Cambre: proxección de Peregrinaxes: Viaxando con Manuel María e posterior coloquio con Lois Diéguez

O sábado 28 de xaneiro, ás 12:00 horas, en Vila Concepción (Cambre), Lois Diéguez falará sobre o poeta Manuel María, aproveitando a proxección do audiovisual Peregrinaxes: Viaxando con Manuel María, que aproximará ao poeta viaxeiro polos mundos que amou, pisou e poetizou e que animaron de xeito especial a súa vida.

Lois Diéguez: “Manuel María era: Primeiro home, logo galego e, despois, poeta”

EntrevistaLois Diéguez a Lois Diéguez en Sermos Galiza:
“(…) “Manuel María era: Primeiro home, logo galego e, despois, poeta”. Lois Diéguez cóntanos no libro-DVD, Peregrinaxes. Viaxando con Manuel María, a vida do poeta nestas tres facetas á que se lle suma a de viaxeiro. (…)
Diéguez explicou que a orixe deste documental parte dunha peza audiovisual que se lle adicou un ano despois da súa morte: “Considerabamos que podiamos melloralo, entón fixemos unha versión máis corta. Esta de 25 minutos, o anterior de era de 45. E nestes 25 fixemos un estudo das imaxes máis racionalizado, máis no seu contexto e seguindo a cronoloxía da súa vida. Inicio, desenvolvemento e morte.”
A cinta discorre partindo dende a súa casa natal en Outeiro, pasando pola súa estadía en Lugo, Monforte e A Coruña, onde acaba, despois de pasar por todo o mundo. Lois Diéguez aludiu ao valor sentimental das fotografías “Hai imaxes moi interesantes recollidas de viaxeiros que foron, e fomos, con Manuel María por Exipto, Israel, Palestina, tamén Grecia e Italia que eran o centro da cultura clásica que el coñecía tanto e despois regresamos a casa, a Outeiro que é onde morre.
Xoan Carlos Garrido, realizador do documental, incidiu en que “O concepto do DVD era ilustrar con imaxes a poesía de Manuel María, o seu xeito de pensar e de vivir”, ademais quixo destacar a perspectiva viaxeira desta peza: “Entendendo a vida como unha viaxe, dende as súas casas, até os lugares que visitou e dos que se interesou e rematando na súa tumba. Xa que en moitas persoas Manuel María segue vivo e é alí onde o visitan.”
O vídeo remata, precisamente, ofrecendo unha rosa en Outeiro: “Un acto que fixemos daquela en 2005 e eran miles de persoas depositando a rosa na sepultura, entón é un recordo histórico da xente que pasaba por alí”, segundo Diéguez, quen identificou o vídeo como unha peza moi nostálxica “tal como era a súa poesía: Moitas veces triste e, nos primeiros tempos, máis alegre.”
No libro explícase todo isto dun xeito máis xenérico: Introduce, primeiro, a figura de Manuel María. O que representou na nosa cultura e na nosa política, como nacionalista e como poeta. Logo hai unha parte de estudo de Manuel María como viaxeiro, dos libros que adica a elas e, finalmente, explica as características do DVD.”