O venres 17 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa das Asociacións de Cornes (Rúa Manuel Beiras, 3) de Santiago de Compostela, terá lugar o recital poético Expulsadas do Parnaso, coa participación de Andrea Nunes Brións e Raquel Rei (As Candogas do Quirombo), Ania González, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Ledicia Costas Álvarez, Olalla Cociña, Dores Tembrás, Raquel Rei e Teófila Noemí Ruiz. Segundo comentan os seus promotores: “Poetas de diferentes xeracións e estéticas reúnense co público nunha escoita e espazo non convencionais. Voz, xesto e audiovisuais achegarán a obra destas mulleres que comparten a palabra como canle para dicir pero de xeitos moi diversos”. O acto enmárcase nas xornadas Que ves cando me ves?, que buscan visibilizar e dar voz á muller na produción cultural galega, e promover a reflexión crítica da cidadanía. As xornadas continuarán o sábado 18 coa celebración dun evento central, entre as 11:00 e as 14:30 h., nunha carpa na praza Roxa de Santiago onde se fará estampación en directo de mandís e bolsas da compra con lemas e motivos que traerán a Santiago o espírito do maio francés. Alí haberá tamén contacontos, stands de revistas e editoriais e outros espectáculos sempre abertos á participación do público. Ese mesma mañá o Colectivo Artístico 20 65 levará a cabo unha instalación-performance coa colocación de 300 globos no chan que o público axudará a liberar, unha metáfora do teito de cristal que obstaculiza a ascensión das mulleres nos seus proxectos persoais e profesionais.