Raquel Castro gaña o Premio Anisia Miranda de Teatro para a infancia

Desde Cultura Galega:
“A obra Perder o norte, de Raquel Castro Martínez (Salvaterra do Miño, 1971) resultou a gañadora da quinta edición do Premio Anisia Miranda de teatro para a infancia que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas en colaboración coa Dirección Xeral de Cultura da Xunta. O xurado destacou da obra gañadora a súa proposta visual, así como o áxil ritmo dos diálogos no texto. Destacan tamén a actualidade do tema polo tratamento dos valores relacionados co medio ambiente e coa paz e tamén consideran moi positiva a presentación dos personaxes e a relación entre os nomes dos corpos celestes coa mitoloxía e as lendas. O galardón está dotado con 1.000 euros e a publicación da obra na Editorial Embora. A entrega terá lugar na sede da Fundación en Gres o día 24 de maio ás 18.00 horas, nunha xornada na que tamén se presentará o libro premiado na edición do 2024. Raquel Castro é profesora de lingua galega e literatura no ensino secundario, así como presidenta e fundadora da Asociación Teatral de Alxén dende 1999.”

María López Quiroga gaña o Premio Illa Nova 2025 coa novela ‘Perder o norte’

Desde Galaxia:
“En Vigo, a 11 de xullo de 2025, reuniuse o xurado do Premio Illa Nova de Narrativa nas instalacións de Ámbito Cultural de El Corte Inglés. Compóñen o xurado Ana Arias Castro, Iria Collazo, Lara Dopazo, Ramón Nicolás e Adrián Pérez Bote. Exerce de secretaria do xurado, en representación da Editorial Galaxia, Malores Villanueva.
Despois das oportunas deliberacións o xurado decide por maioría outorgarlle o Premio Illa Nova de Narrativa na súa novena edición ao texto Perder o norte.
Aberta a plica cos datos da obra premiada a gañadora resultou ser María López Quiroga.
O xurado destacou que Perder o norte é unha novela cun estilo moderno que dialoga co xénero dramático para tratar asuntos de actualidade como a saúde mental ou a dor. A historia afonda na relación íntima das personaxes protagonistas e, a través delas, esculca nese sentimento ata a emoción.
Esta historia transita diversos territorios, físicos e emocionais, dende as paisaxes luguesas da nenez, ata a xeografía itinerante que percorre a protagonista. Estas referencias espaciais, xunto con outras artísticas, literarias, musicais, constrúen un potente retrato xeracional.
A autora exhibe un estilo poderoso e coidado para narrar o proceso de crecemento da voz narradora.”