Desde a Real Academia Galega:
“O Simposio María Victoria Moreno foi inaugurado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e as organizadoras do programa, as académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, na sede da Academia. A tarde do 27 de novembro arrincou cun percorrido pola historia da literatura infantil e xuvenil galega para situar a María Victoria Moreno no “lugar de honra” que lle corresponde, indica a especialista neste eido da Universidade de Santiago de Compostela Blanca Ana Roig Rechou. “Moitas das obras que conforman a produción da autora, pouco extensa pero intensa, foron fundamentais para a consolidación da LIX galega, de aí que María Victoria Moreno sexa recoñecida como unha pioneira na constitución dese sistema literario e unha impulsora da educación literaria, ben planificada, a partir da boa literatura co obxectivo de axudar á conformación de lectores competentes”, expresa. (…)
A poesía de María Victoria Moreno
Antonio García Teijeiro ofreceu deseguido unha análise crítica da poesía infantil de María Victoria Moreno, centrada nos dous poemarios que dedicou á rapazada: E haberá un tirón de orellas? (1997) e Eu conto, ti cantas… (2005). “A proposta poética destes dous libros é marcadamente narrativa e está chea de musicalidade e xogos verbais, ademais de tratar temas como o amor e o respecto polos animais, a natureza como lugar de vida ou a propia creación literaria” (…)
Amigo da escritora desde os anos compartidos na codirección de Árbore -a colección de LIX de Galaxia que puxeron a andar xunto a David Otero-, Antonio García Teijeiro tamén debuxou un retrato íntimo da autora e da súa visión da poesía que, advirte, envolve todos os seus títulos. “As súas obras en prosa posúen unhas tinguiduras líricas que se poden apalpar a pouco que un entre no seu discurso literario. E están dun xeito delicado, coma sen querer molestar a prosa que escribe, pero que aniña no corazón do lectorado dun xeito morno”, define. A paixón por narrar e a paixón por crear poemas mestúranse na súa poesía infantil, que fai dubidar ao escritor se María Victoria Moreno “escribe un conto en verso ou sente a necesidade de poetizar e, a través dunha historia, escribir poesía”.
María Victoria Moreno tamén deixou escritos poemas para o público adulto, publicados postumamente en Elexías de luz (2006), nos que se detivo o condutor do recital, o escritor Xesús Rábade Paredes, quen coñeceu a María Victoria Moreno no instituto lugués, onde foi alumno dela. “Neste volume caben outros libros que se soñaron e acaso se plasmaron, mais de momento fáltannos os textos. Unha actitude lírico-subxectiva de saudades determina o conxunto desta obra”, valorou.
“Daquelas que contan”: o protagonismo das mulleres
A escritora Mercedes Queixas dedicou a súa intervención, titulada “Daquelas que contan”, a unha “moi significativa” marca autoral da narrativa de María Victoria Moreno: a presenza de mulleres como protagonistas, mulleres “que sofren o resultado da educación patriarcal á par doutras mozas e mulleres que son quen de a cuestionar en conciencia e de promover solucións liberadoras”. Un claro exemplo son os relatos compilados este ano no volume Nosoutras, no que todos os relatos están protagonizados por mulleres de distintas idades e estratos sociais, “desde prostitutas a labregas, libres ou sometidas, mais todas elas cun papel narrativo activo, mulleres afoutas, determinadas, resolutivas ante o infortunio, cuestionadoras de roles sociais”, analizou.
Nosoutras arrinca co manifesto do mesmo nome que María Victoria Moreno escribiu no nome de Úrsula Heinze, Palmira G. Boullosa, Helena Villar Janeiro, Ana María Fernández e ela mesma a finais dos anos 80. Este texto é “toda unha contundente e severa declaración de principios para se afirmar na continuidade do legado rosaliano, mais non como unha efeméride eventista, puntual e anacrónica, senón como herdeiras en eterna e progresiva renovación para afrontar vellos discursos que cada tempo novo semella recuperar”, advertiu a relatora, que tamén repasou desde a perspectiva de xénero a primeira novela da autora, Onde o aire non era brisa, escrita nos anos 60 e publicada postumamente en galego, e na que xa se “amosa un protagonismo feminino que impregnará a vocación literaria da autora; así como Anagnórise, protagonizada por outra profesora afouta; e Guedellas de seda e liño, “trazada desde o protagonismo feminino en clave refractaria das vidas reais diferentes”.”
Discurso literario
Isabel Soto, coautora da biografía María Victoria Moreno. Sementadora de futuro, profundou nalgunhas claves do discurso literario da escritora. Partindo das súas propias declaracións, analizou a súa concepción da escrita como desafogo, a súa relación cos libros e coa lectura, a vocación docente que sempre confesou, o compromiso coa lingua galega e as estratexias discursivas recorrentes nos seus textos.
Por máis que afirmase que escribía como un impulso e sen planificación, a lectura crítica das obras de María Victoria Moreno “pon de relevo estruturas planificadas e un sobresaliente manexo dos recursos narrativos”. “Non cabe dúbida de que, como boa filóloga, crítica e lectora, lles concede grande importancia aos aspectos formais que configuran o discurso (…). A habelencia construtiva de María Victoria Moreno deriva sempre en textos cos que desafía o lector potencial e cos que claramente innovou na literatura galega”, expresa Isabel Soto. A modo de exemplo, referiuse á estrutura de Leonardo e os fontaneiros, a do libro-xogo que lle permite a quen o le distintos camiños para a lectura, unha fórmula empregada noutras tradicións literarias nos relatos de aventuras pero que ela aplicou nun “relato realista no que a aventura non é externa senón íntima”.
O académico Andrés Torres Queiruga abordou finalmente a transcendencia no Diario da luz e a sombra (2004) nunha mesa moderada polo académico correspondente Xoán Babarro e compartida con Mercedes Queixas e Isabel Soto. (…)”
Arquivos da etiqueta: Palmira González Boullosa
“Palmira G. Boullosa, in memoriam”, por Manuel Bragado
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Soubemos da noticia do falecemento de Palmira González Boullosa o pasado 9 de febreiro e da preparación dun acto de lembranza para o vindeiro mes de maio. Mestra, escritora e lectora letraferida, Palmira foi unha das pioneiras esquecidas da Literatura Infantil e Xuvenil galega, tanto polo seu traballo como folclorista. moi atenta a recuperación da tradición oral, coma polas súas sorprendentes novelas de fantasía, na mellor tradición artúrica. Deuse a coñecer cos seus volumes de folclorista para os picariños, Adiviñas (1985), Mentiras (1986), Arrolos (1986) e ¿Quen panda? (1986), publicados por Galaxia na súa colección Tartaruga, que tanto e tanto utilizamos nas nosas clases de Preescolar de finais dos oitenta. Gañadora da segunda edición do premio Merlín pola novela A princesa Lua e o enigma de Kián (Xerais, 1988), á que seguiu Brandón, fillo de Ferreol (Xerais, 1993), traballaba devagariño en Brixit e Xenevra, co que remataría a triloxía, que bautizou de Cumiodouro.
Xaora, en Xerais lembraremos sempre a Palmira por Cando o rei por aquí pasou (1997), un libro fermosísimo (hoxe unha auténtica alfaia de bibliófilos), no que antologou os seus cadernos de folclore galego de toda unha vida e ilustrou con fermosas mariquiñas da que era coleccionista. Sabemos que deixa un extraordinario romanceiro galego inédito, que non quixo publicar, desque algún crítico dubidou da existencia do xénero na nosa lingua. Poeta serodia, en 1992 obtivo o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón por Asoladamente, o teu nome. Comprometida sempre coa renovación pedagóxica, foi, xunto a Mari Luz Liste, fundadora do Colexio Andersen e profesora do centro até 1987, onde puxo en práctica boa parte das súas ideas educativas sobre a lectura. As súas guías de lecturas para o Nadal constituíron un modelo de colaboración do centro educativo e as familias no fomento da lectura. Mestra das pombas e das palabras, nunca esqueceremos as súas frecuentes preguntas reflexións nas nosas presentacións en Librouro ou na Casa do Libro. Lembrarémola con saudades. Con todos os abrazos para as súas fillas.”