Mario Regueira, gañador do III Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

Desde Sermos Galiza:
“O escritor, crítico literario Mario Regueira, é o gañador da terceira edición do Premio de Xornalismo Lueiro Rey, convocado polo Concello de Fornelo de Montes. O artigo “Matar o recadeiro” foi o elixido polo xurado, que destaca como se aborda “con espíritu crítico unha realidade contemporánea laboral como é a das persoas que teñen que empregarse como ‘recadeiros’ – tamén chamados ‘riders’- baixo condicións absolutamente escravistas e vinculado coa aparición de novas formas de capitalismo”.
Eis o artigo:

Matar o recadeiro
Sería fermoso poder dicir que apareceron como unha bandada de paxaros amarelos. Pero non hai imaxe que os acolla con facilidade. Tampouco teñen un nome claro: algúns chámanlles riders, aínda que sempre lembro con ironía que a primeira que atopei na miña cidade non cabalgaba moto nin bicicleta nin cabalo. Subía pesadamente unha costa empinada cunha enorme mochila ás costas. Nela, estampado, o nome dun servizo de delivery, outro estranxeirismo que evidencia como a aparición desta nova forma de traballo colleunos, aparentemente, co pé cambiado, que nin nomes propios temos. Seguramente un acaido sexa recadeiros. No fondo, o que fan estes novos servizos é iso mesmo, facer recados que non teñen que limitarse, nin polo contido nin polo medio, a levar comida.
Os recadeiros están para calquera cousa, prestan un servizo que hai anos pensaríamos que é prohibitivo pero que agora mesmo parece ao alcance de calquera. Teño visto con moita sorpresa como, mesmo nunha pequena cidade galega, é cada vez máis frecuente cruzarse con eles e os seus logotipos. Ter unha hamburguesa do teu restaurante favorito, cervexa fría se chegan visitas, xeo para un combinado… é tan doado como chamar ou empregar a app e unha desas persoas con grandes mochilas aparecerá na nosa porta. E poderíamos pensar, como se repite moitas veces, que é a tecnoloxía a que permite isto, que antes de estar interconectados e ter aplicacións no móbil para todo isto non sería posíbel. Teño visto algún destes recadeiros sentado na rúa, tomando algo de comida rápida mentres mira ansiosamente o teléfono por se entra unha nova encomenda. Ser recadeiro implica tamén estar atento á demanda, sexa a hora que sexa e aínda que a túa propia hamburguesa quede a medio comer.
Hai anos unha amiga economista falábame dos indicios indirectos da situación económica. Seica en épocas de bonanza a xente é máis indulxente á hora de mercar doces e a moral admite prendas máis curtas que durante as crises. Os vellos economistas crían poder percibir a marcha das cousas cunha simple ollada superficial aos carros da compra ou ás saias das rapazas. Pregúntome que papel ten a irrupción dos recadeiros nas nosas vidas, que indicio económico espertan, e se son, como moita xente di, unha bandada de paxaros, un signo de bonanza económica.
A comezos da primavera deste ano, un deses riders (este si que levaba moto) morreu nun accidente de tráfico na cidade de Barcelona. Este feito trouxo á primeira plana varias cousas que sospeitabamos. Os recadeiros non son empregados de ningunha empresa, nin sequera a dese logotipo enorme que cargan ás costas, e que, en certo sentido, tamén os despersonaliza. A maior parte traballan baixo a figura de falso autónomo e a súa relación laboral coas plataformas de delivery segue a discutirse nos tribunais, con sentencias contraditorias. De ser recoñecida, aínda habería que repasar en que condicións desenvolven o seu traballo e se vulnera, por razón de salario ou horario, outros aspectos da lexislación laboral.
Pero non podemos enganarnos, non é a tecnoloxía e o mundo interconectado o que produce esa bandada polas rúas das nosas cidades. O que sostén o negocio dos recadeiros é a falta de regulación e a tolerancia a formas de negocio que hai anos entenderíamos que rozan o escravismo. Que algo sexa posíbel non quere dicir que sexa xusto, como non é xusto que a comodidade duns poucos e as miraxes de bonanza dos outros se baseen en matar o recadeiro.”

Montse Fajardo gaña o II Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

“O día 22 de outubro de 2018 ás 19:00 h, despois de deliberar no Café Moderno de Pontevedra, o xurado composto por Ramón Nicolás, Ramón Rozas, Carme Vidal e actuando como secretaria Carme Carreiro decidiu outorgar o II Premio de Xornalismo Lueiro Rei ao artigo “O universo de Carlos”, presentado baixo o pseudónimo de “Roque Pérez”.
Unha vez aberta a plica resultou ser da autoría da xornalista e investigadora Montse Fajardo autora de libros como Matriarcas, Un cesto de mazás e Invisibles, entre outros.
O xurado destaca do texto “a denuncia da discriminación que sofren as persoas con autismo e as súas familias”. A autora transmite dificultades que se lle presentan á nai dun neno con autismo e os atrancos que ten que superar día a día ademais de dar conta do pouco respaldo institucional que recibe para darlle ao fillo as atencións que necesita.
O artigo é quen de que as persoas lectoras empaticen coa angustia da situación da protagonista e reparen na falta de equidade con quen ten esta condición neurolóxica a través dun caso particular.”

A seguir publicamos o texto gañador (tamén dispoñíbel aquí):

O universo de Carlos
(Roque Pérez)

A profe Esther di que se tes autismo é como se che soasen na cabeza cincuenta emisoras á vez e por iso a Carlos lle custa moito concentrarse nunha cousa. Os movementos hipnóticos axúdanlle a fuxir dese balbordo, así que pode pasar horas mirando os peixiños, petando co lapis ou subido á randeeira. A profe Mónica sempre lle deixa un pouco máis que ao resto e ninguén protesta. Con el aprenderon que o trato xusto non é o igualitario, senón o equitativo: o que dá a cadaquén o que precisa.
Ás veces Carlos precisa dar voltas pola aula. Déixanlle dar dúas, tres e logo vai alguén da clase dicirlle que sente. Esther, que é a profesora terapeuta, ensinoulles trucos para captar a súa atención entre tanta emisión: “Xirádelle a cara, buscade o contacto visual…” pero fica abraiada cos códigos que argallaron para falarlle, coa capacidade innata que teñen para comunicarse con el. Aos cinco anos asumiron con naturalidade que era parte do grupo e había que entendelo.
Fóra do CEIP San Roque de Corón non é tan fácil. O autismo é un reto para unha sociedade que sabe ser solidaria cunha cadeira de rodas pero non actúa coa mesma normalidade ante as doenzas psíquicas.
Maika nota miradas que a xulgan cando o seu fillo ten unha das súas perrenchas e se tira polo chan do súper. Ás veces sente que non pode máis, e séntese culpábel por sentilo. Pero leva anos sen un respiro.
Os xemelgos tiñan dezaoito meses cando notou que Carlos non atendía aos estímulos igual que Miguel. A diagnose de autismo cambiouno todo. Para todos. Miguel converteuse no irmán maior e o universo empezou a xirar arredor de Carlos. Maika deixou atrás a súa individualidade e ata o seu matrimonio. É difícil manter algo que non sexa a atención sobre el. Ninguén se ofrece a axudarche. A avoa cóidao unhas horas pero non de noite nin na rúa por temor a non saber controlalo. Un neno con autismo non ten filtros e pode insultarte ou poñerse violento. Así que Maika opta por saír pouco da casa.
Viuse obrigada a renunciar á vida laboral, e a falta de soldo complicouno todo máis. Resúltalle imposíbel contratar a alguén que a axude, que lle dea un respiro que lle permita, polo menos, pasar máis tempo con Miguel e non abafar de culpa. Non hai achegas económicas. As discapacidades psíquicas non se cuantifican como as físicas e só recibe 1.800 euros anuais que lle obrigan a elixir entre a psicóloga ou a logopeda e aínda así só dan para unha hora de consulta semanal cando precisaría unha diaria. Levar a Carlos á terapia é outra odisea porque como non lle pasa nada nas pernas non lle dan tarxeta de aparcamento. Dá igual que a súa cabeza se negue a camiñar, que se tire polo chan e a obrigue a vivir un calvario camiño da logopeda. Se pode andar, non hai tarxeta.
Ante a falta de apoio do sector público, as familias agrúpanse en asociacións específicas e poñen en marcha servizos, pero son demasiado caros para Maika.
Tamén no cole escasean os recursos. Precisaríase máis profesorado terapeuta e contar con orzamento para material adaptado.
O suposto estado de benestar camiña moi por detrás da clase de Carlos, que xa non concibe mural sen pictogramas nin elixir una coreografía que lle resulte imposible a el. Esther ten claro que lle achega ao grupo moito máis do que recibe, porque é a súa mellor lección de empatía.
Quizais, se en cada aula houbese un Carlos, no futuro teríamos unha sociedade máis equitativa, que non deixe sobre os ombreiros de Maika todo o peso do universo.

II Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

“O Concello de Fornelos de Montes, para honrar a memoria do seu ilustre escritor e contribuír á promoción xornalística en galego, convoca a II edición do Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey, cos seguintes obxectivos:

1.- Poderán concorrer a este certame todas as persoas que o desexen e cada participante deberá facelo cun único artigo.
2.- Os artigos serán inéditos, deberán estar escritos en galego e estaren redactados nun estilo xornalístico de carácter divulgativo e/ou de opinión no ámbito da denuncia social.
Os artigos presentados deberán ter entre 2.500 e 3.500 caracteres con espazos incluídos (entre 450 e 600 palabras, aproximadamente).
3.- Nas obras concursantes deberán aparecer escrito con claridade o título e un lema, que tamén figurarán no exterior dun sobre que conteña a fotocopia do DNI do autor ou autora, o seu teléfono, correo electrónico e enderezo, así como un pequeno currículo literario, no caso de que teña obra publicada.
4.- Os artigos deberán presentarse por cuadriplicado, ben no propio Concello ou por correo certificado, en cuxo remite só deberá figurar o pseudónimo.
5.- O prazo de presentación rematará o día 30 de xuño de 2018.
6.- A dotación do premio único e indivisible que será de 1.000 euros, estará suxeita ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión. Se o xurado o considera oportuno, o premio poderá ser declarado deserto. Así mesmo, o xurado poderá designar un ou máis accésits ao premio que en ningún caso comportarán dotación económica.
7.- O xurado estará composto por tres persoas de recoñecida capacidade no ámbito ao que se refire a convocatoria e por un secretario ou secretaria, con voz e sen voto, en representación do Concello de Fornelos de Montes.
8.- Para a selección do traballo premiado, o xurado terá en conta:
– A orixinalidade dos artigos
– A adecuación ao tema e xénero solicitados.
– A claridade expositiva e a calidade lingüística.
9.- O veredicto será dado a coñecer na segunda quincena de setembro de 2018 directamente ao gañador ou gañadora e a través dos medios de comunicación. A entrega do premio terá lugar, salvo causas de forza maior, nun acto público no Centro Multiusos do Concello de Fornelos de Montes en outubro de 2018. As obras non premiadas poderán ser retiradas polas autoras ou autores nas dependencias do Concello de Fornelos de Montes no prazo dun mes a contar a partir da data do veredicto do xurado.
10.- O artigo premiado quedará en propiedade do Concello de Fornelos de Montes, a quen se lle permite o seu uso e difusión por todos os medios, sen xerar iso ningún tipo de custo económico por dereitos de autoría nin outros conceptos.
Para a súa publicación os artigos poderán ser revisados lingüisticamente.
A participación supón a total e plena aceptación destas bases, sobre as que diante de calquera dúbida prevalecerá a opinión do xurado.

30 de abril de 2018.”

Xoán Carlos Domínguez Alberte: “Non estaremos nunha democracia real até que a dereita repudie o franquismo”

Entrevista de Daniel Salgado a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Sermos Galiza:
“O artigo O segredo mellor gardado levou a primeira edición do premio de xornalismo Manuel Lueiro Rey do Concello de Fornelos de Montes. É obra do escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte (Ramirás, 1966). Cunha prosa tensa, repasa a vida dun avó que combateu por defender as liberdades, “a xustiza social e os seus inmorrentes ideais”.
“Non vivimos nunha democracia normalizada. As vítimas nin sequera puideron verbalizar” a súa condición de vítimas, denuncia a respecto das dificultades para recuperar o relato do antifascismo. Domínguez Alberte, que prepara un libro de poemas para Galaxia, vén, a maiores, de entregar un ensaio á revista A Trabe de Ouro: “Senlleiros e esquecidos, sobre a represión na Terra de Celanova”.
O 5 de novembro, en Fornelos de Montes, recollerá o galardón.
– Sermos Galiza (SG): O avó que protagoniza o artigo existiu?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): Si, existiu, e existiu ate non hai moito tempo. O texto baséase en fontes de memoria oral moi achegadas a min. E a área de incidencia é a miña bisbarra, a Terra de Celanova, onde teño traballado durante décadas sobre a memoria histórica.
– SG: A que se debe o medo á memoria?
– XCDA: Débese, evidentemente, ao círculo vicioso de políticas, leis, tribunais e medios de comunicación que se retroalimenta. Vémolo agora co que sucede en Catalunya. A base do sistema en que vivimos foi pactada co franquismo. E eu insisto, así o escribín moitas veces en Sermos e noutros lugares, non estaremos nunha democracia real ate que a dereita rexeite e repudie o franquismo. (…)”

“O segredo mellor gardado”, por Xoán Carlos Domínguez Alberte

Desde Sermos Galiza:
Con este artigo Xoán Carlos Domínguez Alberte foi distinguido co I Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey.

“O avó durou case tanto coma o vello século que con el rematou. Dende que o prenderan e lle tronzaran a columna para que cantase, ata a súa desaparición, pasaran xusto cincuenta anos. E cantar cantou, vaia se lles cantou.
Dende o ventre podrido das torturas dun cárcere ateigado de espíritos tolleitos, disparoulles á cara os sons libertarios que tan ben coñecía: “Agrupémonos na loita final. O xénero humano é a internacional”.
Non conseguiron tumbalo. Sempre fora coraxudo, ben tempo antes de andar no monte, que xa era home feito e dereito. Mais daquela mutilación quedoulle, para sempre, un andar derreado, coma a sombra dun paseo que nel nunca rematou.
Na fronte unha estrela, a da xustiza social. No bico un cantar, o dos seus inmorrentes ideais, cos que denunciou aos herdeiros dos verdugos, coa súa poderosa voz como cabeza da oposición no seu cativo concello rural.
Aquilo fora nos primeiros tempos daquela tan gabada transición, cando canto fascista había se converteu, de socato, en demócrata, da noite para a mañá.
Aínda tivo tempo de saber que se ía aprobar unha Lei da memoria histórica, mais xa non puido descubrir que ficaría en pouco máis ca en papel mollado botado ao mar.
Un mar no que se segue proxectando, coma unha inmensa pantasma asasina, aquel grande emblema fascista, a inmensa cruz dos caídos, mantida e defendida aínda na actualidade por seica un goberno progresista. Que, con toda impunidade, se segue exhibindo no lugar máis vistoso da súa cidade, no confín dos verdes castros sobre os reflexos da ría.
Pola lexislación internacional sabemos que nunca caducan —prescribir é a palabra oficial— os delitos executados contra a humanidade, contra a integridade das persoas.
“Ser peor o remedio cá enfermidade”, “se quen o aplica non ten a intención de sanar” —engadíalle el á setenza popular—. E con isto referíase á chamada Lei de Amnistía de 1977. Sen condena quedaron torturas, roubos, asasinatos, violacións… Sen castigo ningún o brazo executor de tanta barbarie.
Por iso nunca recoñecera pertencer á guerrilla, nin moito menos ser fuxido quen nunca lle escapou ao deber coa civilización. “A guerra fixérona os outros. Contra o goberno da República, contra a democracia popular” —e engadía, nun fondo sentimento que abalaba entre a tristura e a fachenda—: “Nós fomos os únicos que defendemos o ben, que sempre loitamos pola liberdade”.
Non quixo levar con el o segredo mellor gardado, e confioullo só a un descendente, saltando unha xeración. “Que vai pasar se lles dicimos aos de agora, despois de tanto tempo, onde está escondida toda a que fora a nosa munición? En vez de armaren un espazo vivo para a xustiza e a intelixencia, o que farán será querer volver matar o pensamento e os ideais, con todo o estrondo da metralla das súas tribunas e dos seus tribunais”. E seguramente levaba toda a razón.
A súa confianza estaba só nun ensino de verdade, da verdade, coma nos tempos da República. Nunha escola libre, laica, con ciencia e conciencia. Que algún día chegue a contar o relato fiel do que aquí, dende os anos trinta en diante, pasou.
Entón enténdese a súa vontade de non revelar o lugar onde, hai agora setenta anos, esconderan todo o armamento utilizado en defender a legalidade democrática que a crueldade asasina para sempre lles arrebatou.
E mentres tanto o silencio fráxil dos ósos nos que nos afirmamos, que nós afirmamos, demanda o antídoto contra a desmemoria, a única esperanza posíbel segue a estar na man da lembranza familiar.”

Ditame do I Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“(…) Reunidos na cidade de Pontevedra, o día 26 de setembro de 2017 ás 20:00, o xurado composto por Ramón Nicolás, Ramón Rozas e Carme Vidal coa coordinadora do premio, Carme Carreiro, en calidade de secretaria, decidiu outorgar o I Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey ao artigo “O segredo mellor gardado”, presentado co pseudónimo “María Balteira”. Unha vez aberta a plica, o gañador resultou ser Xoán Carlos Domínguez Alberte.
O xurado considera que o artigo evoca a escrita xornalística reivindicativa, comprometida e de contido social de Manuel Lueiro Rey. Ademais, o tema de recuperación da memoria histórica que centra o texto constitúe un dos elementos fundamentais na traxectoria vital e xornalística do escritor nacido en Fornelos de Montes.
“O segredo mellor gardado” parte da memoria persoal e familiar agochada para reivindicar a fin do silencio. O xurado destaca tamén o interese de que a recuperación da historia de quen foi vítima da represión teña presenza nos medios de comunicación. O texto foi escollido por unanimidade entre o considerábel número de artigos presentados á primeira edición do certame que completa o abano de premios dos principais xéneros visitados por Lueiro Rey, unha vez xa están consolidados os premios de poesía e narrativa.
Escritor e profesor de ensino público, Xoán Carlos Domínguez Alberte (Escudeiros-Ramirás, 1966) ten unha ampla obra literaria na que frecuenta xéneros como a poesía, de maneira especial, o ensaio ou o teatro. Colabora habitualmente en diversas publicacións e medios de comunicación. Versos para conversar (2016) é a máis recente obra dunha traxectoria que se iniciou con Material de outono no ano 2000. Ademais, Domínguez Alberte é un activo dinamizador cultural.”