Desde
Galaxia:
““Neste libro hai tres celebracións: Roland Barthes, a lingua galega e a filosofía”. Con estas palabras Luis García Soto (A Coruña, 1956) agradeceu o Premio Ramón Piñeiro que, na súa XIV edición, se lle entregou onte pola obra Barthes filósofo, no paraninfo na Facultade de Filosofía de Universidade de Santiago de Compostela.
Luís G. Soto, profesor nesta facultade, da que foi decano durante anos, reivindicou a filosofía como a gran ponte para a vida e o coñecemento, e a lingua galega coma unha gran rede de relación, afectos e socialización “que se tece arredor de nós e nos dá sentido e identidade”. Respecto a Barthes, filósofo que vén ocupando unha parte importante da actividade intelectual do premiado, este ano cúmprense cen anos do seu nacemento. “Esta obra, escrita en galego, enriquece a bibliografía sobre un autor fundamental no pensamento contemporáneo e, ao mesmo tempo, nos posiciona nos debates que se están a celebrar en toda Europa sobre o seu pensamento”.
Uxía Rivas, profesora na facultade, actuou de madriña na presentación, cunha analise sobre a obra premiada, e o vicerrector de oferta docente, Roberto López, que presidíu o acto, citou a Emilio Lledó para reivindicar oa estudos de filosofía, hoxe ameazados por unha concepción mercantilista das humanidades, marxinadas dos planos de estudo das universidades pola cultura do diñeiro e do utilitarismo “que simplifican e deforman a realidade, eliminando o pensamento crítico”.
O Premio Ramón Piñeiro, centrado no xénero de ensaio, convócase todos os anos pola Editorial Galaxia co patrocinio de Gas Natural Fenosa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. En palabras de Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, “o ensaio é un xénero de madurez que aposta polo cualitativo fronte ao cuantitativo e que está na mellor tradición do catálogo da editora. (…)””
Arquivos da etiqueta: Premio Ramón Piñeiro de Ensaio
Bases do XV Premio de Ensaio Ramón Piñeiro
Luís García Soto gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio
Desde
Galaxia:
“Vigo, luns 19 de xaneiro de 2015, 13.30 h.
A obra Barthes filósofo, da que é autor Luís García Soto, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2014, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 19 de xaneiro de 2015, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela.
O premio desta décimocuarta edición está dotado con 3.000 euros e o ensaio ha ser publicado pola Editorial Galaxia durante este ano.
O xurado valorou especialmente que este ensaio faga unha interpretación, desde Galicia, da obra de Roland Barthes, importante autor cuxo legado está presente na cultura do século XXI. O autor interpreta a produción multidisciplinar de Roland Barthes como a dun auténtico filósofo. Argumentando a través da análise de cada unha das obras de Barthes, o ensaio debulla esta tese, en clave semiolóxica, na procura dun diálogo con quen le.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Luís Alonso Girgado, Patricia Arias Cachero, Antón Figueroa, Olivia Rodríguez González e Carlos Lema, como secretario con voz e voto. (…)”
Bases do XIV Premio de Ensaio Ramón Piñeiro
José María Durán Medraño gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio
Desde
o blogue de Galaxia:
“A obra Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer do traballo nun diálogo con Karl Marx, da que é autor José María Durán Medraño, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2013, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural-Unión Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 21 de xaneiro de 2014, ás 11:00 horas, no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela. O ensaio premiado nesta oitava edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros ha ser publicado por Editorial Galaxia o durante este ano.
O xurado valorou moi especialmente a orixinalidade do tema e do seu enfoque, que afronta un asunto de actualidade e abre unha reflexión nova sobre a concepción do traballo na sociedade contemporánea. O autor establece un vencello entre a teoría do valor do traballo e o pracer, empregando as achegas recentes do pensamento para subliñar a dimensión creativa e estética do traballo, ademais da social. O xurado recoñece así os méritos dunha obra na que se valorou tanto a exposición e a análise das ideas, como o rigoroso labor de argumentación dun ensaio escrito desde unha prespectiva orixinal e provocadora.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Luís Alonso Girgado, Marilar Aleixandre, Xaime Subiela, Dolores Vilavedra e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos trece orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles.”
Convocado o XIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro
BASES
“A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Gas Natural Fenosa, convocan o XIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
Este premio nace en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio, e acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual da persoa á que se honra, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.
1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que os orixinais sexan inéditos e estean escritos en lingua galega.
2. A extensión dos orixinais abranguerá entre 200.000 e 300.000 caracteres, incluídos espazos, aínda que o xurado poderá considerar flexiblemente esta condición, conforme a calidade obxectiva da obra seleccionada.
Deberanse presentar cinco copias dos orixinais en formato DIN A4 mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara.
3. O tema dos ensaios será libre, mais os traballos deberán evitar, na medida do posible, o enfoque propio da investigación especializada ou un excesivo carácter académico.
4. Os orixinais deberán enviarse por correo certificado, baixo plica, a: Editorial Galaxia, Avenida de Madrid, 44, 36204 Vigo, e indicar no sobre XIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
5. O prazo para a recepción de orixinais rematará o 15 de novembro do ano 2013 e a decisión do xurado, que terá carácter inapelable, darase a coñecer no transcurso do mes de decembro.
6. Establécese un único premio de 3.000 euros que será outorgado ao ensaio que, en opinión do xurado, posúa maior fondura e orixinalidade e reúna suficientes méritos estilísticos e literarios.
7. Se ningún dos orixinais presentados reunise estes méritos ou o xurado así o considerase, o premio poderase declarar deserto.
8. A contía do premio inclúe os dereitos de autor da primeira edición do texto gañador. A partir da segunda, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos sobre o prezo de capa sen IVE, para o autor ou para quen el libremente determine.
9. A Editorial Galaxia publicará e comercializará o libro na súa colección Ensaio, e na cuberta salientará, ao par da editorial, o logotipo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e na contracuberta os logotipos das entidades colaboradoras: a Xunta de Galicia e de Gas Natural Fenosa.
10. As copias dos orixinais non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas
11. A interpretación destas bases corresponderalle exclusivamente ao xurado, cuxos
membros, en número de cinco, nomearanse de común acordo entre as entidades convocantes.
12. A presentación ao premio supón a conformidade con estas bases por parte dos participantes.
En Santiago de Compostela, 2013.”
Pódense descargar tamén aquí: XIII Premio Piñeiro 2013.
Xaime Subiela gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio
“A
obra Para que nos serve Galiza? valeulle a Xaime Subiela facerse co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio na súa décimo segunda edición. O premio, dotado con 3.000 euros e mais a publicación da obra, está organizado pola Editorial Galaxia, a Consellaría de Educación e mais Gas Natural Fenosa. A obra premiada, segundo sinala a Consellaría de Cultura, propón unha análise dos restos que afronta o noso país, “en torno á idea de buscar alternativas colectivas conciliadoras arredor do concepto integrador de nación; cunha visión optimista de futuro”. O xurado do galardón estivo composto por Luís Alonso Girgado, Miguel Barros Puente, Encarna Otero Cepeda, Carme Vidal Lage e Carlos Lema. En total presentaronse sete obras ao galardón.” Desde Cultura Galega.
Convocado o XII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro
“A
Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Gas Natural Fenosa, convocan o XII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro. Nace este premio en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio, e acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual da persoa á que se honra, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.
1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que os orixinais sexan inéditos e estean escritos en lingua galega.
2. A extensión dos orixinais abranguerá entre 200.000 e 300.000 caracteres, incluídos espazos, aínda que o xurado poderá considerar flexiblemente esta condición, conforme a calidade obxectiva da obra seleccionada. Deberanse presentar cinco copias dos orixinais en formato DIN A4 mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara.
3. O tema dos ensaios será libre, mais os traballos deberán evitar, na medida do posible, o enfoque propio da investigación especializada ou un excesivo carácter académico.
4. Os orixinais deberán enviarse por correo certificado, baixo plica, a: Editorial Galaxia, Avenida de Madrid, 44, 36204 Vigo, indicando no sobre XII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
5. O prazo para a recepción de orixinais rematará o 31 de outubro do ano 2012 e a decisión do xurado, que terá carácter inapelable, darase a coñecer no transcurso do mes de decembro.
6. Establécese un único premio de 3.000 euros, que será outorgado ao ensaio que, en opinión do xurado, posúa maior fondura e orixinalidade e reúna suficientes méritos estilísticos e literarios.
7. Se ningún dos orixinais presentados reunise estes méritos ou o xurado así o considerase, o premio poderá ser declarado deserto.
8. A contía do premio inclúe os dereitos de autor da primeira edición do texto gañador. A partir da segunda, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos sobre o prezo de capa sen IVE, para o autor ou para quen el libremente determine.
9. Editorial Galaxia publicará e comercializará o libro na súa colección Ensaio, salientando na cuberta, á par da editorial, o logotipo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e na contracuberta os logotipos das entidades colaboradoras: a Xunta de Galicia e o Grupo Gas Natural.
10. As copias dos orixinais non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas.
11. A interpretación destas bases corresponderá exclusivamente ao xurado, cuxos membros, en número de cinco, serán nomeados de común acordo entre as entidades convocantes.
12. A presentación ao premio supón a conformidade con estas bases por parte dos concursantes.”
Teresa Moure gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2011 con Queer-emos un mundo novo
“Queer-emos
un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións é o título da obra coa que Teresa Moure acaba de levar o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio. A escritora impúxose no certame, dotado con 6.000 euros, entre 12 orixinais, e fai un achegamento á lingua e á literatura galega desde a teoría queer. Na súa obra, Moure critica a construción das categorías home/muller e cuestiona mesmo os empregos inclusivos do xénero da linguaxe, que considera baleiran de contido o potencial transformador do feminismo. Galaxia editará o volume ao longo do vindeiro ano.” Vía Cultura Galega.
Vía Galaxia: “O ensaio de Teresa Moure, que presentou co pseudónimo de Ramón Agrelo en alusión ao cuestionamiento de xénero, “vai máis alá da tradición feminista para criticar a construción das categorías home/muller e desmontar tanto a tradición hetero-normativa como a do propio feminismo”. O ensaio de Moure foi premiado por maioría por un xurado formado por Ernesto González Seoane, María López Sández, Susana Reboreda Morillo, Anxo Tarrío Varela e Carlos Lema, director literario de Galaxia. O xurado destacou a calidade media dos doce orixinais presentados, así como a variedade de temas.”
Recollido tamén en Galicia Hoxe, La Voz de Galicia, El Progreso e El País.

