Arquivos da etiqueta: Premio Trasalba
Camilo Nogueira, recoñecido co Premio Trasalba
Desde
Sermos Galiza:
“O economista, enxeñeiro, ensaísta e político galego Camilo Nogueira Román (Lavadores, Vigo, 1936) recibirá o próximo 26 de xuño o Premio Trasalba que todos os anos concede a Fundación Otero Pedrayo a unha personalidade destacada no galeguismo. O escritor Suso de Toro, que en 1991 publicou o libro de conversas Camilo Nogueira e outras voces, será o encargado de pronunciar a correspondente laudatio, e a Fundación, como vén sendo habitual, publicará un libro-homenaxe ao premiado.
A Fundación valora a personalidade de toda unha vida entregada á causa de Galiza, da súa identidade nacional e cultural, salientando de xeito especial a vocación e compromiso europeísta de Camilo Nogueira, na mellor tradición dos homes da xeración Nós e, máis en concreto, de Ramón Otero Pedrayo.
A xeración Nós comprometeuse moi decididamente na dimensión europea e europeísta de Galicia como nación. Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, entre outros, pronunciáronse moi conscientemente por este vencello histórico, que enmarca Galiza na construción do grande universo europeo mesmo desde as primeiras concepcións da Europa moderna. Como ensaísta, ademais de como político, Camilo Nogueira desenvolveu e desenvolve unha intensa actividade nesta dirección, con libros como Europa, o continente pensado (2008) e Galiza na Unión (2008). (…)”
Agustín Fernández Paz recolle o Premio Trasalba nun país de “liberdade limitada” para galegofalantes
Desde
Sermos Galiza:
“Recibiu o Premio Trasalba e, máis unha vez, presentouse herdeiro dos soños da xeración Nós. O escritor Agustín Fernández Paz criticou no seu discurso a condición de “libertade limitada” que padecen @s galegofalanes e lamentou o doado que é desfacer o que tanto tempo “custou construír”. (…)
O discurso de Agustín Fernández Paz ao recoller o Premio Trasalba foi contundente á hora de criticar os pasos atrás no proceso de normalización lingüística. “Na Galiza de hoxe as persoas galegofalantes temos a nosa liberdade limitada”, dixo o escritor que defendeu o espazo de normalidade para a lingua e mostrou a súa confianza na rede e nas iniciativas sociais para pular contra a ofensiva que bate no galego.
Como un “dos mellores escritores do noso tempo” que “traballa sempre desde o compromiso coa nosa lingua” definiu o tamén escritor e presidente de Galix, Francisco Castro, ao autor da recente A viaxe de Gagarin (Xerais), un título que se engade a súa ampla e valorada obra que o converteu nun dos escritores máis lidos e traducidos da nosa literatura.
O acto de entrega do premio Trasalba tivo lugar este domingo día 29 de xuño na casa museo de Ramón Otero Pedrayo. A Fundación Otero Pedrayo decidira por unanimidade da súa xunta de goberno concederlle o recoñecemento a Fernández Paz nesta edición número 32 para o que valoraron “moi especialmente“ a súa significación na literatura dirixida aos lectores máis novos “ámbito no que o autor ten acadado recoñecida sona dentro e fóra das nosas fronteiras, así como o seu compromiso coa lingua e os movementos de renovación pedagóxica que empezaron a desenvolverse a partir dos anos 80, un eido que ata agora non fora considerado na nómina de Premios Trasalba, o que sen dúbida os enriquece”. (…)”
Agustín Fernández Paz, Premio Trasalba
Desde
Sermos Galiza:
“O Fundación Otero Pedrayo escolleu ao escritor Agustín Fernández Paz para lle outorgar o Premio Trasalba 2014. A súa sólida e recoñecida traxectoria literaria, o compromiso inquebrantábel coa lingua e a súa participación activa nos movementos de renovación pedagóxica son algunhas das razóns que a entidade expón á hora de valorar o nome do autor como representante da cultura galega a homenaxear este ano na casa grande de Cimadevila, en Amoeiro, nun acto que terá lugar o vindeiro 29 de xuño. (…)
O escritor e presidente de Galix, Francisco Castro será quen lea a laudatio do premiado nunha xornada na que se entregará un libro homenaxe sobre o autor coa súa traxectoria literaria e biográfica. (…)”
