Francisco Antonio Vidal gaña o III Premio Laudamuco para textos Teatrais coa obra A vinganza de Fortimbrás

Desde Nós Diario:
Francisco Antonio Vidal Blanco (Palmeira. Ribeira, 1957) é o gañador da terceira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor, nado na Bouciña (Palmeira), concorreu ao certame coa obra A vinganza de Fortimbrás, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, destaca que “a pesar da situación excepcional por mor da pandemia da Covid-19, dende o Concello de Brión mantemos o noso compromiso coa cultura e vimos de fallar a terceira edición do Premio Laudamuco, que recaeu no escritor e etnógrafo coruñés Francisco Antonio Vidal Blanco”.
O xurado estivo formado por Pilar López Pérez, Xoana Balado Fernández, Gonzalo Rodríguez Calvo, Xulio Lago Alonso e Manuel Guede Oliva, persoas vencelladas á Academia Galega de Teatro e que escolleron por unanimidade o texto titulado A vinganza de Fortimbrás entre os 47 presentados ao certame.
O xurado destacou “o evidente interese que este premio concita, maila os seus poucos anos de vida, a teor do elevado número de textos presentados. É de supoñer que Roberto Vidal Bolaño estaría compracido”.
Segundo a acta do xurado, A vinganza de Fortimbrás é “unha precuela que vén dialogar co mito hamletiano e no que o autor rearma a historia shakesperiana, como antes fixera Álvaro Cunqueiro, propoñendo unha relectura na que os personaxes secundarios do drama orixinal pasan aquí a se converter en protagónicos, nun xiro de guión sorprendente e enriquecedor e no que é fácil percibir o amplo coñecemento por parte do autor ou autora da estrutura interna da obra de Shakespeare e no que Elsinor comparece como un espazo para abrigar novas hipóteses e traelas, de novo, a nós”. (…)”