Xa rematou o prazo de recepción de orixinais para a décima edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, organizado pola Agrupación Cultural Ergueitos e a Concellaría de Cultura de Sárria. Nesta décima edición recibíronse 86 poemarios. O xurado estará composto pola gañadora da oitava edición, Olalla Cociña; polo Presidente da Asociación de Escritores en Língua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias e polo editor e poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, aos que acompañarán con voz e sen voto o Concelleiro de Cultura de Sárria, Xermán Arias e a Presidenta da A.C. Ergueitos, María Casar. O fallo do xurado será dado a coñecer o 27 de marzo nun acto público a celebrar na Casa do Concello de Sárria e a entrega do premio (6.000 euros e unha obra dun artista plástico galego) celebrarase a primeiros de maio no transcurso dun acto poético-musical.
Arquivos da etiqueta: Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
Últimos días para presentarse aos premios Fiz Vergara Vilariño e Pura e Dora Vázquez
Lembrámosvos que nas próximas semanas remata o prazo de presentación de orixinais para o X Premio 2009 de Poesía Fiz Vergara Vilariño organizado pola asociación Ergueitos (31 de xaneiro de 2010) e o VII Certame Xornalístico Pura e Dora Vázquez convocado polo Concello de Arteixo (1 de febreiro de 2010).
X Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Sarria: presentación da obra gañadora do IX Premio Fiz Vergara Vilariño
O próximo xoves 3 de decembro, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Sarria preséntase o libro gañador da novena edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño: Palabras para un baleiro de Baldo Ramos. Participarán na presentación o propio Baldo Ramos, o editor Miguel Anxo Fernán-Vello, o Concelleiro de Cultura Xermán Arias e a Presidenta de Ergueitos María Casar. Pechará o acto coa actuación dun dúo de violinistas.
Sarria: acto do Premio Fiz Vergara Vilariño
O venres 17 de abril a Asociación Cultural Ergueitos presentará a obra plástica que o artista Iván Prieto realizou de xeito desinteresado e solidario para o gañador da IX edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Será a partir das 19:00 horas na Casa do Concello de Sárria.
Sarria: entrega do premio Fiz Vergara Vilariño
O pasado día 14 de marzo fallouse en Sárria a IX edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, do que resultou gañador o poeta Baldo Ramos. A entrega do premio terá lugar o día 25 de abril no hotel NH Alfonso IX de Sárria dentro dun acto poético – musical que dará comezo ás 19: 30 horas e irá seguido dunha cea. A mantedora do acto será Olalla Cociña e intervirán os membros do xurado, o gañador, o artista plástico Iván Prieto así como o concelleiro de cultura e a presidenta de Ergueitos. A música nesta ocasión correrá a cargo do grupo de jazz Maní & Cupeiro Quartet. As persoas interesadas en asistir a esta festa da poesía poden facer as reservas no Hotel Alfonso IX, chamando ao teléfono 982 530 005.
Baldo Ramos gaña o IX Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
Sarria, 14 de marzo de 2009
Reunidos na casa do Concello de Sarria os membros do xurado do IX Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño acordamos conceder o premio ao libro presentado baixo o lema: *Palabras para un baleiro*.
Neste libro atopamos unha reflexión profunda sobre o sentido da poesía como canle para entender a vida, para interpretar vivencias inefables. Un achegamento existencialista, case filosófico, na procura dunha expresión alén da propia poesía. Unha poesía esencializada con moito sentido do ritmo.
Aberta a plica da obra seleccionada, en acto público celebrado ás 13:30 horas, resultou ser o seu autor Baldo Ramos.
Xosé Antón Neira Cruz, Lucía Aldao, Pilar Pallarés, Xermán Arias (Presidente), María Casar (secretaria).
Mañá saberemos quen gañou o IX Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
A Agrupación Cultural Ergueitos e a Concellaría de Cultura do Concello de Sárria convocan aos medios de comunicación e ao público en xeral ao acto de apertura da plica da obra gañadora da novena edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, que se levará a cabo mañá sábado 14 de marzo, ás 13:30 horas, no Salón de Plenos do Concello de Sárria. Este acto levarase a cabo logo da derradeira reunión dos membros do xurado, composto polo Concelleiro de Cultura de Sárria, Xermán Arias, a Presidenta da Agrupación Cultural Ergueitos, María Casar (ambos con voz e sen voto) e os poetas Xosé Antón Neira Cruz, Lucía Aldao e Pilar Pallarés.
Xurado do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
Máis de 80 orixinais chegaron para concursar na novena edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, que está organizado pola Agrupación Cultural Ergueitos e a Concellaría de Cultura de Sarria e cuxo prazo de presentación rematou o pasado 31 de xaneiro. Acaba de coñecerse a composición do xurado, que estará formado polo Concelleiro de Cultura, Xermán Arias, a Presidenta da A.C. Ergueitos, María Casar, e polos poetas Xosé Antón Neira Cruz, Lucía Aldao e Pilar Pallarés. O ditame do xurado será dado a coñecer antes do remate do 1º trimestre do ano 2009, como figura nas bases do premio, nun acto público que será anunciado con antelación.
Entrega en Sarria do VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
O venres 18 de abril terá lugar no hotel NH Alfonso IX ás 20:00 a entrega do VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño á poeta Olalla Cociña.
«Comezaremos cun solo da bailarina Carmela Garcia, que interpretará a coreografía “El jardín”, coa que recibiu o Premio á bailarina sobresaínte no XXI Certame Coreográfico de Madrid. A continuación intervirán os membros do xurado Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño e Martín Veiga, o concelleiro de Cultura do Concello de Sárria Xermán Arias, o alcalde de Sárria Claudio Garrido e a Presidenta da A.C. Ergueitos María Casar. O artista plástico Eduardo Valiña farálle entrega á gañadora dunha peza coa que contribúe a facer do Fiz Vergara Vilariño un encontro das artes. O mantedor do acto será X. A. Neira Cruz.
Remataremos a entrega do premio cunha actuación do dúo formado por Luis Soto (frauta da Real Filharmonía de Galicia) e Xosé Antonio Rodríguez (profesor de guitarra no Conservatorio profesional de Santiago de Compostela) interpretando obras de Piazola, Machado, Satie e Paulino Pereiro. Posteriormente haberá unha cea no mesmo hotel.
Nesta ocasión tamén nos sería moi grato poder terte neste acto que anova en cada edición o noso labor de manter viva a memoria do Fiz e de facer medrar a árbore da poesía cun novo poemario anainado na casa da Espiral Maior.» (María Casar, Presidenta da A. C. Ergueitos)