Carlos Labraña gaña o II Premio Platta – Galicia 2020

Desde Erregueté:
Carlos Labraña é o gañador do II Premio Platta de Teatro Breve – Galicia coa peza Descociñando. O texto será publicado na colección PLATTA en galego, castelán e portugués, dentro das actividades da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador.
O xurado –composto por María Armesto, José Breijo “Topo” e Mercedes Pardavila, actuando de secretario con voz pero sen voto Xoán Carlos Riobó, da erregueté– valorou de xeito especial “a prolífica configuración dos personaxes e a identificación con eles, a utilización de mecanismos como a intriga que mantén o interese e a curiosidade da lectora, o uso de metáforas que ilustran os estados de ánimo do peronsaxe principal e o sorprendente final purificador tinxido pola comicidade deste drama”.
Ademais da súa publicación, o texto será o material de traballo das lecturas dramatizadas que terán lugar no mes de novembro dentro do marco do Festival Transfronteirizo de Teatro Amador organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado.
O Premio PLATTA de Teatro Breve en tres linguas nace en 2019 co obxectivo de estimular a escrita teatral e promover tanto a súa tradución como a súa difusión nos diferentes territorios que configuran a Platta Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador (Federación Galega de Teatro Afeccionado, Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castilla y León, Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana e erregueté). O premio estrutúrase ao longo do ano en tres certames que se corresponden coa lingua do territorio que acolle cada un dos festivais transfronteirizos: I Premio PLATTA de Teatro Breve – de Castilla y León (castelán), I Premio PLATTA de Teatro Breve – Galicia (galego), I Prémio PLATTA de Peças Curtas de Teatro – Portugal (portugués).”

O Carballiño acolle o Festival Transfronteirizo de Teatro Amador

Desde Erregueté:
“O Carballiño converterase en epicentro do teatro amador os días 10, 11 e 12 de maio coa celebración do Festival Transfronteirizo de Teatro Amador no que participan diferentes colectivos de Galicia, Portugal e Castela-León. O evento, que se enmarca dentro das actividades da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador –formada pola Federación Galega de Teatro Amador, a Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castilla y León, o Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana/Teia e a erregueté– propón un programa intenso no que a creación se combina con diferentes espazos para a formación e a reflexión.
As representacións teatrais comezarán no Auditorio Manuel María o venres 10 de maio ás 20.30 horas da man do grupo portugués Teatro de Balugas e o espectáculo Pão Nosso, unha peza que aborda de forma poética o ciclo do pan na aldea. O sábado 30 de maio ás 20.30 horas, Latele (Laboratorio Teatral Leonés) tomará o relevo coa presentación de Raíces de Lorca, unha homenaxe a todas as mulleres que nos marcaron a través da historia. Pola súa parte, o domingo 12 de maio ás 17.00 horas, o grupo galego Lohengrín será o encargado de pechar o programa con A mirada das bolboretas, unha peza interactiva para toda a familia na que a música se mestura co traballo xestual.
I Premio Platta de Teatro Breve
O domingo 12 de maio ás 12.30 horas terá lugar a presentación do texto gañador do I Premio Platta de Teatro Breve, que nesta ocasión foi para Morreu a tía María, de Xosé Prada. A peza, editada xunto coas súas traducións ao castelán e ao portugués na colección Cadernos Platta que edita a erregueté cofinanciada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal poderá verse en escena da man das persoas participantes nos obradoiros de lecturas dramatizadas en tres linguas que se desenvolven durante o festival.
Dentro da súa actividade de estímulo á creación, á innovación e á mellora da calidade do teatro amador galego, o Fetta conta este ano cun obradoiro de escrita guiado polo dramaturgo Ernesto Is. De igual xeito, coa intención de ofrecer un espazo para a reflexión sobre as artes escénicas e abrir novas perspectivas desde o teatro amador, a actriz Victoria Teijeiro será a encargada de inaugurar a serie de coloquios que este ano se centrarán no tema “Teatro e inclusión”.
A presentación do programa que onte tivo lugar no Concello do Carballiño contou coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; a Presidenta de Fegatea, Chelo Pampillón e dos directivos do grupo de teatro Tiruleque Xosé Prada e Lydia Almonte.
No acto, Diego Fernández manifestou o “orgullo por acoller este festival que completa a programación municipal na véspera da Semana das Letras Galegas” ao tempo que apuntou que se trata dunha das citas anuais do teatro afeccionado en Galicia. Pola súa parte, Manuel Doval sinalou estar “especialmente motivado por esta presentación que se fai nunha vila tan vinculada ao teatro como é O Carballiño” e aproveitou a ocasión para destacar a colaboración da Deputación cos concellos e asociacións en materia cultural e aplaudir a inclusión no programa dunha obra infantil, dinamizando a formación entre os escolares. Por último, desde a organización animouse a animouse á veciñanza do Carballiño a asistir ás representacións e demais actos do festival organizado desde Fegatea que, como sinalou Chelo Pampillón, traballa por incentivar o teatro afeccionado que é “é un xeito de teatro por amor”.”