Bea Lema, a primeira muller que acada o premio Banda Deseñada Castelao

Desde Sermos Galiza (foto de Andrea Rodríguez):
“Un xurado composto por especialistas en banda deseñada decidiu que Bea Lema se convirta na primeira muller gañadora do Premio Castelao da Deputación da Coruña, o único do xénero no panorama cultural galego ao que se presentaron dezaseis orixinais, o maior número da súa historia.
O xurado estivo presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e formaban parte del Emilio Fonseca, gañador da anterior edición pola obra Fóra de marxe, e os autores Xosé Tomás, Natacha Busto e Pablo Auladell, que decidiron a obra gañadora da nova edición do único certame de banda deseñada do panorama galego. O premio está dotado con 6.500 euros máis a publicación da obra pola Deputación da Coruña. O xurado decidiu deixar deserta a convocatoria destinada a público infantil.
O xurado valorou a “intensidade dramática sen caer no sentimentalismo” da obra de Bea Lema ademais da “sensibilidade para contar patoloxías mentais desde o punto de vista infantil”. A resolución do premio recoñece tamén o valor de O corpo de Cristo á hora de “mostrar a resilencia dunha nena fronte aos problemas adultos” e, en canto o traballo gráfico da obra destaca que a autora prima unha “liña elegante e delicada que transmite atmosferas emocionais moi complexas, apoiándose en metáforas visuais moi intensas e potentes”.
Formada como deseñadora de produto pola Universidade da Coruña, Bea Lema (A Coruña, 1985) comeza a súa traxectoria profesional en 2010 traballando para a firma de cerámica Sargadelos. En 2013 crea, xunto a Xoan Torres, o proxecto Lelédacuca onde realizan obxectos que mesturan o deseño contemporáneo coa artesanía tradicional. (…)”

Titoán, de Iván Suárez e Ignacio Vilariño obtén o VII Premio de banda deseñada Castelao

O cómic Titoán, do debuxante compostelán Iván Suárez e o guionista de Lalín Ignacio Vilariño, é a obra gañadora da VII edición do Premio de banda deseñada Castelao, convocado pola Deputación da Coruña e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora. Miguelanxo Prado apuntou que todos os libros de banda deseñada que gañaron o Castelao foron editados tamén en castelán e están a ter unha boa acollida por parte do público, pois son obras “que chegan máis alá do mercado local e deféndense por si soas con dignidade”. Segundo explicou Miguelanxo Prado, Titoán é “unha achega adulta a un personaxe histórico como Castelao, a través dunha narrativa medida e axustada, sen parafernalia efectista”, e cunha solución gráfica “atractiva, coherente e eficaz, que funciona á perfección ao servizo que está a contar”. “Non é doado facer unha obra sobre Castelao sen caer no didactismo ou na cita enciclopédica”, afirmou Miguelanxo Prado, que subliñou tamén “a metalectura do texto, a historia que se conta nun segundo plano da obra, como Castelao constrúe unha historia e vai atopando personaxes e situación”, todo iso cunha “estrutura arriscada” na que o humor se mestura con momentos de grande intensidade poética.
A obra foi seleccionada por unanimidade, pois “ten un plus a nivel gráfico e de guión, cuxa orixinalidade e plantexamento vai alén dos estándares habituais”. O xurado decidiu tamén seleccionar como finalista a obra Salpock, o val dos cegos, de Álvaro López Santos e Luis Sendón, que é “unha fantasía heroica, unha utopía e unha ucronía en clave de aventura” (Galicia Hoxe). Tamén foi recollido en Culturagalega, Xornal, Galiciaé.

Convocado o VII Premio de banda deseñada Castelao

“Tendo en conta, tanto por número como por calidade, o grupo de novos autores de historieta que teñen xurdido nos últimos anos en Galicia, e que compoñen un destacado colectivo que se considera o máis importante do panorama nacional, a Deputación da Coruña, sensible á significación que está a ter este sector da cultura galega, convoca o VII Premio de banda deseñada Castelao, de acordo coas seguintes:

BASES

Primeira.- Poderán participar todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, que non fosen premiadas nas cinco edicións anteriores, e que presenten narracións en banda deseñada escritas en lingua galega, inéditas e non premiadas en ningún outro premio o certame. As obras presentadas poderán ser escritas e debuxadas, cada unha delas, por un másimo de dous autores (un como guionista e outro como debuxante).
Segunda.- Establécese un premio único dotado con 6.500 euros, estando esta cantidade suxeita ás retencións legais que lle fosen aplicables. A Deputación publicará a obra premiada, directamente ou a través doutra editorial, mantendo o autor ou autores os dereitos para a posible edición da obra en calquera outra lingua distinta á galega. Así mesmo, cos traballos orixinais será realizada unha exposición de carácter itinerante.
Terceira.- A temática das obras será libre, podendo tratarse dunha historia única ou dun conxunto de historias. O traballo será presentado por duplicado e en exemplares separados, numerados, grampados ou encadernados, da seguinte forma:
• O libro terá que estar rematado, tanto en guión como en debuxo.
• O formato deberá ser de mancha 26 x 19 cm., ou proporcional.
• O tamaño dos orixinais: mínimo DIN-A4 e máximo DIN-A3.
No caso de que a maiores o traballo se presente en soporte dixital, deberá figurar a tamaño final (26 x 29 cm.) e en resolución de 300 ppp para color, 400 ppp para grises, ou 600 ppp para branco e negro, en soporte CD e formato TIFF.
• A extensión mínima será de 48 páxinas.
• Para a súa valoración enviaranse copias encadernadas en DIN-A4 con calidade láser.
• Os orixinais seranlle requiridos ao gañador para o proceso de edición e de preparación da exposición.
Cada obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que será enviada achegada dun sobre aparte; no exterior do sobre figurará o título da obra e o lema ou pseudónimo do seu autor; no interior incluirase unha copia do DNI, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico e, ademais, unha declaración expresa de que a obra é inédita e que non foi premiada, ata a data da súa presentación, en ningún outro certame ou premio. No caso de autoría conxunta, deberá incluírse un documento explícito coa participación de cadaquén e a porcentaxe do premio pactada entre os autores, e que estará asinado por ambos os dous.
Cuarta.- O prazo de presentación de orixinais comezará o día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o día 31 de marzo de 2011. Os orixinais enviaranse á Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre VII Premio de banda deseñada Castelao.
Quinta.- O xurado estará presidido polo presidente da Deputación e formarán parte del: a deputada presidenta da Comisión de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico-Artístico, e tres persoas do eido da banda deseñada. O xurado será nomeado polo presidente da Deputación, actuando como secretario o da Corporación ou o funcionario no que delegue. A composición do xurado será feita pública con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
Sexta.- Os participantes terán a obriga de comunicarlle á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso. O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. O xurado non poderá declarar deserto o premio e presentará a súa proposta ao presidente da Deputación, que é o órgano competente para resolvelo. A decisión do xurado terá lugar no mes de abril de 2011 e darase a coñecer no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, e a través dos distintos medios de comunicación. A plica correspondente á obra que resulte finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida darse a coñecer o seu nome. O xurado poderá realizar unha selección entre as obras non premiadas, para a súa inclusión nunha exposición itinerante que percorrerá os concellos da provincia, e da que se editará o correspondente catálogo. Os autores cuxas obras estean na exposición recibirán cinco exemplares do catálogo.
Sétima.- Non se devolverán as obras presentadas e non premiadas e a partir do día seguinte á concesión do xurado serán destruídas.
Oitava.- A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

A Coruña, 20 de decembro de 2010.”

Brais Rodríguez gaña VI Premio Castelao de Banda Deseñada con A man do diaño

“Un alegato humanista e antibelicista”. Así cualificou o xurado do Premio Castelao de Banda Deseñada a historieta A man do diaño do debuxante Brais Rodríguez (Brión, 1980) que onte gañou a súa sexta edición. O galardón, convocado pola Deputación da Coruña, supón para este ilustrador un pulo para a súa motivación -a obra publicarase o vindeiro ano-, ademais dunha axuda económica -está dotado con 6.500 euros-. O presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda fixo público onte a resolución xunto co comisario do certame, Miguelanxo Prado e a deputada responsable da área de Cultura, Caridad González Cerviño. O xurado destacou que “a partir dunha anécdota sinxela”, A man do diaño elabora “nun relato ucrónico, un alegato humanista e antibelicista”. Segundo comenta o debuxante, a historieta é “a historia de tres soldados que teñen unha visión bélica propia, pero mentres van cumprindo a súa misión, ven a dimensión humana da guerra”. Segundo explicou Miguelanxo Prado, A man do diaño sitúase “nun espazo de utopía e ucronía”, dende o que o debuxante “vai amosando un catálogo de situacións e implicacións dos personaxes” durante unha situación bélica, que levan ao lector a “unha reflexión sobre o absurdo das guerras”. A través diso, o debuxante coruñés afonda no “carácter humano do antibelicismo”, xa que os tres personaxes se formulan se a súa misión bélica ten sentido ou non. “Como en moitas películas bélicas, atopámonos nun escenario infernal, que non é humano, que non atopa sentido”, asegura o autor do cómic. De feito, o autor non quixo tampouco localizar a historieta nun país concreto. “Non concretei unhas coordenadas espazo-temporais. Podería suceder tanto nos países de Europa do Leste como en Suramérica. Non quixen remarcalo, senón que me centrei no aspecto antibelicista”, engade o autor. A acta do xurado destaca tamén o acertado uso dos recursos narrativos da obra premiada, “cun estilo moderno, claramente vencellado á banda deseñada europea máis nova”. Neste sentido, en opinión do debuxante, as súas influencias dentro do mundo da banda deseñada é unha “cuestión xeracional”. “Hai autores que levan creando moitos anos e que me influíron como Chester Brown”, comenta Brais Rodríguez, con referencia a un dos referentes do cómic independente dos anos 90 en Estados Unidos. Con todo, o debuxante nado en Brión non circunscribe as súas influencias só ao ámbito europeo ou americano. “Teño máis próximos a ilustradores españois como Bruguera, Vázquez ou Superlópez, que sempre están aí”, indica. (De Galicia Hoxe, tamén aparece a nova en Xornal, La Voz de Galicia).

VI Premio de banda deseñada Castelao

Tendo en conta, tanto por número como por calidade, o grupo de novos autores de historieta que teñen xurdido nos últimos anos en Galicia, e que compoñen un destacado colectivo que se considera o máis importante do panorama nacional, a Deputación da Coruña, sensíbel á significación que está a ter este sector da cultura galega, convoca o VI Premio de banda deseñada “Castelao”, dotado con 6.500 €. O prazo de recepción de orixinais remata o 31 de maio de 2010. Bases (PDF, 46 KB)

V Premio de Banda Deseñada “Castelao”

Organiza e convoca a Deputación da Coruña, que establece un premio único de 6.500 €. A Deputación publicará a obra premiada, directamente ou a través doutra editorial, e realizará cos traballos orixinais realizarase unha exposición de carácter itinerante. O prazo de admisión de orixinais finaliza o día 30 de maio de 2009. Ler texto completo das bases.