ás 19:30, en Numax (Rúa Concepción Arenal, 9, baixo), en Santiago de Compostela, Eduard Velasco, tradutor ao galego de Palabras de Opoton o vello, un clásico da literatura catalá obra de Avel·lí Artís-Gener, publicado por Xerais. Na presentación, xunto ao tradutor, participará a tamén escritora Lara Dopazo. Cómpre inscrición previa no correo comunicacion@numax.org. Se quedas sen entrada lembra que podes ver e escoitar ambas presentacións desde a casa via streaming nas páxinas de Facebook e Instagram de Numax (@numaxcoop).

Eduard Velasco: “Podemos escoller un libro en galego para divertirnos ou para levalo á praia como podemos ir ao bar da esquina comer uns petiscos e rir cos amigos”

Entrevista a Eduard Velasco en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Comecemos cunha idea forte. Que significa a literatura para vostede?
– Eduard Velasco (EV): Como lector, unha das actividades que me fan crer que investín ben o tempo, e sempre teño a obsesión de que o perdín miserablemente. Ler, chegar a ser un lector competente, é a actividade literaria que me parece, con diferenza, máis difícil e que require máis dedicación, unha dedicación para a que arestora non teño vagar. Eu, ademais, leo moi lento porque son un neurótico: necesito resolver todo o vocabulario, subliñar, glosar, anotar, mirar mapas… e ao cabo quedo coa sensación de que non entendín nada. No que fai á escrita, e lonxe de idealizacións románticas, despois dos intentos que fixen non podo dicir que a literatura me reconcilie con nada nin me conecte con nada nin me sexa necesaria para nada. Éme un entretemento e pásoo moi ben, si, pero é que a min me entretén mesmo fregar os cacharros. (…)
– PG: Como definiría o seu proceso creativo? É diferente segundo o xénero a traballar?
– EV: Creo que na prosa son moito máis libre, máis apaixonado, divírtome moito máis. No caso da poesía, o proceso é máis técnico, todo vai milimetrado (para algo se inventaron os teares), e procurei ir quitando paixón para que os textos non quedasen afectados e a propia vida non se metese demasiado na ficción dos poemas. Xa contei que Os días felices de Benvido Seixas é anterior a Ruído de trens e a O filósofo coxo, e non entendo como escribín dous poemarios tan serios despois dunha novela tan divertida. En todo caso, móvome no terreo das suposicións, porque o pouco que escribín non dá para facer medias. (…)
– PG: Recentemente publicou Palabras de Opoton O Vello, de Avel·lí Artís-Gener, obra que traduciu do catalán. Confesouse moitas veces namorado desta obra. Cal é o elemento que fai desta obra algo tan interesante?
– EV: Esa tradución é máis importante de todo o que fixen ata agora. É así porque é unha grandísima obra literaria, que está impecablemente escrita, cunha riqueza lingüística excepcional, cun argumento sorprendente, con moita tenrura cara ao personaxe protagonista e, o máis importante, cun sentido do humor refinadísimo, á altura do traballo inxente que Tísner, como era coñecido o autor, tivo que desenvolver para poder construír as Palabras de Opoton o Vello. Só con iso queda abondo xustificado traducila, editala, mercala e lela. Pero, ademais, ten unha lectura anticolonial, de defensa da liberdade dos pobos e de denuncia da opresión, que é o que lle engade o interese sociopolítico ao estritamente literario. Unha lectura que infelizmente nunca perdeu vixencia. Esta novela é un exemplo magnífico de que as ideas, na literatura, teñen que estar sempre supeditadas á forma e á linguaxe literaria. Non hai que esquecer, para entendela mellor, en que época e en que circunstancias foi escrita e editada, que é o que intento reconstruír eu no estudo introdutorio que preparei para a edición de Xerais, no que propoño que se lea coma unha testemuña da colaboración entre os exilios catalán e galego en México. (…)”

Eduard Velasco le un fragmento da súa tradución de Palabras de Opoton o Vello, de Avel.lí Artís-Gener

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento da tradución de Palabras de Opoton o Vello, de Avel.lí Artís-Gener, por parte de Eduard Velasco, no marco da iniciativa #envozpropia de Edicións Xerais, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Cuestionario Proust: Eduard Velasco

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Eduard Velasco:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-A curiosidade e a inquietude.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-O sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que me descubran novidades. Que me fagan rir. Que poidamos cociñar xuntos.
4.– A súa principal eiva?
-Algo relacionado con non saber que responder a esta pregunta.
5.– A súa ocupación favorita?
-Cambiar de ocupación cando xa cansei da anterior.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Tiven a fortuna de velo realizado e de gozar da felicidade sendo plenamente consciente. O máis importante é que iso descarga os que agora me rodean de calquera responsabilidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Non ser quen de sobrepoñerme a ela e de seguir adiante cando chegue.
8.– Que lle gustaría ser?
-Querería ter un taller e dedicarme a pintar e a traballar coas mans; como non creo que iso suceda, teño un proxecto alternativo a medio prazo.
9.– En que país desexaría vivir?
-Non vexo que haxa onde ir se non é facendo da propia casa un continente.
10.– A súa cor favorita?
-As cores rubias e azafranadas das terras mediterráneas: entre elas sei que estou na casa.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Quizais a do agave, e non pola beleza, senón polo acontecemento que precede a morte.
12.– O paxaro que prefire?
-Teño simpatía por todos os paxaros, mais gustaríame ter un loro e pasear con el no ombreiro pola rúa.
13.– A súa devoción na prosa?
-A que estea feita coa consciencia de que a literatura se constrúe con palabras e con linguaxe literaria, non con ideas e liñas argumentais.
14.– E na poesía?
-A popular en calquera das súas formas. Ningunha tentativa a vai poder superar nin en graza nin en exactitude nin en oportunidade.
15.- Un libro?
-É o único agasallo que sempre vou agradecer.
16.– Un heroe de ficción?
-Mortadelo, sen o que non se entende a miña educación sentimental.
17.– Unha heroína?
-A Mila da novela Solitud de Víctor Català.
18.– A súa música favorita?
-A das mulleres que están de parto e cantan para incorporaren a dor das contraccións. É unha melodía ancestral que sobrecolle.
19.– Na pintura?
-Luís Seoane, Berta Cáccamo, Santiago Rusiñol, Modest Urgell, Andreu Maimó, Alfredo Salom… E, sobre todo, a dos nenos cando riscan polo pracer do trazo e aínda non concibiron a figuración.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-A miña tataravoa murciana, Rosa Lario García, que fuxiu de Lorca en 1904 con catro fillos pequenos e foi a pé ata Barcelona pedindo polas casas.
21.– O seu nome favorito?
-Calquera topónimo non deturpado de calquera lugar do mundo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Ser rañas cos cartos e espurrido para a comida.
23.– O que máis odia?
-A preguiza e a falta de curiosidade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Todas as que arestora queren acabar con nós e que, infelizmente, pasarán á historia.
25.– Un feito militar que admire?
-A resistencia dos maquis ou calquera resistencia contra os feitos militares.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Ter boa voz e saber cantar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Dun ataque de hilaridade fatal ou vítima dunha morte absurda (por exemplo, pola caída dun piano na cabeza).
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Seica o optimismo e a alegría.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os provocados pola paixón.
30.– Un lema na súa vida?
-Adoptaría o que un dos personaxes de Palabras de Opoton o Vello lle di ao bo do Opoton e que vai moi ben para coller azos cando un desfalece no traballo material ou intelectual: «—Isto, irmán Opoton, é a miña canoa. Aínda non a teño acabada de todo mais xa queda menos que o día que a comecei a facer.»”