Pontevedra: Encontro da Federación Galeusca 2013, do 25 ao 27 de outubro

Do venres 25 ao domingo 27 de outubro terá lugar o Encontro da Federación Galeusca do 2013 en Pontevedra, baixo o título A literatura infanto-xuvenil: Perspectivas de futuro e adecuación a novos formatos, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e a Euskal Idazleen Elkartea, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra.

O programa está formado polo seguintes actos (sublíñanse os actos abertos ao público en xeral):

Venres, 25 outubro
20:30 h. Recepción no Pazo Mugartegui (Praza da Pedreira).
Este acto contará coa presenza do Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e dos tres presidentes das asociacións que conforman a Federación, e que atenderán á prensa:
Cesáreo Sánchez Iglesias (AELG).
Guillem-Jordi Graells (AELC).
Ander Iturriotz (EIE).

Sábado, 26 outubro. Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11).
De 10:00 a 12:00 h. Mesa redonda de narrativa (presenta e modera Francisco Castro).
Pere Morey (AELC), María Reimóndez (AELG), Fernando Morillo Grande (EIE).
De 12:30 a 14:00 h. Paseo literario por Pontevedra, con Xosé Vázquez Pintor e Fina Casalderrey.
De 16:00 a 18:00 h. Mesa redonda de poesía (presenta e modera Antía Otero).
Josep Francesc Delgado (AELC), Carlos Negro (AELG), Nicolás Zimarro Bravo (EIE).
De 18:15 a 20:15 h. Mesa redonda de teatro e outros formatos (presenta e modera Mercedes Queixas).
Pau Marqués (AELC), Ánxeles Cuña (AELG), Alaitz Olaizola Borda (EIE).

Domingo, 27 outubro. Casa das Campás.
De 10:30 a 12:00 h. Asemblea Federación Galeusca.
De 12:00 a 12:30 h. Lectura de conclusións e clausura.

As asociacións de escritores en catalán, éuscaro e galego formaron a Federación Galeusca o 15 de xuño de 2008, en Poblet, coincidindo co 25 aniversario da reunión anual Galeusca creada para establecer relacións entre os creadores/as de obras literarias na tres linguas minorizadas de España. O obxectivo da súa creación é que as tres asociacións teñan un instrumento legal para a coordinación e a acción conxunta, e cinco anos despois, a Federación Galeusca converteuse nunha ferramenta que é esencial para a afirmación da profesión e combater a invisibilidade social dos escritores/as nas tres linguas.
Actualmente a presidencia da Federación corresponde á asociación vasca, e será cedida ao remate da Asemblea da Federación ao presidente da catalá, Guillem-Jordi Graells.