Armando Requeixo faise co XXXII Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro

Desde Cultura Galega:
“O artigo “O contemplador de estrelas. Álvaro Cunqueiro, gastrónomo”, publicado no suplemento Faro da Cultura do Faro de Vigo valeulle a Armando Requeixo facerse co XXXII Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro. O Concello de Lalín, que organiza o galardón coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago coas asociacións gastronómicas galegas e coa Axencia Turismo de Galicia, daba a coñecer este 13 de xaneiro o fallo, que o xurado adoptou por unanimidade.
O premio, recoñecido como o galardón periodístico máis importante de España, conta cunha dotación de 4.000 euros e foi para un artigo do que o xurado valorou “a calidade literaria do traballo no que amosa un profundo coñecemento de Lalín e da cociña lalinense a través dun percorrido pola obra de Álvaro Cunqueiro como gastrónomo”.
O alcalde de Lalín, José Crespo, os xornalistas Martín Fernández Vizoso; Alberto Barciela Castro; Belén Xestal Ares; María José Imia Vázquez, en representación de Turismo de Galicia; Xosé Ramón Pousa Estévez e a vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Alba Silva Rodríguez, a concelleira de Turismo, Begoña Blanco, e Inmaculada Vilariño, do Gabinete de Comunicación do Concello de Lalín como secretaria conformaron o comité de selección. (…)”

Premio Cunqueiro ás principais receitas do legado culinario galego

Desde Galicia Confidencial:
“O libro Cociña galega tradicional (receitas, tradición, historia e evolución), de Matilde Felpeto Lagoa, vén de proclamarse como a obra gañadora da XXIV edición do Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro. O traballo foi o mellor valorado polo xurado entre as 22 propostas que se presentaron á convocatoria deste ano.
O volume gañador recolle as principais receitas do legado culinario de Galicia, relatando, en cada caso, a historia principal do prato e as distintas maneiras de preparalo. (…)
O segundo premio do XXIV Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, dotado con 1.000 euros, recaeu en O equilibrio dos opostos, unha longametraxe documental dirixida e producida por Alberto Baamonde Bello, autor que xa o ano pasado obtivera o primeiro premio deste certame co filme Cociñando na fin do mundo. O documental foi estreado no Festival internacional de cine documental PLAY-DOC, de Tui, o 22 de marzo de 2017. (…)”